(Texto do folleto repartido na concentración do 15 de Novembro en Compostela)
Crise financieira? Non, ho! É unha cuestión enerxética!
Os científicos levan anos advertindo de que o crecemento capitalista é insostible por unha cuestión de límites físicos: o noso planeta é finito. A Axencia Internacional da Enerxía lanza dramáticos avisos que poucos escoitan.
O capitalismo precisa medres continuos para seguir a existir, pero o crecemento requere enerxía e esta comeza a escasear.O sistema funciona a base da creación constante de diñeiro virtual a partir de novas débedas. En recesión non hai novas débedas coas que crear o diñeiro que pague o interese dos créditos anteriores e o sistema colapsa.
O cénit da produción mundial de petróleo xa está aquí ou chegará en todo caso antes do 2010 (segundo os realistas) ou do 2020 (segundo os optimistas).
Suecia, Dinamarca, Irlanda, Escocia, R.U., Cuba, Australia… xa se están a preparar para un inmediato futuro sen petróleo. E en Galiza… que facemos?
Por todo o mundo estanse a tomar iniciativas urxentes a nivel local, rexional e nacional cara a unha transición enerxética que asegure unha máxima independencia con respecto a un petróleo cuxa suba desbocada é inevitable a medio prazo. Fálase de decrecemento controlado, soberanía enerxética, relocalización da economía…
Os economistas conscientes dos límites xeolóxicos aos que se enfrenta o capitalismo din que os prezos do petróleo deste verán son responsables de disparar a crise financieira.
Só é cuestión de tempo que volvan impactar contra as bases dun sistema construído sobre a dispoñibilidade do petróleo
barato. A chegada da súa produción ao cénit suporá un golpe brutal para a alimentación e o transporte (dependentes del nun 90%), o comercio mundial e o sistema monetario. E non hai substituto viable nin tempo!Precisaríamos 20 anos para nos prepararmos antes da chegada dese cénit !! (Informe Hirsch para o Goberno dos EE.UU.)
Días de moito… Véspera de Nada!
Infórmate. Prepárate.