O seguinte texto é un resume impecable da situación feito por Manolo Rei, unha das persoas que ha participar na mesa de debate do vindeiro día 6 de decembro no Foro Social. Nunhas breves liñas (moi axeitadas para a súa lectura na WWW) Manolo debuxa a situación, as consecuencias e os 2 tipos de resposta posibles, na súa opinión. Acompaña o texto un esquema gráfico que representa as alternativas á situación e as realimentacións que se dan entre as múltiples crises e as respostas que vaiamos dándolles, ao xeito da Dinámica de Sistemas.
- O cénit enerxético e do petróleo en particular é unha realidade inminente. Non importa a data exacta ou se xa o estamos a pasar ou se a crise pode frealo temporalmente. Vivimos nun mundo finito e nun sistema capitalista baseado no constante crecemento.
- A crise enerxética é un subproduto do carácter depredador do capitalismo que se enmarca nunha crise máis global. A crise do paradigma capitalista, o neoliberalismo e a economía globalizada. EEE. Crise Económica, crise Enerxética (e de recursos e materias primas en xeral que se relaciona coa crise alimentaria), crise Ecolóxica ou a descomposición medio ambiental tamén producida pola voracidade sen límites do capitalismo.
- As consecuencias nun futuro máis ou menos próximo (depende da escala temporal e de outros moitos factores que interveñen no proceso):
- O capitalismo é un animal ferido que trata de sobrevivir nun planeta tamén ferido por lo mesmo sistema, e procura a supervivencia a toda costa, mesmo cando o planeta empeza a non soportar a inxente demanda de recursos que precisa. É complicado saber como pode reaccionar este animal ferido para garantir esa supervivencia, pero non sería moi desatinado pensar en guerras polos recursos, fame, retrocesos en dereitos sociais e liberdades, política do medo, populismos fascistas amparados nos sistemas democráticos…
- O mundo terá que adaptarse a unha contorna de baixa dispoñibilidade enerxética e de recursos: Independentemente do escenario no que discorran os acontecementos será necesario atopar solucións que garantan as necesidades básicas no relativo á autosuficiencia enerxética, alimentaria e de materias primas esenciais.
- Ideas e consideracións para afrontar a situación que se perfila
- Decrecemento sostible das sociedades máis consumidoras do planeta (simplificamos con hemisferio norte) e desenvolvemento equilibrado para acadar as necesidades e comodidades básicas (simplificamos con hemisferio sur). Consumir menos para vivir mellor. Potenciación de transporte público ecolóxico, especialmente da bicicleta para vilas e pobos, reducir á mínima expresión o carro particular e des industrializar o necesario… (boa parte da industria non é necesaria do mesmo xeito que boa parte do que se consume non é necesario)
- Potenciación da autoxestión e da autosuficiencia a nivel local tecendo redes de apoio mutuo e solidariedade. Solucións enerxéticas locais renovábeis e non agresivas (minieólica, solar térmica principalmente, mini hidráulica, e outras…). Autosuficiencia e autoxestión alimentaria e ecolóxica a nivel local potenciando diversas iniciativas cooperativas, permacultura, horto urbán, etc. Re utilización e reciclaxe total. Economía descapitalizada.
- Profundar na democracia participativa e horizontal para que a cidadanía teña a liberdade e a responsabilidade de decidir no que directamente lle afecte sen manipulacións nin delegacións. Activar un modelo social centrado na localidade en rede (a rede como modelo,non me refiro a internet ) na que se requira e promova a participación real e activa (tremendo cambio de mentalidade…)
Unha reflexión sobre “Cénit do petróleo: algunhas liñas básicas sobre a cuestión”