O debate sobre o cénit do petróleo no Foro Social Galego

Debate sobre o cénit do petróleo no FSGal (6/12/2008)Como xa vos anunciáramos nestas mesas páxinas, o pasado sábado 6 tivemos unha presentación e un debate dentro dos actos do Foro Social Galego. Malia o mal tempo e o madrugón sabatino, a asistencia de público foi notable (unhas 50 persoas que case enchían a aula nº 9 de Filoloxía) e sobre todo detectamos un interese moi alto na cuestión. Velaquí tedes para descargar a presentación e algunha outra información e comentarios sobre o acto:

Quedaron moitas preguntas no aire, pero o tempo non deu para máis. Anoto aquí algunhas das cuestións que se suscitaron no debate (por desgraza demasiado curto) co público:

  • Redución da poboación debida ao cénit: como se vai producir? é inevitable?
  • Sacrificios sociais: estamos dispostos?
  • Acción política, papel dos gobernos locais (p.ex. licencias para grandes superficies).
  • Papel da alimentación, do consumo (comercio tradicional de proximidade con produto de aquí vs. grandes superficies con produtos de importación)…
  • Política agraria, axudas á exportación = despilfarro, fame…
  • Debemos partir de loitas pequenas; sobra tanta denuncia e faltan alternativas que tomarmos a nivel individual.
  • A transición non é difícil para os países empobrecidos?
  • Non debemos confiar en que os políticos resolvan nada, porque traizoan a cotío a Política.

Cénit do petróleo, presentación e debate no FSGal 2008Podería atreverme a apuntar algunhas conclusións do debate que mantivemos con Manolo Rei (do que vos recomendamos unha vez máis ler a súa esquemática presentación do problema do cénit) de Unión Libertaria, Patricia Pena da Universidade Rural do Eume, Martiño-Fiz López de ADEGA, Antonio Palma de Permacultura Galiza, e Charo Sánchez do SLG:

  • A crítica á inacción política é precisa, pero depender de que fagan algo os gobernos sería suicida.
  • Non podemos esperar moito das institucións, pero si polo menos que cheguen ao recoñecemento do problema e ao establecemento de planos de acción como en Suecia, Irlanda, etc.
  • A resposta debe comezar desde abaixo, desde o cambio de mentalidade consumista individual e actuando políticamente coas nosas opcións de compra (mercar local, ecolóxico, reducir o consumo, renunciar a hábitos insostibles, aforrar enerxía, etc.).
  • Débese loitar sobre todo para a conservación dos recursos (saber tradicional, modos de vida rurais autenticamente sustentables, recursos de biodiversidade, etc.) que máis falta nos van facer. Agora xa non é unha loita polo seu valor intrínseco senón tamén por un valor de uso como factores de supervivencia individual e nacional a curto-medio prazo.
  • Esta conclusións coinciden co espíritu do que se falou ao día seguinte na Asemblea de Movementos Sociais: loita trasversal, aproveitar a crise sistémica para axir sen perder de vista que estamos xa a bater contra os límites ecolóxicos do planeta.
  • Para acadar todo isto é preciso afortalar unha democracia real: participativa ou directa, e retomar a soberanía dos cidadáns e dos pobos.
  • Se non queremos que morra moita xente en nome do noso modo insostible de vida, debemos comezar xa a desprendernos de hábitos introducidos na nosa mente pola ideoloxía dominante do consumo e do crecemento infinito.

Efectivamente, como se nos reprochou desde o público, o tempo de debate foi moi escaso. Tras o retraso no comezo do debate, a necesaria presentación e un mínimo turno de intervencións por cada asistente á mesa de debate, o tempo para intervencións do público foi escaso (apenas 40 minutos). Por iso queremos ofrecer aquí unha ampliación permanente da cuestión e en base a comentarios a estes artigos, que os colectivos e cidadáns interesados na cuestión vaian deixando os seus comentarios e preguntas, que tentaremos ir respondendo o máis axiña posible. O debate no Foro foi só un comezo e a cuestión fica necesariamente aberta para debatermos urxentes accións políticas e sociais.

2 thoughts on “O debate sobre o cénit do petróleo no Foro Social Galego

  1. 17 Decembro, 2008 at 9:42 p.m.

    Grazas, Antonio, por gravar, editar e publicar o vídeo do debate!