Propostas políticas en Galiza para facer fronte ao cénit do petróleo

Hoxe imos comezar o envío da seguinte pregunta aos principais partidos políticos que han concorrer ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza do 1 de marzo:

Perante os datos achegados por organismos internacionais oficiais (como a Axencia Internacional da Enerxía), empresas do sector, comités científicos gobernamentais e independentes, acerca da chegada da produción do petróleo ao seu cénit ou teito a nivel mundial en moi poucos anos, e o grave impacto que isto vai supoñer para as nosas sociedades (reflectido entre outros, no Informe Hirsch preparado pola administración Bush), e que xa ten levado a países como Irlanda ou Suecia a desenvolver ambiciosos planos para eliminar a vulnerabilidade das súas sociedades e economías aos devanditos impactos, solicitamos do seu partido:

Coñecer qué medidas inclúe no seu programa electoral para analizar e facerlle fronte a este problema preparando a sociedade e a economía galegas, durante os vindeiros 4 anos, habida conta de que segundo apuntan moitos estudos o cénit do petróleo se está producindo xa ou se producirá nese periodo (2009-2013).

A información que nos acheguen será incluída no web que a nosa asociación ten no enderezo http://www.VesperaDeNada.org para contribuír a un voto informado na cita electoral do 1 de Marzo.

Iremos informando neste post das súas respostas. Os galegos temos o dereito a saber se pensan tomar algunha medida e, nese caso, de que tipo, para afrontarmos este punto crítico da nosa Historia como sociedade e como país. E os que gobernen Galiza os vindeiros 4 anos teñen o deber de axir.

7 thoughts on “Propostas políticas en Galiza para facer fronte ao cénit do petróleo

  1. 10 Xaneiro, 2009 at 12:44 p.m.

    Xa temos enviado ao PSdeG mediante o e-mail xeral e o formulario de contacto do seu web.

    Ao PPdeG foi mposible, xa que o seu web de campaña só funciona con Flash, e no web principal non ofrecen ningunha forma de contacto (nin email non formulario). Así pois botamos man do email dun dos seus parlamentarios, que nos tiña respondido persoalmente á carta aberta que enviei aí uns meses sobre o asunto.

    Tamén on caso do PSdeG lla remitimos en paralelo ao seu único parlamentario que se molestou en contestala. Do BNG nunca ninguén se dignou responderma.

    Porén, ao BNG enviásmolles tamén a nosa consulta por medio do seu web.

  2. 10 Xaneiro, 2009 at 12:46 p.m.

    Por certo que non move precisamente á esperanza que no artigo dun dos máximos líderes do BNG sobre as perspectivas económicas nin se mencione a cuestión do petróleo 🙁

    De todos xeitos agardaremos ver que responde este e os outros partidos antes de facer avaliacións.

  3. 10 Xaneiro, 2009 at 12:52 p.m.

    Ao web de Esquerda Unida dá medo entrar…:

    Esquerda Unida
    This site may harm your computer.
    Páxina oficial cos seus estatutos, comarcas nas que actúa, actividades e novas.
    http://www.esquerdaunida.org/

    🙁

    …así que contactamos por medio do do seu Consello Comarcal da Coruña.

  4. 10 Xaneiro, 2009 at 1:11 p.m.

    Tamén enviamos mensaxe a Terra Galega, no único e-mail que atopamos no seu web.

    E á FPG consulta vía mail e formulario.

    A Nós-UP tamén por ambas as dúas vías.

    Esperaremos a ver que outros partidos se presentan, para contactarmos con eles, cando sexan proclamadas oficialmente as candidaturas: http://eleccions09.xunta.es/consulta_candidatos.html

  5. 12 Xaneiro, 2009 at 9:36 a.m.

    Hoxe contestoume o parlamentario Guillermo Meijón Couselo (PSdeG-PSOE), co que xa mantivera un breve intercamboi de mails a raíz da miña Carta aberta aos políticos galegos…, dicíndome:

    Reenviado este e-mail ao noso deputado e portavozresponsable de Industria e Enerxía, José Manuel Gallego Lomba.

    Esperaremos logo, a resposta de Gallego Lomba.

  6. 13 Xaneiro, 2009 at 10:50 a.m.

    Xa de entrada, o feito de que a resposta sobre o tema a teña que dar un responsable sectorial do partido (cando como di Xoán R. Doldán no seu artigo sobre a situación da enerxía en Galiza, o tema enerxético debe deixar de ser tratado como unha cuestión específica, illada, sectorial… e comezar a verse como unha política trasversal que atinxe a todos os aspectos da política do país) fainos ser escépticos sobre o que propoña o PSdeG. Veremos.

  7. 27 Xaneiro, 2009 at 3:05 p.m.

    O resultado destas “Propostas Políticas” era cantado:
    Aos politicos non se lles pide nada: se lles esixe o se lle bota (con B de Burro)!

    En Marzal: ¡Tod@s a Botar!
    POLÍTICOS NUNCA MÁIS, Nin sequera do BNGas!