Unha lección enerxética que aprendermos do temporal

[Un artigo da Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo]

Os efectos causados polo temporal na rede eléctrica de Galiza, que ten a milleiros de familias aínda sen subministración eléctrica 5 días despois, debería servirnos de lección e de advertencia sobre a vulnerabilidade do país perante situacións que previsiblemente serán cada vez máis frecuentes debido á dupla ameaza do esgotamento do petróleo e do cambio climático acelerado.

O mesmo que as folgas do trasporte e os súpetos medres no prezo do petróleo nos fan ver o fráxil que é unha sociedade dependente deste escaso recurso ata nun 95% (caso do trasporte), a interrupción imprevista e masiva de subministración eléctrica fálanos da falta de seguridade enerxética nos domicilios, pequenos comercios e explotacións gandeiras. Esta situación é máis grave no medio rural debido a un sistema eléctrico centralizado que dirixe a súa atención aos grandes centros de consumo (cidades e grandes industrias), con redes de distribución eléctrica en mal estado e claramente
ineficientes en aldeas e pequenas vilas. Isto resulta máis grave cando estas localidades conviven a cotío con centros produtores (encoros, parques eólicos, térmicas…) e con liñas de alta tensión dirixidas a transportar á enerxía aos lugares de gran consumo (galegos ou de fóra de Galiza).

Un modo de evitar os peores efectos atmosféricos pasa por unha estrutura de produción descentralizada e diversificada, con sistemas de xeración doméstica e compañías municipais ou comarcais de produción e distribución eléctrica baseada nos recursos enerxéticos renovables de cada lugar (eólica, solar, biomasa, maremotriz…) no axuste das redes eléctricas ao consumo local e non a evacuación ás zonas de maior consumo, acompañados de medidas de redución do consumo e da dependencia de aparatos eléctricos. Deste xeito evitaríamos as deficiencias dos actuais sistemas centralizados, de natureza insostible, e aceleraríamos enormemente a capacidade de recuperación da subministración.

3 thoughts on “Unha lección enerxética que aprendermos do temporal

  1. 28 Xaneiro, 2009 at 10:23 p.m.
  2. 29 Xaneiro, 2009 at 1:08 a.m.

    Coido que o modelo enerxético que propoñen as cidades en Transición podería botar luz sobre a situación que padecemos en Galiza (e nunca mellor dito!).

    Esperemos que algún responsable municipal dos concellos máis afectados teña tempo para se achegar pola Coruña este venres para escoitar a charla que veñen dar desde Brighton.

  3. Camba
    29 Xaneiro, 2009 at 6:33 p.m.

    E digo eu: como é que pensa o goberno facer frente a gastos como os que provocou este ciclón ou o que fora? A xunta dixo hoxe que ía dar creo que 17 millóns de euros en axudas, as compañías da luz din que tiveron danos por valor de 26 millóns, etc.

    Se isto se repite cada ano con máis frecuencia, e parece que as previsións do cambio climático inclúen este tipo de fenómenos extremos nos seus modelos preditivos… e ademais nun contexto de profunda recesión mundial que vai empeorar o do cénit… daquela como pensan ter diñeiro todos os anos para pagar estes desperfectos?