Cidades (e bisbarras e vilas e lugares…) ¿en “Transición”?

Agardamos con moito interese que da charla da matemática Doly García mañá na Coruña poida saír o xermolo das primeiras iniciativas do Movemento de Cidades en Transición. Diante desta perspectiva no seo da nosa asociación estase a producir un debate acerca da conveniencia do termo transición no ámbito español e galego. Estas son algunas das achegas dos nosos membros ao respecto:

A lectura do libro Transition Handbook fixo nacer en min o entusiasmo por ver de contado iniciativas destas en Galiza, pero que fago notar que no Reino o termo “Transición” polas súas recentes connotacións histórico-políticas non é o máis acaído e comprería buscar outro.

Concordo no negativo de “transición” por estas terras…

por se serve, no mundo do software libre estase comezando a deixar de usar o termo “migración” para referirse ao proceso de adopción dunha contorna libre deixando atrás o software privativo. No seu lugar emprégase “evolución”…

Quizás sexa unha opción demasiado obvia e polo tanto pouco afortunada pero unha forma non demasiado diferente sería falar de sociedades ou comunidades “en tránsito”.

O problema da “transición” é tanto a connotación española como o uso que se fai en economía e política do termo “sociedades ou economías en transición” e que non ten nada que ver co que aquí nos preocupa, senón todo o contrario. Por ex.

Sociedad en Transición (Enciclopedia EUMED)
Consideraciones Especiales para los Países en Transición
Economías en transición

A “transición” é interpretada case sempre desde as sociedades precapitalistas ou non capitalistas cara o capitalismo. Transción do feudalismo ao capitalismo, transición do socialismo ao capitalismo. A meta cara a que se transita é o capitalismo.

Talvez por iso sería mellor facer fincapé máis no obxectivo que se pretende alcanzar ou engadir algún calificativo á transición. O problema seguramente reside en que nalgúns países xa se instalou esta acepción. Máis despois de terse espallado a denominación antiglobalización foi posíbel mudalo por alterglobalización. Non sei, para pensalo.

Transición? Evolución? Tránsito? … o debate terminolóxico coidamos que é importante, porque a denominación dun proxecto adoita ser o primeiro paso no seu proceso comunicativo. E nin Galiza nin España son o Reino Unido, nin Irlanda nin Australia… así que haberá que buscar termos máis acaídos á nosa cultura e sociedade.

9 reflexións sobre “Cidades (e bisbarras e vilas e lugares…) ¿en “Transición”?