Os partidos galegos fronte ao teito do petróleo (I: introdución)

En Galiza só os partidos minoritarios teñen propostas fronte ao teito do petróleo

Os programas electorais de PP, PSOE e BNG dependen de que haxa petróleo barato durante décadas

(Parte I de V)

Como xa vimos informando desde Altermundo, desde este blog e desde o FSGal, a cuestión da inminente chegada da produción mundial de petróleo ao seu cénit ou teito é unha cuestión política e social de máxima trascendencia e que debe estar enriba da mesa para saírmos da tixola da recesión actual sen caermos no lume do colapso enerxético.

Sobre todo porque segundo concordan os expertos (Informe Hirsch e outros), sería preciso poñer en marcha con anos de anticipación decididas medidas de transformación a todos os niveis do tecido social e económico para evitar as peores consecuencias deste límite físico ao medre continuado das sociedades industrializadas. Lembremos que a práctica totalidade do noso transporte é movido por derivados do petróleo, e que a agricultura convencional depende tamén en grande medida dos insumos fósiles para a mecanización, fertilización, control de pragas, etc. É dicir: o noso modelo enteiro de sociedade depende de que haxa sempre petróleo abundante e barato. Pero a partir da chegada ao denominado teito da produción mundial, cada ano se ha producir menos petróleo, este non chegará para todos os sectores nin para todos os países e será demasiado tarde para buscarlle un substituto que a día de hoxe simplemente non existe, nin para os niveis de consumo actuais nin para os previstos (aínda con destrución de demanda pola recesión).

Parecería lóxico esperar que os gobernos de todo o mundo estivesen tomando cartas sobre o asunto, a todos os niveis (estatais e sub-estatais). E o primeiro paso necesariamente debería ser o recoñecemento do problema; sen ir moi lonxe, o pasado mes de xaneiro o Goberno Vasco sumábase aos que xa deron ese paso ao analizaren nunha publicación monográfica os impactos para a economía vasca dos prezos do petróleo, traballando sobre varios escenarios de futuro a partir dunha constatación: Los síntomas de que nos acercamos, si no estamos ya, a un techo en la producción mundial de crudo parecen cada vez más claros. O informe engadía que basta conocer el destino final del contenido de un barril para comprender la gravedad potencial de la situación. E namentras aquí, as opcións electorais entre as que optarmos o 1 de marzo… que nos propoñen ao respecto? Témonos posto en contacto con esas principais opcións electorais e velaquí presentamos o que nos propoñen:

En primeiro lugar chama a atención a escasa atención que os tres principais partidos teñen amosado perante a nosa pregunta acerca de como abordaban esta cuestión nos seus programas. Os que responderon limitáronse a dicirnos onde descargar os seus PDFs correspondentes (o PP unicamente os PDF sobre economía e enerxía, quizáis entendendo que a cuestión enerxética non é absolutamente trasversal a todos os aspectos de goberno, como ben denunciaba hai pouco un artigo de Xoán Doldán para a Revista Galega de Economía). Isto resulta moi significativo do seu interese na cuestión e revelador do claras que teñen as súas ideas ao respecto do que significa o teito do petróleo.

(Continuación: PP e PSOE)