Os partidos galegos fronte ao teito do petróleo (II: PP e PSOE)

En Galiza só os partidos minoritarios teñen propostas fronte ao teito do petróleo

Os programas electorais de PP, PSOE e BNG dependen de que haxa petróleo barato durante décadas

Nunha primeira ollada detectamos que a palabra petróleo non aparece nos programas nin do PSOE, nin do PP. O PSOE aposta por internacionalizar a nosa economía, cando os indicadores de resiliencia indican que o que se debe procurar é xusto o contrario: a relocalización de todas as actividades e volta aos circuitos económicos curtos. E a súa modernización das infraestruturas socioeconómicas é lóxico pensar que signifique o esfarelamento das poucas estruturas pre-petrolívoras (e por tanto, sostibles) que aínda mantén o país. A aposta pola industria do automóvil (vehículo eléctrico incluído) ou polos novos combustibles na pesca parece pechar os ollos ás necesidades dunha mobilidade moito máis reducida sen petróleo e á necesidade de retomarmos (mellorados) modelos de probada sostibilidade durante séculos. Outro tanto podemos dicir da aposta polo turismo internacional, os aeroportos, o AVE e as novas autoestradas. Só se mencionan as enerxías fósiles para falar do seu impacto medioambiental, sen mención ningunha á súa insostibilidade a medio prazo. Tan só pretenden, xenericamente e sen concretar prazos nin medidas, intensificar esforzos cara a un maior aproveitamento dos recursos autóctonos e renovables en particular, para diminuír a dependencia enerxética do exterior. Se cadra hai un implícito recoñecemento do problema tras esa difusa proposta? Acto seguido propoñen reducir a taxa de crecemento da demanda do exterior: é dicir, pretenden diminuír a nosa dependencia sen reducir a demanda do exterior: a cuadratura do círculo enerxético! Propoñen 300 MW en centrais de biomasa como solución para reducirmos esa dependencia. Algo de utilidade poderíamos albiscar nas auditorías enerxéticas que propoñen, ou nas axudas para substitución de caldeiras a base de enerxía fósil por outras de biomasa, aínda que os criterios de sostibilidade ecolóxica recomendan aproveitar en primeira instancia a biomasa para repoñer a fertilidade do solo.

O programa do PP en pouco se diferencia no que atinxe ao modelo económico e á aposta absoluta pola apertura da economía e pola competitividade no marco da mundialización. No apartado de enerxía fálase de sostibilidade (do medio ambiente unicamente, como se fose algo illado do conxunto da sociedade e da economía, e que segundo explican tamén é un ben de valor económico) ao tempo que se aposta por unha fonte non renovable e importada, o gas natural, como fonte de enerxía estratéxica cara á competitividade co exterior (dando como válida a difícil premisa de que a mundialización económica vai sobrevivir ao petróleo barato). Falan de enerxía maremotriz, fotovoltaica, de secuestro de carbono e da xa resobada eficiencia, pero sen un asomo de medidas de aforro: tan só unha apelación a un ambiguo uso racional da enerxía. No canto, o PSOE propón un ambicioso plan para reducir un 1,7% o consumo enerxético fronte ao consumo tendencial: é dicir, reducir o consumo aumentándoo.

(Continuación: BNG)