Os partidos galegos fronte ao teito do petróleo (III: BNG)

En Galiza só os partidos minoritarios teñen propostas fronte ao teito do petróleo

Os programas electorais de PP, PSOE e BNG dependen de que haxa petróleo barato durante décadas

As propostas do BNG son de especial interese á vista de que no goberno saínte eran os responsables da área de enerxía. O paradigma do BNG aínda que keynesiano, non se aparta do consenso tripartito do crecemento como (insostible) fin en si mesmo: Os orzamentos públicos deben recobrar a súa función anticíclica para atender o obxectivo do crecemento estábel e do pleno emprego. Falan dun crecemento sustentábel con planos ambiciosos que persigan o aforro enerxético e a aposta polas enerxías renovábeis como base dun novo modelo económico máis xusto e viábel en termos sociais e ambientais. É dicir: aínda que apostan mediante diversas medidas polo aforro e a renovabilidade enerxética, fano para manter a toda costa un crecemento que consideran sustentable.

O seu obxectivo é acadar o 95% do consumo enerxético do país procedente de enerxías limpas para o 2012. Dentro desas enerxías deben considerar o gas natural, xa que pretenden facelo chegar ao 80% da poboación. Tamén apostan, a nivel doméstico, polas caldeiras de biomasas e pola xeotermia, e polas axudas para a eficiencia enerxética das vivendas, para a arquitectura bioclimática e para os materiais locais e ecolóxicos de construción. Falan tamén de camiñar cara a un novo modelo enerxético que reduza a nosa dependencia dos combustíbeis fósiles, que recoñecen de maneira algo máis nidia que PP e PSOE. Porén non atopamos ningunha meta precisa, nin unha estratexia para acadalo nin medidas drásticas que transformen profundamente todos os aspectos da sociedade e da economía, caendo ademais na incoherencia de espallar enerxías fósiles como o gas natural e de renunciar ao compromiso do programa de 2005 de reducir substancialmente a importancia en termos relativos e absolutos da enerxía transformada en base a recursos non renovábeis. (Recomendamos consultar tamén a nosa comparativa pormenorizada entre os programas electorais do BNG ao respecto da cuestión enerxética de 2005 e 2009.)

Apostan por mellorar a autosuficiencia enerxética e a seguranza na subministración, baseándose principalmente no aproveitamento da biomasa forestal, en sintonía coas propostas do PSOE. Si marcan diferenzas na teima polo control galego das infraestruturas enerxéticas (sen trocar o seu modelo) presentes e futuras (maremotrices) e polo desenvolvemento autocentrado da capacidade produtiva que neste campo ten o país, renegando da contración da actividade (é dicir, apostando por seguir medrando). Posiciónanse en contra da enerxía nuclear de maneira moito máis rotunda que o PP e o PSOE, que xa comezan a presentar posicións menos claras, cando menos a nivel estatal. Outras medidas son un Plano de Aforro e Eficiencia Enerxética e un consultivo Consello Galego da Enerxía. Aseguran que a redución de emisións e da dependencia dos combustibles fósiles ten sido un reto permanente da súa xestión á fronte de Innovación & Industria, así que cabe esperar continuidade.

En resume, as 3 forzas con representación na cámara ata o de agora non mencionan nin directa nin indirectamente o problema da dependencia estrutural do país dunha materia enerxética a piques de entrar nun irremediable declive. E por suposto seguen a apostar por un modelo de crecemento sen límites, dentro da mitoloxía económica dominante, aferrados ao oxímoron do crecemento sostible. Deberemos dicir, cos responsables da publicación do Ente Vasco da Enerxía que resulta desconcertante la incapacidad de muchos economistas y con amplia experiencia en compañías petrolíferas no ya para entender sino ni siquiera concebir la existencia de un techo o cenit en la producción de petróleo. E non só os economistas, senón, o que é peor, os políticos nas mans dos cales están as posibles medidas que nos evitaren as graves repercusións do cénit.

(Continuación: FPG e Nós-UP)

One thought on “Os partidos galegos fronte ao teito do petróleo (III: BNG)