A evolución programática da enerxía no BNG

Ampliamos a nosa análise dos programas electorais que as forzas políticas galegas presentan para as eleccións do 1 de marzo, no que toca ao partido responsable da área de Enerxía no actual goberno, o BNG, cunha comparativa detallada entre os seus últimos programas electorais autonómicos.

O cambio gobernamental na Xunta de Galicia que supuxo o bipartito levou ao BNG a se ocupar, entre outras, da área de enerxía dentro da Consellería de Innovación e Industria. Esta circunstancia dáse nuns momentos de grande transcendencia para a definición do sistema enerxético que deberá afrontar unha crise económica xeneralizada e que, na perspectiva de moitos analistas, ten unha fonda compoñente enerxética.

Hai uns meses asistimos a unha espectacular elevación e posterior caída dos prezos dos combustíbeis. A alarmante crise financeira e de consumo acabou por desviar a atención sobre a cuestión enerxética. No entanto, a recuperación dos prezos non está desvinculada dos outros acontecementos críticos; a recesión económica ten influído temporalmente como un amortecemento do crecemento continuado da demanda enerxética de anos anteriores. Por outra banda, cada vez máis informes, empresas e organismos internacionais advirten da inminencia do denominado cénit ou teito do petróleo, é dicir, do momento crucial en que a oferta petrolífera deixe de medrar para irse reducindo máis ou menos rapidamente e, polo tanto, do momento en que os mercados petrolíferos asistan a un desabastecemento da demanda. Todo isto advírtenos da urxencia de tomar medidas na planificación enerxética e económica diante dun futuro próximo de redución da oferta enerxética e de aumento dos prezos dos combustíbeis.

Neste contexto resulta de interese coñecer o que recolle en materia enerxética o BNG no seu programa de goberno para as presentes eleccións, na previsión de que poda volver a ser responsábel desta área. Ver en que modo a praxe de goberno influíu no programa actual e que evolución se detecta nos seus obxectivos políticos.

Quizais o máis salientábel do novo programa é a nula referencia ao problema do teito do petróleo. Hoxe, en cambio, xa é recoñecido pola Axencia Internacional da Enerxía, o Comisario europeo da enerxía, o goberno dos EEUU, empresas petrolíferas ou, no Estado español, os gobernos vasco e catalán. Ao igual que o BNG, as outras opcións políticas maioritarias, PP e PSOE, carecen desa mesma referencia. Isto, de seu, resulta preocupante porque mostra unha diagnose exigua sobre o panorama enerxético futuro e, en definitiva, sobre as medidas urxentes a acometer.

Outro problema que se detecta é a continuidade nun enfoque parcial da enerxía, compartido polos outros partidos maioritarios. Esta segue a verse como máis un sector produtivo e non como un eixo vertebrador de toda a economía, polo que as políticas dificilmente deixan de ser sectoriais para seren transversais. Esta eiva condicionará necesariamente o éxito de calquera medida dirixida a mudar o sistema enerxético galego. Por isto mesmo é común nos programas electorais da maior parte das organizacións políticas que cuestións tan transcendentais para a planificación enerxética como o transporte sexan tratados separadamente e, habitualmente, con propostas claramente contraditorias con certos obxectivos enerxéticos.

Se comparamos medidas concretas do programa de 2009 e o de 2005, o primeiro que podemos subliñar son aqueles aspectos que desaparecen e que, por non terse cumprido na lexislatura pasada, supoñen un cambio na forma de abordar os temas enerxéticos que se corroborará cando estes elementos son substituídos por outras propostas para atender problemas da mesma natureza. Polo tanto, debemos considerar estes cambios como unha evolución no ideario e obxectivos políticos desta formación. Entre estas estarían:

  • No programa de 2005 falábase de procurar “reducir substancialmente a importancia en termos relativos e absolutos da enerxía transformada en base a recursos non renovábeis”, para en 2009 substituír esta medida pola promoción das “enerxías renovábeis para acadar o obxectivo de que en 2012 o 95% do consumo enerxético de Galiza se cubra con fontes de enerxías limpas”. Sendo este último un obxectivo ambicioso, o cambio de matiz implica que non se garante a redución en termos absolutos no uso de enerxías non renovábeis. É dicir, fálase de incrementar o uso de fontes renovábeis pero quedando aberta a posibilidade de aumentar tamén o uso das non renovábeis, malia que noutra parte do programa se indica que “é preciso camiñar cara a un novo modelo enerxético que reduza a nosa dependencia dos combustíbeis fósiles”. De facto, mentres que na política ambiental en 2009 se fala de planificar, a medio prazo, a redución ou o abandono da combustión do carbón substituíndoo (en 2005 dicíase “na medida en que sexa imprescindíbel”) polo gas natural como combustíbel fósil e, na medida que sexa posíbel, por enerxías limpas e renovábeis, noutro apartado faise referencia ao, confuso, apoio á “implantación de tecnoloxías que contribúan a incrementar o rendemento das centrais de produción de enerxía convencional, así como as que permitan a redución de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, nomeadamente sistemas de captación de CO2”. A aparencia desta redacción é que hai unha aposta polo gas natural (outro combustíbel non renovábel), ao que se alude de novo noutras medidas; pero a referencia aos sistema de captación de gases de efecto invernadoiro á atmosfera é un recoñecemento implícito da vontade de volver ao carbón se ditos sistemas teñen éxito. Isto significa que o problema no uso do carbón vese reducido ao tema das emisións da súa combustión, e óbviase que outra parte do problema está no seu carácter non renovábel. Esta perspectiva parcial retrasa a asunción de que é precisamente o carácter fósil (non renovábel) do sistema enerxético actual onde radica unha das súas eivas fundamentais. Galiza deixou de ter recursos fósiles propios para importalos en case a súa totalidade (88%), e ten unha estrutura da enerxía primaria construída precisamente sobre o usos destas enerxías non renovábeis (87% do total da enerxía transformada), é dicir depéndese de enerxías non renovábeis importadas. Aínda que estas porcentaxes non aumentasen, se o fai o total de enerxía transformada estaremos diante dunha maior dependencia absoluta do exterior, aumentando ademais o montante que haberá que pagar por ditos recursos (e en maior medida se os prezos tornan a subir).
  • En 2005 incluíase como medida a revisión de “todos os proxectos para a construción de novos parques eólicos”, desenvolvéndose só unha vez que se avance no desenvolvemento de medidas como a de reducir o uso de non renovábeis. A xénese, desenvolvemento e resultados do último concurso eólico anticipaban que tal compromiso desaparecería do programa de 2009, posto que na práctica xa se tiña abandonado a metade da lexislatura cando a Consellería de Innovación e Industria anunciou a súa vontade de alcanzar os 6500 MW de potencia eólica instalada antes de que se revisasen os proxectos para construción de novos parques eólicos. O actual decreto eólico introduciu certas melloras na metodoloxía da planificación eólica anterior, porén a orde posterior promovida pola Consellería vai permitir alcanzar o obxectivo de potencia de 6500 MW a partir dunha única convocatoria, dificultando, cando non impedindo, que nesa planificación se considere un prudente principio de precaución. Este principio, reclamado reiteradamente polos movementos ecoloxistas, era necesario para non cometer algúns erros semellantes aos de administracións anteriores, para non incidir en agresións ambientais pasadas e para, en definitiva, planificar debidamente, e coa participación de todos os axentes sociais, o modo máis efectivo e sustentábel de ampliar a presenza de todas as renovábeis, incluída a eólica se for necesaria. De terse considerado esa precaución, poderíase, por exemplo, establecer unha secuencia temporal en varios concursos para autorizar a potencia e permitir que houbese unha oportunidade real (e non só testemuñal) de repotenciar os parques xa instalados, aumentar a potencia reducindo o número de aeroxeradores e limitando a súa expansión (logo agresión) territorial. Por outra parte, o obxectivo necesario de aumentar a importancia das enerxías renovábeis non debe desvincularse doutros obxectivos de transformación como a redución no consumo enerxético. Non se debería caer nunha práctica produtivista que priorice o primeiro obxectivo sobre o segundo, porque iso pode conlevar un asentamento e non un cambio das características estruturais do modelo actual. Malia a declaración no programa de 2009 de que esa prioridade implícita se explica por un obxectivo xeral loábel (“por iso apostamos polo investimento en enerxías limpas pondo ao servizo do país o uso sustentábel dos nosos recursos naturais”), os feitos poden reflectir unha contradición. A sustentabilidade do modelo enerxético non se consigue por un aumento significativo da potencia instalada en enerxías renovábeis se ese crecemento non cumpre certos requisitos. A sustentabilidade conseguirase cando exista a posibilidade de que dito modelo poda ter permanencia no tempo, tanto a nivel económico, como social, como ambiental. E isto depende de cambios máis profundos, fundamentalmente, na estrutura do consumo enerxético. Se non se altera drasticamente a estrutura do consumo enerxético será imposíbel acompasar a demanda enerxética crecente dunha oferta enerxética tamén crecente, mesmo con fontes renovábeis. As consecuencias dun crecemento continuado da oferta enerxética necesaria pode ter consecuencias ambientais desastrosas (ocupación do territorio, modificación de hábitats, degradación da paisaxe, interferencia con outras actividades…) provocadas tanto polas actividades de xeración como polas de distribución e transporte.
  • En 2005 optábase por establecer “mínimos indemnizatorios que as empresas produtoras deberán abonar aos afectados pola instalación de centrais produtoras de enerxía”, con revisión anual. Esta medida non se recolle en 2009, aínda cando a fórmula escollida para o desenvolvemento enerxético e, en particular o eólico, non impediría avanzar nesta liña. Na súa vez, aparecen outras medidas que aluden á revisión da fiscalidade das instalacións de produción de enerxía eléctrica, nomeadamente a que afecta as facendas locais, para compensar os concellos onde se localizan as devanditas instalacións dos custos sociais e ambientais que supoñen e a creación dun tributo xestionado pola Facenda Galega para gravar o valor da enerxía producida en Galiza. Estas novas medidas recollen parcialmente unha reclamación dos concellos en canto á fiscalidade e amplíase con un novo imposto autonómico. No entanto, óbvianse as reclamacións dos propietarios de montes e outros terreos ocupados polas instalacións enerxéticas. A repercusión do imposto autonómico pode chegar a ser case nula, xa que no mesmo enunciado contémplanse minoracións, deducións ou exencións en función do valor da enerxía que se consome en territorio galego, do importe dos plans ambientais desenvolvidos polas empresas e dos recursos destinados a reducir os custos sociais e ambientais derivados destas instalacións. Calquera instalación que use enerxías renovábeis podería escapar a esta tributación e mesmo as convencionais, en función das esixencias que finalmente se contemplen, e considerando, ademais, que a inclusión de aspectos como o do valor da enerxía consumida en territorio galego implica que a carga da proba queda en mans da Xunta de Galicia, dado que o sistema eléctrico non permite identificar individualmente o destino final da enerxía eléctrica producida por cada instalación.
  • A opción fiscal supón ademais deixar de reclamar algo que se recollía explicitamente en 2005, a prioridade de “actuacións tendentes á realización de investimentos produtivos nas bisbarras onde se asentan os grandes centros de produción enerxética coa finalidade de crear nela unha outra alternativa enerxética”, ao tempo que desaparece do programa a reclamación do “investimento en Galiza dunha parte dos recursos financeiros obtidos polas empresas produtoras de enerxía ou fortemente consumidoras, tendo en conta a acumulación histórica” e non dirixíndose á explotación de recursos non renovábeis ou perniciosos para o ambiente.
  • Outra cuestión que muda o seu matiz refírese ao obxectivo dun modelo enerxético centralizado ou descentralizado. En 2005 anunciábase á promoción de “actuacións tendentes a descentralizar o actual modelo enerxético, de modo que os centros xeradores de enerxía se dirixan a cubrir sobre todo as necesidades locais e, secundariamente, o abastecemento externo”, tomando medidas que permitan a administracións locais e colectivos veciñais desenvolver miniplantas eólicas, solares, hidroeléctricas dirixidas ao autoabastecemento enerxético. Finalmente non houbo na última lexislatura actuacións de peso que conseguisen transformar o modelo enerxético cara unha maior descentralización, e opcións como a do macroconcurso eólico agudizaron aínda máis un modelo de produción concentrada con todo o positivo e negativo que isto supón. En 2009 deixa de facerse referencia directa a estas cuestións, sendo a única referencia neste senso a promoción a nivel doméstico do uso de caldeiras de biomasa e instalacións xeotérmicas para calefacción e auga quente sanitaria, ou a promoción de enerxía solar fotovoltaica integrada en edificios. Restrínxense, pois, as opcións a desenvolver e os colectivos que poden buscar este autoabastecemento e, por non mencionar o contrario e desaparecer do programa electoral, óptase como mellor opción por un modelo centralizado. En todo caso, as administracións locais e colectivos veciñais terían máis difícil buscar o seu autoabastecemento enerxético.
  • Outra cuestión, doutra natureza, que se matízase no programa de 2009 é a medida de declarar a Galiza un territorio desnuclearizado: mantense a referencia á negativa a instalar centrais nucleares e depósitos de residuos destas centrais pero desaparece a alusión a tomar “as medidas necesarias para que ningún buque con residuos nucleares poida navegar dentro da nosa Zona Económica Exclusiva”.

Existen outras diferenzas entre ambos programas, aínda que consideramos menos significativas. Resultaría de interese tamén recoller as propostas para o transporte polas implicacións para un cambio no modelo enerxético. Non se inclúen aquí porque nesa perspectiva sectorial de separar este ámbito no que se concentra o maior consumo enerxético de hidrocarburos, doutros ámbitos de transformación enerxética, o bipartito puxo noutra Consellaría, neste caso do PSdG-PSOE, a competencia en transportes. Porén, só indicar que moitas das propostas do BNG neste senso van dirixidas a mudar o sistema de transporte en canto a fomentar o uso ferroviario e o transporte colectivo de persoas e mercadorías, máis tamén isto se combina con outras nas que se promoven un aumento das infraestruturas para o transporte por estrada (en particular vías de alta capacidade) e se fai unha defensa sen restricións para o desenvolvemento do AVE. Estas dúas liñas de actuación poden contrarrestarse e eliminar unhas as vantaxes das outras nese obxectivo de conseguir un sistema de transporte realmente sustentábel (tamén enerxeticamente) e que debería pasar por unha redución no fomento do uso do vehículo privado por estrada e un aumento decisivo no uso do transporte público, en particular ferroviario para desprazamentos curtos e medios, e doutras formas de transporte para os desprazamentos urbanos.

En consecuencia, poderíamos dicir que os últimos catro anos de goberno do BNG na área de enerxía non supoñen avanzar nunha diagnose profunda da situación mundial, nin tampouco empuxaron a planificar medidas máis ambiciosas. No contexto enerxético actual, isto podería derivar en consecuencias de extrema gravidade para o conxunto da economía galega e para o conxunto da sociedade. Non estamos en condicións de redirixir a política enerxética a un marco de análise económica convencional e manifestamente obsoleto, nin de abandonan algúns aspectos que deberían continuar como metas a conseguir. Deberíamos iniciar con paso firme o camiño cara a consecución dunha sociedade que transite cara unha nova era que deberá ser necesariamente post-fósil. Agardemos que de permanecer os mesmos responsábeis enerxéticos reconsideren as propostas do programa actual para ir moito máis aló do que indican, que abandonen propostas xa caducas e que establezan obxectivos menos produtivistas e unidireccionais, novos obxectivos eficaces para unha transformación radical do vixente modelo enerxético, con un carácter realmente sustentábel. Países como Dinamarca, Suecia ou Cuba, cidades estadounidenses, europeas, latinoamericanas ou australianas están xa poñendo en marcha estratexias decididas para alcanzar modelos sociais e enerxéticos sustentábeis e con resultados que xa poden evidenciarse. Eses son algúns dos espellos onde podemos mirarnos, onde atopar ideas para adaptar á nosa realidade, outros modelos anovados diferentes ao que agora temos, onde se abandona a antiga obsesión produtivista por unha perspectiva máis orgánica, onde se trazan camiños que nos reencontran coa natureza da que somos parte.