En Galiza só os partidos minoritarios teñen propostas fronte ao teito do petróleo
Os programas electorais de PP, PSOE e BNG dependen de que haxa petróleo barato durante décadas
No que toca ás forzas sen presenza no parlamento saínte, a FPG presenta un programa onde se defende unha dupla soberanía alimentar e enerxética. Neste último punto defenden desde unha óptica nacional e popular un triplo reenfoque da produción enerxética: aforro, substitución das non renovables, e solución da dependencia enerxética; tomando como base a constatación da dependencia e non renovabilidade do sector enerxético galego, tal e como foi denunciada nun recente estudo publicado na Revista Galega de Economía. Avogan por revisar o Plano Enerxético para o 2010 coa máxima prioridade de acadar a soberanía enerxética. É interesante tamén ver que o petróleo aparece no seu programa vencellado ao modelo do territorio: neste aspecto critican as directrices de ordenación actuais por seren reflexo dunha filosofía atrasada e moi perigosa que considera, aínda, o petróleo como principal fonte de enerxía, que favorece o transporte privado, que deseña miles de quilómetros de estradas, mentres retrasa a posta en práctica dun sistema público e eficaz de transporte. Tamén sobrancea a súa crítica dun AVE insustentable enerxeticamente que por riba esfarelará a desleixada rede de cercanías, e a consecuente defensa dun transporte menos dependente do petróleo así como da microxeración de enerxía (eólica, solar, biomasa) fronte aos megaparques e da compostaxe caseira (con obxectivos do 30-40% para 2017).
A outra forza independentista que se presenta ás eleccións, Nós-UP, dentro das súas propostas por un desenvolvemento sostible, aposta por a progressiva supressom das energias sujas, nomeadamente a dependência do petróleo ao tempo que se sitúan en contra do mito do crecemento como fin en si mesmo, aínda que non a critican pola súa inviablidade práctica a medio-longo prazo: Superaçom da lógica do crescimento económico como princípio do desenvolvimento social, em favor da distribuiçom da riqueza e os valores da reduçom e racionalizaçom do consumo e criaçom de resíduos. É dicir, ambas as dúas forzas independentistas parecen situarse nos parámetros da economía ecolóxica cando apostan pola enerxía renovable pero en necesaria combinación coa redución do consumo. Neste aspecto, o cambio drástico de modelo cara ao transporte público tamén está presente no programa de Nós-UP: Por umha revoluçom no modelo nacional de transporte, que priorize os meios colectivos públicos, com destaque para o comboio, e reduza drasticamente o uso do veículo particular mediante a oferta de umha rede ampla, barata de carácter local, comarcal e nacional.
(Continuación: EU e conclusión)
Unha reflexión sobre “Os partidos galegos fronte ao teito do petróleo (IV: FPG e Nós-UP)”