Os partidos galegos fronte ao teito do petróleo (e V: EU e conclusión)

Esquerda Unida pola súa banda propón no seu modelo de desenvolvemento sustentable: un decrecemento sostible onde se faga máis con menos respectando ao medio natural e sen perder o actual nivel de benestar o cal semella un tanto contraditorio (decrecer facendo máis?). Malia todo son os únicos que citan o problema expresamente no seu programa: o cénit do petróleo, que levará aparellada unha crise enerxética sen parangón, segundo recoñecen. Recollen, por outra banda o acordo ecoloxista denominado Programa para a terra, e poñendo a sustentabilidade ecolóxica no centro das súas políticas propoñen un cambio de modelo produtivo que permita diminuír a nosa dependencia exterior de enerxías fósiles como é o petróleo ou o carbón, aínda que sen marcar de maneira precisa cal sería ese grao de diminución. No terreo agrogandeiro vencellan correctamente a promoción dos modelos ecolóxicos coa redución da dependencia do petróleo, e mesmo apuntan ao noso agro como motor dunha nova economía sostible.

Apostan por unha Lei de Aforro Enerxético pero enmárcana unicamente nos obxectivos europeos da redución de emisións de CO2 cara ao 2020 e o 2050 e non na redución da vulnerabilidade fronte ao cénit. É destacable por outra banda que promoven a descentralización e a democratización da produción de enerxía renovable, algo que en principio encaixaría nas necesidades impostas pola carencia do petróleo, así como a súa proposta das Axencias Locais da Enerxía. Tamén se suman ás forzas que promoven a redución do coche privado e a potenciación do transporte público, en clave de sostibilidade e (algo notable) de creación de emprego.

Na remodelación dos sectores económicos salientamos a súa aposta pola recuperación da pesca artesanal, o repoboamento do rural, o aproveitamento enerxético e para compost dos residuos forestais, arquitectura bioclimática, instalación masiva de enerxía solar térmica, e o consumo de produtos locais e ecolóxicos, como actuacións coherentes cun futuro post-fosilista, ás que engaden unha fiscalidade e determinación de prezos que recollan os custos ambientais. O seu programa recoñece a necesidade da difusión e formación da poboación no decrecemento sostible así como a inclusión de medicinas máis sostibles no SERGAS (solucións naturais no canto de fármacos de síntese). Malia estas notas positivas en certas áreas, o programa carece dun recoñecemento da trasversalidade e inminencia do problema, o cal se percibe por exemplo en que ao mesmo tempo están solicitando actuacións de reindustrialización e en que áreas, como a ordenación do territorio ou a política de emprego ou económica, as basean no mesmo modelo petrolívoro actual.

En canto a Terra Galega a data de peche deste artigo aínda nin tiña publicado o seu programa nin respondido ás nosas consultas.

Debemos concluír con preocupación que as tres forzas políticas galegas con máis posibilidades de dirixir o país durante este catro vindeiros anos (se cadra a derradeira lexislatura na que podermos poñer en marcha políticas dirixidas a evitar o impacto contra os límites enerxéticos do planeta) son as únicas que non recoñecen o problema e que non soamente non teñen previstas medidas importantes para facerlle fronte senón que seguen ancorados nun modelo a piques de demostrarse insotible, facendo ouvidos xordos ás advertencias mesmo dos organismos internacionais como a AIE. En palabras do sociólogo Joaquim Sempere, un dos coordinadores do libro “El final de la era del petróleo barato”, este fallo da clase política en abordar a transición enerxética é irresponsable, por non dicir criminal.


Ler as partes anteriores deste artigo: