Onte día 7 de marzo tivemos ocasión de falar sobre a cuestión da crise enerxética e o teito do petróleo no Centro Cívico de Teis, en Vigo, invitados polos colectivos da rede A Ría Non Se Vende, no contexto dunhas xornadas sobre O modelo de transporte e a crise global.
Malia os problemas técnicos para proxectar a presentación, fixemos o posible por explicar as diversas gráficas e contidos da mesma, durante case unha hora tras a cal houbo un interesante debate co público asistente que amosou o seu interese por cuestións como a resposta da clase obreira perante a alternativa do decrecemento, a iniciativa das Cidades en Transición, as pequenas accións cotiás coas que contribuír a un cambio de sistema, ou as posibilidades de novas fontes de enerxía e novos tipos de veículos.
Agradecemos aos organizadores a oportunidade de espallar a concienciación sobre o problema, aos asistentes pola súa participación, e a Begoña C. Ríos, de Verdergaia, que nos cedeu boa parte do tempo previsto para a súa intervención a continuación da nosa sobre a outra ameaza xemelga do cénit: a mudanza climática.