Dez preguntas sobre o Decrecemento

Polo seu interese, reproducimos un artigo de Carlos Taibo publicado en Altermundo.

O profesor Carlos Taibo comparte dez preguntas coas súas dez respostas sobre o decrecemento, un proxecto que nada ten de ecoloxismo infantil e asocial, pois se asenta no claro designio de combinar o ecoloxismo forte coas loitas sociais de sempre.

1. Hogano é saudábel o crecemento económico?

A visión dominante nas sociedades opulentas suxire que o crecemento económico é a panacea que resolve todos os males. Ao seu amparo –dísenos– a cohesión social aséntase, os servizos públicos mantéñense, e o desemprego e a desigualdade non gañan terreo. Sobran as razóns para recear, non obstante, de todo o anterior. O crecemento económico non xera –ou non xera necesariamente– cohesión social, provoca agresións medioambientais en moitos casos irreversíbeis, propicia o esgotamento de recursos escasos que non estarán á disposición das xeracións vindeiras e, en fin, alimenta un modo de vida escravo que invita a pensar que seremos máis felices cantas máis horas traballemos, máis cartos gañemos e, sobre todo, máis bens acertemos a consumir. Fronte a isto imponse a certeza de que, deixado atrás un nivel elemental de consumo, o acrecentamento irracional deste último é antes un indicador de infelicidade que unha mostra do contrario.

2. Debemos confiar nos indicadores económicos que hoxe empregamos?

Os indicadores económicos que nos vemos obrigados a utilizar –así, o produto interior bruto (PIB) e afíns– afortalan, en palabras de J.K. Galbraith, “unha das formas de mentira social máis espalladas”. Se un país retribúe ao 10% dos seus habitantes por destruír bens, facer buracos nas estradas, estragar os vehículos…, e a outro 10% por reparar esas estradas e vehículos, terá o mesmo PIB ca un país no que o 20% dos empregos se consagre a mellorar a esperanza de vida, a saúde, a educación e o ocio…

E é que a maioría deses indicadores contabiliza como crecemento –cómpre supor tamén que como benestar– todo o que é produción e gasto, incluídas as agresións ambientais, accidentes de tráfico, tabaco, fármacos e drogas, ou o gasto militar. Eses mesmos indicadores nada din, en troques, do traballo doméstico, da preservación do medio ambiente –unha fraga convertida en papel acrecenta o PIB, en tanto esa mesma fraga indemne, decisiva para garantir a vida, non computa como riqueza–, da calidade dos sistemas educativo e sanitario, ou do incremento do tempo libre. De resultas, pode afirmarse que a economía dominante só presta atención á mercadoría –o que se ten ou non se ten–, e non aos bens que fan que alguén sexa algo (F. Flahault).

3. Non son moitas as razóns para contestar o aparente progreso que protagonizaron as nosas sociedades durante decenios?

Son moitas, si. Hai que preguntarse, por exemplo, se non é certo que na maioría das sociedades occidentais se vivía mellor no decenio de 1960 que agora: o número de desempregados era moito menor, a criminalidade máis baixa, as hospitalizacións por doenzas mentais estaban lonxe das actuais, os suicidios eran infrecuentes e o consumo de drogas escaso. En EE.UU., onde a renda per cápita se ten triplicou desde a segunda guerra mundial, ten baixado, porén, a porcentaxe de cidadáns que declaran sentirse satisfeitos. En 2005 un 49% dos norteamericanos estimaba que a felicidade se encontraba en retroceso, fronte a un 26% que consideraba o contrario. Son moitos os expertos que conclúen, en suma, que o crecemento na esperanza de vida verificado nos últimos decenios ben pode rematar nun escenario lastrado pola extensión da obesidade, o estrés, a aparición de novas doenzas e a contaminación.

4. Por que cómpre decrecer?

Nos países ricos cómpre reducir a produción e o consumo porque vivimos por riba das nosas posibilidades, porque é urxente cortar emisións que danan perigosamente o medio e porque empezan a faltar materias primas vitais. “O único programa que necesitamos resúmese nunha palabra: menos. Menos traballo, menos enerxía, menos materias primas” (B. Grillo).

Por detrás deses imperativos agroma un problema central: o dos límites medioambientais e de recursos do planeta. Se é evidente que, en caso de que un individuo colla do seu capital, e non dos seus ingresos, a maioría dos recursos que emprega, isto conducirá á quebra, parece sorprendente que non se utilice o mesmo razoamento para sopesar o que as sociedades occidentais están a facer cos recursos naturais. Para avaliar a fondura do problema, o mellor indicador é a pegada ecolóxica, que mide a superficie, terrestre como marítima, que precisamos para manter as actividades económicas. Se en 2004 esa pegada era de 1,25 Terras, segundo moitos prognósticos alcanzará dúas Terras en 2050. A pegada ecolóxica igualou a biocapacidade do planeta arredor de 1980, e tense triplicado entre 1960 e 2003.

Ecological footprint 2008

Fonte: LIVING PLANET REPORT 2008 (WWF ADENA). O gráfico grande expresa a pegada ecolóxica en países de máis dun millón de habitantes nos que se dispón de datos

5. Cal é a actitude que ante o anterior mostran os nosos dirixentes políticos?

Os dirixentes políticos, marcados por un irrefreábel curtopracismo electoral, prefiren dar as costas a todos estes problemas. De resultas, e en palabras de C. Castoriadis, “os que preconizan ‘unha mudanza radical da estructura política e social’ pasan por ser ‘incorrexíbeis utopistas’, no entanto que os que non son capaces de razoar a dous anos de distancia semellan, naturalmente, realistas”.

A idea de que os nosos gobernantes teñen respostas complétase coa que suxire que a ciencia resolverá de maneira máxica todos estes problemas. Non parecería lóxico, porén, construír un “rañaceos sen escaleiras nin elevadores sobre a base da esperanza de que un día triunfaremos sobre a lei da gravidade” (M. Bonaiuti). Máis razoábel sería actuar como o faría un pater familias diligens, que “se di a si mesmo: xa que os problemas son enormes, e mesmo no caso de que as probabilidades sexan escasas, procedo coa maior prudencia, e non como se nada sucedese” (C. Castoriadis). Non é esta, porén, unha carencia que atinxa en exclusiva aos políticos. Alcanza tamén aos cidadáns, circunstancia que lle dá creto á afirmación realizada por un antigo ministro do Medio Ambiente francés: “A crise ecolóxica soergue unha comprensión difusa, cognitivamente pouco influínte, politicamente marxinal, electoralmente insignificante”.

6. Abonda, sen máis, con reducir determinadas actividades económicas?

Abofé que non abonda con reducir soamente os niveis de produción e de consumo. É preciso reorganizar en paralelo as nosas sociedades sobre a base doutros valores que reclamen o triunfo da vida social, do altruísmo e da redistribución fronte á propiedade e o consumo ilimitado. Hai que reivindicar, en paralelo, o ocio fronte ao traballo obsesivo. Ou, o que é case o mesmo, fronte ao “máis á présa, máis lonxe, máis a miúdo e menos caro” cómpre contrapor o “máis devagar, menos lonxe, menos a miúdo e máis caro” (Y. Cochet). Debe apostarse tamén polo repartimento do traballo, unha práctica sindical que foi caendo no esquecemento co paso do tempo. Outras exixencias ineludíbeis fálannos da necesidade de reducir as dimensións de moitas das infraestruturas produtivas, das organizacións administrativas e dos sistemas de transporte. O local, por demais, debe adquirir clara primacía fronte ao global nun escenario marcado pola sobriedade e a simplicidade voluntaria. S. Latouche resumiu o sentido deses valores da man de oito “re”: reavaliar (revisar os valores), reconceptualizar, reestruturar (adaptar producións e relacións sociais á mudanza de valores), relocalizar, redistribuír (repartir a riqueza e o acceso ao patrimonio natural), reducir (rebaixar o impacto da produción e o consumo), reutilizar (en vez de desprenderse dunha chea de dispositivos) e reciclar.

7. Que suporía o decrecemento nas sociedades opulentas?

O primeiro que as sociedades opulentas deben considerar é a conveniencia de pechar –ou reducir sensibelmente a actividade correspondente– moitos dos complexos fabrís existentes. Estamos a pensar na industria militar, na automobilística, na da aviación ou en boa parte da da construcción.

Os millóns de traballadores que perderían os seus empregos deberían encontrar acomodo a través de dúas grandes canles. Se a primeira achegaría o desenvolvemento de actividades nos ámbitos relacionados coa satisfacción das necesidades sociais e medioambientais, o segundo viría da man do repartimento do traballo nos sectores económicos tradicionais. Importa subliñar que neste caso a redución da xornada laboral ben podería levar consigo reducións salariais, sempre e cando estas, claro, non o fosen en proveito dos beneficios empresariais. Ao cabo, á ganancia de nivel de vida que se derivaría de traballar menos, e de gozar de mellores servizos sociais e dun contorno máis limpo e menos agresivo, sumaríase á derivada da asunción plena da conveniencia de consumir menos, coa conseguinte redución de necesidades no que a ingresos se refire. As reducións salariais que nos ocupan non afectarían, naturalmente, a quen menos ten.

8. É o decrecemento un proxecto que agoira infelicidade para os seres humanos?

O decrecemento non implica en modo ningún, para a maioría, un contorno de deterioración das súas condicións de vida. Antes ben, debe carrexar melloras substanciais como as vinculadas coa redistribución dos recursos; a creación de novos sectores que atendan as necesidades insatisfeitas; a preservación do medio, o benestar das xeracións futuras, a saúde e as condicións do traballo asalariado, ou o crecemento relacional en sociedades nas que o tempo de traballo se reducirá sensibelmente.

Á marxe do dito anteriormente, no mundo rico fanse valer elementos –así, a presenza de infraestruturas, a satisfacción de necesidades elementais ou o propio decrecemento da poboación– que facilitarían o tránsito a unha sociedade distinta. Hai que partir da certeza de que, se non decrecemos voluntaria e racionalmente, teremos que facelo obrigados de resultas do afundimento, antes ou despois, do capitalismo global que padecemos.

9. Que argumentos cuestionan a idoneidade do decrecemento?

Varios son os argumentos vertidos contra o decrecemento. Tense sinalado, por exemplo, contra toda razón, que a proposta se emite desde o Norte para que sexan os países do Sur os que decrezan materialmente. Tamén se ten suxerido que o decrecemento é antidemocrático, en franco esquecemento de que os réximes comunmente descritos como totalitarios nunca procuran, por razóns obvias, reducir as súas capacidades militar-industriais. Máis ben parece que o decrecemento, da man da autosuficiencia e da simplicidade voluntaria, bebe dunha filosofía non violenta e antiautoritaria. A proposta non remite, por outra parte, a unha postura relixiosa que reclama unha renuncia aos praceres da vida: reivindica, antes ben, unha clara recuperación destes nun escenario marcado, iso si, polo rexeitamento do consumo irracional.

O proxecto de decrecemento nada ten, en suma, de ecoloxismo infantil e asocial: aséntase no claro designio de combinar o ecoloxismo forte coas loitas sociais de sempre. Nesta dimensión ten por necesidade que contestar a lóxica do capitalismo co dobre propósito de salvar o planeta e salvar a especie humana. A tarefa de contestar en paralelo a orde capitalista imperante e a súa dimensión de explotación, inxustiza e desigualdade non parece difícil: “A ecoloxía é subversiva porque pon en cuestión o imaxinario capitalista que domina o planeta. Rexeita o motivo central, segundo o que o noso destino estriba en acrecentar sen cesar a produción e o consumo. Mostra o impacto catastrófico da lóxica capitalista sobre o medio natural e sobre a vida dos seres humanos” (C. Castoriadis).

10. Tamén deben decrecer os países pobres?

Aínda que o debate sobre o decrecemento ten un sentido distinto nos países pobres –está fóra de lugar reclamar reducións na produción e no consumo nunha sociedade que conta cunha renda per cápita trinta veces inferior á nosa–, parece claro que aqueles non deben repetir o feito polos países do Norte. Non se esqueza, en paralelo, que unha aposta planetaria polo decrecemento, que carrexaría un cobizoso programa de redistribución, non tería, polo demais, efectos notábeis en termos de redución do consumo convencional no Sur.

Para eses países imponse, na percepción de S. Latouche, un listado diferente de “re”: romper coa dependencia económica e cultural con respecto ao Norte, retomar o fío dunha historia interrompida pola colonización, o desenvolvemento e a globalización, reencontrar a identidade propia, reapropiar esta, recuperar as técnicas e saberes tradicionais, conseguir o reembolso da débeda ecolóxica e restituír o honor perdido.