Nestes días o sector agrario anda revolto; debátese outra vez o problema do sector lácteo, ou, para sermos estritos: o subsector lácteo. Dúas situacións cobran actualidade, a creación dunha marca ou indicativo para diferenciar o leite de Galicia e outra, aparellada ao peche da planta de Leche Pascual de Outeiro de Rei, a pertinencia de que cooperativas e unións de produtores se fagan cargo das cinsas da planta para pór outra vez en marcha o proxecto sempre tan manido de “un grupo leiteiro galego”.
O celme da cuestión primeira non é crear unha marca con indicación de “Leche de Galicia”. A marca de “Leche de Galicia” existe, as multinacionais levan apropiadas do indicativo desde hai duas décadas. O peor disto é que en realidade o leite de Galicia non fai nin máis nin menos que cumprir estándares, e polo tanto o distintivo non outorgaría garantías de mellor calidade. Máis do 90% do leite que se produce en Galicia (o 35% da produción Estatal, cómpre non esquecelo) prodúcese dun xeito semellante o da Alemaña ou da Dinamarca: Entre o 30 e o 35% da alimentación do gando procede de alimentos secos concentrados (“piensos” ou “pensos”) e o resto en base a ensilados de herba (habitualmente raigrás italiano ou inglés, seleccionado e producido por transnacionais) e millo (tamén distribuído do mesmo xeito que o anterior). Este xeito de producir implica unha elevada dependencia de factores externos, por unha parte porque ocasiona gastos en forma de alimentos concentrados e por outra porque para mercar as sementes e os tratamentos (agroquímicos e fertilizantes) hai que recorrer tamén a fóra do sector e dos suministros do imediato. Esta situación reduce as marxes das explotación e contribúe a facer do leite un produto moi semellante ao envasado noutros lugares.
Unha cuestión diferente é que ainda producíndose perto, o leite que chega de fóra sexa máis vendido nas áreas comerciais. Este é un problema con múltiples variantes: Por unha parte cómpre perguntarse como pode acontecer que o leite producido a dous mil ou tres mil quilómetros chegue ás nosas áreas comerciais catro, seis ou oito céntimos máis barato do que o leite producido aquí. Outro elo radica no feito de que producindo do mesmo xeito aquí e na Alemaña ou na Francia, a cantidade e as marxes económicas sexan menores. Este problema ten que ver coa dimensión das explotacións e tamén coa dependencia dos factores externos anteriormente mencionados: As explotacións galegas tiveron que adaptarse ao complexo agroindustrial realizando grandes investimentos. E o nivel de investimento realizado supera con moito a capacidade de amortizalo. Exemplos temos dabondo: Coas explotacións dunha ampla zona leiteira da Coruña comprobamos que existe un promedio de 40 vacas adultas por explotación. Nas mesmas obtemos unha media de 2,2 tractores e canda estes unha recua de máquinas que supuxeron un amplísimo gasto no seu momento. Ao gasto de maquinaria hai que unirlle o custo das instalacións e infraestruturas varias: Estabulacións, foxos para o xurro, sá de muxido,…
Unha outra cara do problema está na vontade do consumidor. Porque unha cousa é lamentarse e logo ir ao supermercado e non mirar outra cousa que o prezo. E aquí batemos co indicativo de calidade: Desde hai moitos anos a coletiña “de Galicia” serviu para abrir mercados e manter as vendas de múltiples marcas. Así é doado atoparse patacas co indicativo “de Galicia” e logo se un mira a etiqueta atópase con que son de Burgos e envasadas en Betanzos. O problema do Viño do Ribeiro non foi único nin aillado. Ainda lembro cando LARSA foi vendida a Leiteira Normanda e logo viñan os cartóns de “Vega de Oro” (segunda marca de LARSA) envasados en Francia en tren até Lugo co indicativo de Leche de Galicia. Ese problema existiu, e perviviu con lixeiras modificacións até a actualidade.
Unha situación que podería beneficiarnos sería a de que os consumidores optaran polo leite fresco. Estou farto de ir aos supermercados e non atopar leite fresco. O leite fresco ten unha pequena garantía de proximidade. A súa escasa taxa de supervivencia fora da cadea de frio, fai que sexa custoso traelo e ao tempo moi caro colocalo nas áreas comerciais. Pero nós, consumidores conscientes, veña a mercar leite en cartón. Evidentemente colocar os nosos produtos deste xeito no mercado require especial coidado: Máximas garantías de sanidade e calidade, pois no momento en que algún lote saia mal a espada do sacrosanto mercado botaríase enriba de nós para loar as grandezas do Complexo Agroindustrial como garante de hixiene e sanidade.
A consellaría do Medio Rural do BNG propuxo regulamentar algunhas prácticas, concretadas nun decreto sobre Artesanía Alimentaria. E o Sindicato Labrego Galego, farto de saber o que acontecía por ausencia de regulamentación, opúxose publicamente porque, segundo a súa argumentación, eu sei o que fago na miña casa e non ten que vir Sanidade a dicirme que é o que está ben e que está mal. Se isto se leva ao estremo, e non existe regulamentación garantista, calquera multinacional pode etiquetar a un alimento como “artesan” ou “caseiro” e quen lle di que non? Que lle pergunten a NESTLÉ…
Unha forma de mellorar a produción e acadar unha calidade que lle outorgar sentido a unha marca diferenciada consisitiría en reducir a dependencia das explotacións. A única forma de acadalo resede en posuir superficie suficiente para reducir os insumos de carácter externo e manter o gando en base á terra, reducir a carga de vacas por hectárea, botalas a pacer no canto de ensilar tanto e estar disposto a asumir o risco dunha redución no rendemento os primeiros anos. Cumpriría seleccionar animais con aptitude leiteira máis reducida e ao tempo con menores requirimentos alimentarios e veterinarios. Pero para isto hai que ampliar a base territorial das explotacións. E xa sabemos que implica bater con profetas diversos que reclaman informes de impacto ambiental para o Banco de Terras, etc
Encol da participación das Cooperativas na planta de Pascual:
-Primeiro: Non hai nada concretado.
-Segundo: As cooperativas non son garante de estabilidade, pois moitas delas teñen acordos cos principais grupos leiteiros e están collidas polos pagarés, así que en ocasións pode ser máis perxudicial a súa postura.
-Terceiro: As cooperativas teñen demostrado a súa escasa ou nula capacidade de presión e manobra. Xa hai tempo que se sabe o problema dos prezos do leite e non foron quen de artellar ninguha resposta ao problema.
Encargarse da planta de Pascual ou de calquer outra cheira a discurso xa empregado. Non existe demasiada vontade das cooperativas por formaren grupos e chegaren a acordos. Algúns criterios políticos haberá por detrás, non cabe dúbida. E na actualidade non existe interlocución política nin capacidade de intervención para implementar medidas de choque dentro do mercado. A Unión Europea manda e Ministerio de Medio Rural e Mariño obedece.
Así e todo coido que a sociedade galega en xeral e aqueles de nós que nos dicimos comprometidos debéramos pararnos un algo no noso medio rural, pois se importante é o sector do metal, non menos representan as nosas labregas e labregos.
Óscar Antón.
4 reflexións sobre “Agro revolto, leite coallado (artigo de Óscar Antón)”