Presentación de Xoán R. Doldán sobre o teito do petróleo en Santa Comba

Xoán Ramón Doldán García, ex-director do INEGA e actualmente profesor titular de Economía Aplicada na USC falou sobre o teito ou cénit do petróleo no ámbito das xornadas sobre Autosuficiencia Enerxética Rural que se celebraron a pasada fin de semana en Santa Comba.

Ofrecemos aquí a súa presentación (en formato ODP e PDF) e en breve engadiremos gravación en audio da súa conferencia: preme aquí para a escoitares.

Queremos salientar un apartado de especial trascendencia, do cal realizamos a transcripción:

[aprox. 31′-35′]

Evolución da Taxa de Retorno Enerxético

Evolución da Taxa de Retorno Enerxético

Xoán Doldán: “Como vos dicía o problema non é se se vai esgotar o petróleo ou non. O problema é que caro nos vai saír obter ese petróleo, cándo decidiremos que non vamos sacar máis petróleo porque non paga a pena.

E aí entra en xogo un fenómeno que é o rendemento enerxético, e en particular a taxa de rendemento enerxético. Ou dito doutra maneira: nós temos que ver cánta enerxía vamos obter en relación á enerxía que gastamos. É dicir, se nós -imaxinade- temos que gastar 1 tonelada de petróleo para conseguir 1 tonelada de petróleo pois sería disparatado. Para que vamos gastar 1 tonelada de petróleo en conseguir outra? Xa non digamos nada se temos que gastar 1 tonelada de petróleo para extraer media tonelada de petróleo! Mal negocio. Así que o negocio só estará cando nós gastemos 1 tonelada de petróleo e con esa consegamos extraer varias toneladas. Bueno, cantas toneladas son esas varias? Esa é a taxa de retorno enerxético.

Nos anos 30 por cada tonelada de petróleo que gastabamos, extraíamos 100, conseguíamos 100. Ben: pagaba a pena, a taxa de retorno enerxético era bastante alta. Gastamos 1, obtemos 100, quédannos 99.

Nos anos 70 -estabamos aumentando moito o ritmo de consumo- por cada tonelada de petróleo, conseguimos 30. Bueno, o rendemento non é tan alto pero sigue sendo un rendemento considerable. Nós seguimos consumindo cada vez máis petróleo.

No ano 2000 a taxa de retorno enerxético a nivel mundial está en 18: é dicir, por cada tonelada conseguimos 18. Bueno, iso é unha evidencia de que nos custa cada vez máis traballo, máis enerxía, obter esa mesma enerxía.

Onde estamos hoxe? Pois por debaixo xa dese 18 (despois veremos cal pode ser a tendencia).

E nalgúns produtos a taxa de retorno son aínda menores.

Cando cheguemos a unha taxa de retorno de 1 deixaremos de extraer petróleo, incluso ao mellor antes de chegar a 1. E xa non digamos se a taxa de retorno é menor de 1, iso xa sería un disparate!

Os escenarios que existen en canto á taxa de retorno enerxético son estes. Hai distintos estudos, non coinciden exactamente no cálculo de tendencia do retorno enerxético… bueno, cada vez están máis aproximados eses cálculos e a tendencia parece clara. A tendencia é que estamos antes taxas de retorno enerxético en caída. Se se mantivese esa tendencia -cousa que non sería irreal tendo en conta os ritmos de demanda do petróleo que estamos a facer- chegaríamos un pouco máis alá de 2015 a unha taxa de retorno 0 [en realidade quere dicir 1]. Bueno, loxicamente antes diso deixaremos de extraer petróleo, bastante antes.”

[Máis tarde, na xeira de preguntas]

Casdeiro: “Xoán, a min unha das gráficas que amosaches deixoume bastante preocupado. É a da evolución prevista da taxa de retorno enerxético, porque en todas as demais parece que se prolonga a “campá” da produción de petróleo… pois, non sei, ata dentro de 50 anos… mesmo facías a comparanza de que dentro de 50 anos estaremos ao mesmo nivel que hai tanto. Pero se realmente esa gráfica, esas previsións, de que taxa de retorno enerxético chegará a 1 no 2015, a partir dese momento, enerxeticamente xa non se sacará petróleo! Ou eu perdinme nalgún momento?”

Xoán Doldán: “Non, non te perdeches. O que ocurre… a ver: esa é a tendencia. Normalmente as cousas tampouco son tan simples. Pero, a ver, aquí incluso para un mesmo autor as taxas de retorno enerxético pasan tamén por altibaixos… porque, bueno, tamén vai depender dos descubrimentos que haxa en cada ano -un ano pode haber un descubrimento un pouco mellor- etc. E pode haber momentos de estancamento. Posiblemente isto non caia así de golpe: posiblemente vaia dunha forma máis relentizada, pero desde logo nos últimos anos, nos últimos 5 anos, as taxas están caendo e ademais aí si que coinciden -noutros anos non coinciden tanto- pero nos últimos anos están coincidindo desde Bristish Petroleum, que non é nada sospeitosa… é unha das maiores empresas petrolíferas que hai no mundo e normalmente unha empresa que tende a sobrevalorar a existencia de reservas de petróleo (hai moita xente que considera que os datos que dá British Petroleum sobre reservas de petróleo están infladas) …pois bueno, incluso British Petroleum está dando taxas de retorno enerxético en caída, e ademais unha caída bastante grande; non é que pasase a ser a metade en 5 anos pero desde logo si hai unha caída moi forte. Posiblemente non sexa nos próximos anos a caída tan grande, pero bueno, de manterse esta tendencia si que sería moi preocupante.

Que pode ocurrir? Bueno, depende tamén de como evolúa o consumo, é dicir: a tendencia é a aumentar. Nestes momentos está bastante estancada pola crise. Se a crise se prolonga, se evoluciona dunha maneira que, por outra parte tamén podería darse… pois ao mellor estáncase o consumo enerxético e polo tanto non é necesario recurrir a acelerar ritmos de extracción en relación á demanda. Polo tanto podería estancarse un pouquiño, pero desde logo a tendencia é moi preocupante.”

9 thoughts on “Presentación de Xoán R. Doldán sobre o teito do petróleo en Santa Comba

  1. Juan
    10 Xuño, 2009 at 6:53 p.m.

    Muchas felicidades por ese trabajo, desde Canarias!

  2. Pingback: Anónimo
  3. xam
    17 Xuño, 2009 at 6:42 p.m.

    Agradece-se bem poder ver que tamem se empeza a falar por aco destes temas vitáis. Mpitas graças e a seguir nesta linha. Saúdos.

  4. Pingback: Art
  5. 11 Agosto, 2009 at 8:57 a.m.

    Segundo explican Charles A. Hall, Stephen Balogh e David J. Murphy no seu estudo What is the Minimum EROI that a Sustainable Society Must Have? por debaixo dun EROI (ou TRE) = 3:1 non parece posible continuar coa civilización actual. Se unimos isto ás gráficas presentadas por Doldán, á civilización industrial quédanlle apenas 5 anos!!!! :-O

    Sería moi interesante coñecer os datos sobre a evolución da TRE entre 2005 e 2009 para ver se a tendencia apuntada na gráfica se está a cumprir ou non.

  6. 25 Setembro, 2009 at 6:45 p.m.

    Segundo lembraba Dolores García na súa charla sobre o modelo World3 actualizado por ela, hai autores que sosteñen que chegados a TREs por baixo de 5:1 non se pode soster unha civilización industrial, e se cadra o único que se pode levar adiante con tan custosa enerxía é unha civilización de tipo agrario. Se ollamos para a gráfica que nos presentou Doldán, ese nivel pode que se alcance para 2010, 2013 ou 2015 segundo as estimacións que segamos. Ese é o tempo de vida que lle queda á nosa civilización? 🙁