Hoxe emitiron na 2 de TVE, en Documentos TV a reportaxe En busca de la energía, da que se pode ver online un avance.
Unha chea de defensores da nuclear fronte un par de detractores (para lexitimar unha suposta diversidade de informacións). Os argumentos a favor: a enerxía nuclear fai falta…
- para loitar contra o cambio climático,
- para reducir a dependencia do petróleo,
- porque xera postos de traballo,
- porque pode ser segura,
- porque España non se pode permitir prescindir dela e mesmo debe aumentar o parque de nucleares,
- porque as renovábeis non son suficientes
- e o argumento máis chusco “porque co tipo de consumo que temos do que a sociedade actual se dotou é a única que pode permitir manter as cousas como están”.
As palabras non son exactas pero o argumento era ese: non se esforcen en cambiar o seu estado de consumo enerxético, ese é o que a sociedade quere, e para seguir vivindo como até agora apoie a enerxía nuclear e verá como pode manter o seu status.
Para máis inri sae un membro directivo do IDAE a dicirnos que o aforro e eficiencia enerxética só terá éxito cando as empresas vexan niso algo rendíbel. Que significa isto? A min ocorresenme dúas cousas, ou ben están a preparar unha subida forte da enerxía (da electricidade supoño) para incentivar que sexa rendíbel aforrar por parte das empresas, ou ben queren dicir que por máis que o intentemos imos fracasar e que debemos prepararnos para solventar a situación coa enerxía nuclear. E a seguir parcheando e a seguir enchendo o peto das empresas da enerxía (que non o esquenzamos son empresas que VENDEN enerxía, e ningunha empresa podendo vender máis estará disposta a vender menos, sobre todo se pode vender máis cantidade e máis caro).
Na reportaxe do cénit do petróleo nen mentalo. Mesmo chegaron a dicir que as nucleares de cuarta xeración estarían tecnoloxicamente preparadas para “2040”.
Futuro con menos petróleo e con máis nucleares. Este é o cambio de rumo enerxético que nos ten preparado o goberno central. Nucleares, de entrada non. Lema vello, máis desta volta sen referendum.
2 reflexións sobre “O futuro nuclear que nos venden”