No proceso de documentación dun artigo acerca das sociedades que están a responder diante da ameaza do teito do petróleo, consultamos con Xoán Ramón Doldán García para coñecer a súa opinión ao respecto. A nosa pregunta era:
É factible falar de sostibilidade sen recoñecer o teito do petróleo e integralo en todas as políticas públicas, en todas as áreas e a todos os níveis (local, comarcal, nacional…)?
Xoán Doldán: A sustentabilidade só é posíbel se podemos garantir unha continuidade do modelo de organización económica e social que permita un determinado nivel de produción e consumo. Esa produción e consumo dependen dunha base material e esta depende dos ciclos de reprodución dos recursos, en particular dos ciclos da auga, da enerxía e dos materiais, sendo, neste último caso, os ciclos de reprodución dos seres vivos (animais e plantas) os máis importantes. Poderíamos dicir, polo tanto, que a produción e consumo son limitados no tempo e no espazo se queremos garantir que as xeracións futuras gocen dos mesmos.
O actual sistema económico, capitalista, é claramente insustentábel xa que non garante esa continuidade para as xeracións futuras, sendo fondamente desigual para as presentes de maneira que unha parte considerábel da poboación non cubre sequera as súas necesidades básicas e ve imposibilitado o acceso a moitos dos recursos cos que convive.
Este modelo ademais construíuse sobre unha base enerxética fósil (logo non renovábel) que se atopa no teito da súa produción. Isto, en por si, evidencia a insustentabilidade do sistema enerxético e, por extensión, do sistema económico vixente. Polo tanto a sustentabilidade só será posíbel coa superación das limitacións dos sistema enerxético actual e, necesariamente, deberá ser un modelo post-fósil (ou non fósil). Non debe interpretarse isto como que calquera modelo enerxético onde deixen de estar presentes as enerxías fósiles será automaticamente un modelo sustentábel. A sustentabilidade deixará de darse no momento en que o crecemento da demanda enerxética deixe de acompañarse dun crecemento da oferta. Se os niveis de utilización da enerxía son tan elevados e están en crecemento continuo que resulta imposíbel aumentar a capacidade de obter enerxía dispoñíbel estaremos diante dun modelo insustentábel. Esta incapacidade pode suceder por varios motivos, destacando:
– porque o tipo de enerxía dispoñíbel que se require non se corresponde coa ofertada obrigando a un cambio na tecnoloxía que implique dificultades técnicas, financeiras ou mesmo un incremento significativo do consumo enerxético na súa implantación
– porque aínda dispoñendo de coñecementos técnicos para a obtención de máis enerxía existen problemas financeiros ou límites físico-biolóxicos para a súa aplicación. Aínda tratándose de enerxías continuas ou renovábeis existen limitacións ao seu uso. A dispoñibilidade de recurso non ten porque coincidir espacialmente co consumo e canto máis lonxe estean os puntos de xeración e consumo máis complexa será a distribución da mesma. Por outra parte, unha enerxía renovábel como a biomasa, depende de ciclos biolóxicos que de non seren respetados poden converter este recurso enerxético en esgotábel e, polo tanto, perder o carácter sustentábel que debería ter. En canto ás enerxías continuas (solar, eólica, hidráulica…) existe unha limitación de tipo físico, o espazo onde implantar as instalacións con garantías de que cubran o consumo.Deste modo a sustentabilidade non pode construírse só polo lado da oferta de enerxía senón tamén, e primordialmente, polo lado da demanda. Se non se axusta a demanda enerxética aos límites dispoñíbeis local-comarcalmente máis dificultades teremos para conseguir esa continuidade que caracteriza á sustentabilidade. Mesmo un axuste a nivel mundial de oferta e demanda enerxética dun modo permanente dificilmente terá un carácter sustentábel porque seguramente significaría unha drenaxe de enerxía duns lugares sobre outros e unha desigualdade que negaría ese carácter sustentábel.
En definitiva a organización enerxética con premisas sustentábeis debe ser unha suma estruturada de recursos e usos enerxéticos de modo que nese encaixe das pezas se garanta un dispoñibilidade equitativa e con posibilidades de continuidade. Isto obrigará a considerar distintos niveis de actuación e decisión: local, comarcal, nacional, internacional, construídas de abaixo a arriba nunha relación de cooperación e non de competencia. Xusto ao contrario do que agora sucede.
2 reflexións sobre “É posible falar de sustentabilidade sen ter en conta o teito do petróleo?”