Lugares do mundo que se están a preparar para o teito do petróleo

Esta semana puiden ler un artigo de Rob Hopkins no seu blog Transition Culture no que fai un moi bo repaso aos lugares do mundo que se están a preparar para o impacto do cénit ou teito do petróleo. Estes pioneiros deberían ser un modelo que seguirmos con urxencia nos concellos galegos, pois segundo moitos o teito xa se produciu o ano pasado e estamos comezando unha costa abaixo que vai empeorar, e moito, as consecuencias da recesión económica, de tal maneira que esta derivará ou ben nun progresivo (ou relativamente súpeto) colapso das nosas sociedades, ou ben forzará unha viraxe radical cara unha sustentabilidade real e un decrecemento económico e enerxético.

A continuación farei un resumo do que Hopkins nos conta, baseado nun repaso que á súa vez fixo da listaxe que mantén o PostCarbon Institute estadounidense.

Lembra que todo comezou co Plan de Acción para o Declive Enerxético (PDF) que el contribuía a crear en Kinsale (Eire) e que foi o comezo de todo o movemento espallándose a outras comunidades que polo mundo xa estaban matinando sobre o mesmo problema.

Hopkin clasifica as iniciativas que teñen xordido desde entón, en 4 tipos:

      Iniciativas lideradas por gobernos municipais.
      Estudos sobre os impactos máis amplos do teito do petróleo sobre a sociedad.
      Propostas de resposta ao problema nun contexto nacional.
      Plans de Decrecemento Enerxético impulsados por movementos sociais

1. Plans de resposta municipal ou rexional

Estes están a xordir maiormente nos EUA cun primeiro en Portland (Oregón) en Xullo de 2007 baixo o título de Descending the Oil Peak: navigating the Transition from Oil and Natural Gas ao que seguiu un plan semellante en Oakland (California) (The Oil Independent Oakland Action Plan (PDF)) e en Xuño de 2008 o Vision Plan for the City of San Buenaventura que Hopkins considera o mellor ate o momento, froito do traballo interdisciplinar de diversos profesionais e técnicos aínda que deixa de lado aspectos importantes como a sanidade e mais a educación. Outras cidades onde os gobernos municipais xa comezaron planificar a súa Transición cara un futuro sen petróleo son San Francisco (PDF) e Berkeley (PDF) ademais de Hamilton (PDF) en Canadá.

Nun nivel menos desenvolto están varias cidades que polo de agora limitáronse a aprobar resolucións acerca do cénit do petróleo como Nottingham no Reino Unido

(No web das Postcarbon Cities hai un amplo listado destas resolucións e un mapa de respostas locais).

2. Estudos sobre os impactos a nivel nacional

En 2006 o goberno irlandés encargou un estudo acerca dos periogos do cénit do petróleo para a economía irlandesa (PDF), e en Xullo de 2008 o goberno galés fixo outro tanto (PDF). En Xullo de 2008 a Local Government Association británica emitiu un informe titulado Volatile Times (PDF), que exploraba cales podería ser os impactos do cénit do petróleo e mais da mudanza climática sobre os gobernos locais do país. E mesmo desde o colectivo empresarial británico se estudou o tema (PDF) en outubro do 2008 concluíndo que o teito se produciría probablemente en 2013 con graves consecuencias para a economía e a comunidade empresarial do país.

3. Propostas de accion a nivel nacional

En 2007 o Centre for Alternative Technology publicou o informe Zero Carbon Britain, un intento de deseñar unha estratexia nacional para que o Reino Unido sexa neutral en canto a emisións de carbono (no que atinxe á xeración de enerxía) para dentro de 20 anos. Outras publicacións nunha dirección semellante son Sustainable Energy Without the Hot Air e Can Britain Feed Itself.

Aquí penso que a Hopkins lle esquecen os plans de países como Suecia, estados como Queensland ou as experiencias de Cuba liberándose do petróleo no seu Periodo Especial.

4. Plans para o Declive Enerxético (ou Energy Descent Action Plans, EDAPs)

Deseñar un Energy Descent Action Plan é o paso final do proceso de Transición en 12 etapas que emprega o movemento das Transition Towns creado polo propio Hopkins, e varias cidades están traballando nel (o propio Hopkins anuncia o borrador da de Totnes, actual paradigma do movemento para os vindeiros meses). Tras Kinsale veu Sunshine Coast (Australia), Forest Row (Reino Unido), Oxford (só o apartado de transición no transporte), Stroud (só o apartado de alimentación), etc.

A este imprescindible traballo de recopilación de modelos, cara os que todos teremos que volver os ollos con máis ou menos urxencia en busca de referentes cando nos deamos convencido de que coas políticas actuais non imos a ningures, e ao que fai o Postcarbon Institute dos EUA, iremos achegando o noso gran de area en forma de breves páxinas que podedes atopar na columna dereita deste blog, baseadas principalmente no libro do profesor Bermejo, Un futuro sin petróleo – Colapsos y transformaciones socioeconómicas.