Sociedades en emerxencia enerxética: preparándose para a fin do petróleo

Cada vez existe un maior consenso a nivel mundial en recoñecer que o petróleo, base das sociedades industrializadas, chegou xa ao seu teito máximo de produción. A partir deste “cénit” só é posible unha costa abaixo cara o decrecemento sustentable. Algunhas sociedades xa comezaron a se prepararen para facela menos traumática.

(Un artigo de Manuel Casal Lodeiro para a revista Tempos Novos, nº 146, xullo de 2009.)

Hai un ano o economista Xoán Doldán falaba nestas mesmas páxinas do capitalismo como un “xigante con pés de barro” debido á súa dependencia dunha materia finita: o petróleo. Advertía de que unha mudanza radical do noso modelo de produción e consumo sería a única saída. A propia Axencia Internacional da Enerxía comezou no 2008 a lanzar a mesma alarma con outras palabras: “Abandonemos o petróleo antes de que el nos abandone a nós”, pedía Fatih Birol, o seu economista xefe. Mesmo o Comisario de Enerxía europeo se sumaba en Maio a estas advertencias, que nalgúns lugares do mundo xa están a escoitar.

No seu libro “Un futuro sin petróleo – Colapsos y transformaciones soicioeconómicas” Roberto Bermejo, profesor de Economía Sostible na Universidade do País Vasco, denomina a este conxunto heteroxéneo de cidades, vilas, rexións e países “sociedades en emerxencia enerxética”. Dentro delas englobaríase a rede de Transtion Towns (máis de 170 poboacións de 15 países) e mais as Postcarbon Cities estadounidenses, pero tamén algún país como Suecia cuxo primeiro ministro declarou xa en 2005 a intención de liberar o seu país da dependencia do petróleo para o 2020.

Tránsito cara a sustentabilidade local

Estas sociedades están a realizar transformacións importantes a partir do recoñecemento do problema do teito do petróleo, asemade doutras motivacións confluíntes como a mudanza climática. Segundo ten analizado Bermejo, todas elas comparten uns baseamentos comúns directamente relacionados cos principios da sustentabilidade: enerxía solar e derivadas; peche dos ciclos de materiais; descentralización e autosuficiencia produtiva; diversificación e cooperación. O sociólogo Joaquim Sempere explicaba no encontro da Rede española de Economía Ecolóxica celebrado en Xuño en Compostela, que debido ao teito do petróleo (“a punta do iceberg” da insustentabilidade contra a que imos bater, tal e como el o describiu) é inevitable irmos cara unha economía baseada na autosuficiencia local, e ese tránsito implicará situacións de escaseza tamén nos países ricos e un retorno ao campo que pode ser ou ben caótico ou ben organizado por gobernos previsores e pola propia iniciativa da sociedade civil. Segundo afirma Doldán, “o modelo capitalista está construído sobre unha base enerxética fósil e por tanto non renovable, o cal evidencia a insustentabilidade do sistema económico vixente”. E no que atinxe á vital cuestión agroalimentaria, Lidia Senra, do SLG, confírmao: “as políticas agrarias impoñen unha produción de alimentos totalmente dependente do gasóleo para mover as maquinarias, para os fertilizantes, pesticidas, plásticos e transporte de pensos (a base de millo e soia importados).“ A isto engade o problema da grande distribución en supermercados e o empaquetado co que estas venden ao consumidor final, tamén 100% dependentes.

Medidas fronte ao teito do petróleo

Aínda que as medidas que se están a adoptar nestas sociedades son moi diversas, podemos atopar algúns denominadores comúns: redución do consumo de combustibles, promovendo sobre todo o transporte colectivo; outro modelo de territorio e outros hábitos sociais; autosuficiencia enerxética e alimentar; enerxías renovables; economías autocentradas; concienciación social sobre o problema e educación para o aforro. Enumeraremos algúns exemplos, advertindo de que son soamente mostras extraídas de estratexias globais de transformación socioeconómica: así, en Dinamarca aproveitan a calor residual das centrais térmicas para fornecer o 61% da calefacción residencial e impoñen unha alta fiscalidade ao consumo enerxético e á compra de coches novos; en Suecia están a substituír o petróleo na calefacción doméstica pola biomasa forestal; no Sur de California están investindo con decisión no transporte público; en Portland (EUA) promoven os desprazamentos a pé e a produción e procesado local dos alimentos; en Oakland (EUA) están descentralizando a cidade en núcleos autosuficientes; en Totnes (Reino Unido) puxeron en marcha unha exitosa moeda local, algo que tamén están a utilizar noutras cidades; o estado australiano de Queensland está promovendo unha economía descentralizada e autosuficiente; San Francisco (EUA) creou unha empresa de subministro eléctrico municipal; en Cuba viraron cara a agricultura ecolóxica e conseguiron que La Habana produza na mesma cidade o 80% das verduras que consume, asemade de substituíren masivamente coches por autobuses e bicicletas. O panorama de Cuba é especialmente salientable pois debido á desaparición do bloque soviético quedara supetamente sen subministración de petróleo e polo tanto é o único país que realmente ten experiencia en afrontar un tránsito cara unha “sociedade sen petróleo”. Como consecuencia desta transición convertiuse, segundo WWF, no único país do mundo que cumpre os mínimos dunha sociedade sustentable. Porén, actualmente están véndose obrigados a tomar medidas aínda máis drásticas como cortar a electricidade ás empresas desbaldidoras e programar apagóns controlados, o cal nos permite albiscar aos demais, moito máis insustentables ca eles, o futuro cara o que nos estamos dirixindo.

O Protocolo de Esgotamento Mundial do petróleo

Unha medida na que coinciden cada vez máis destas localidades e rexións é o apoio a un protocolo, deseñado por Colin J. Campbell, un dos xeólogos que máis leva estudado o problema do cénit, e que implica diminuír o consumo de petróleo a un ritmo equivalente ao previsto do seu esgotamento. Unha vantaxe deste protocolo é que non fai falta que o asine todo o mundo para que teña efecto: desde unha familia a un concello ou un país, calquera que o adopte comeza a beneficiarse inmediatamente co aforro económico que supón e coa preparación para unha inevitable escaseza futura.

Tamén se observa nos diagnósticos que están na base destas iniciativas, pero sobre todo nas medidas transformadoras que propoñen, unha confluencia coas propostas doutros movementos tamén en auxe: o decrecemento, a economía ecolóxica, a permacultura, a autoxestión, o anticapitalismo, a relocalización, e a soberanía alimentar.

“Transition Towns” (TT), un modelo exitoso

Dentro das experiencias que no mundo se están a mover con decisión cara outro modelo de sociedade, é especialmente salientable o das Cidades ou Vilas en Transición, que naceu en Irlanda, pero froitificou sobre todo no mundo anglosaxón a través da experiencia da vila inglesa de Totnes, de oito mil habitantes e que está en camiño de estar libre do petróleo para o 2026. Esta vila convertiuse no modelo para cidades como Bristol, Portland, Oklahoma City ou a canaria illa de La Palma, que queren camiñar cara unha auténtica sustentabilidade, e o seu fundador, Rob Hopkins, no seu principal dinamizador. Este educador en permacultura e bioconstrución publicou en 2008 un completo libro titulado “Transiton Handbook – From oil dependency to local resilience”, que pode servir de guía práctica a calquera iniciativa local que queira adoptar (ou adaptar) o seu modelo de resposta “desde abaixo”, desde a cidadanía local, á dupla ameaza do teito do petróleo e da mudanza climática, unha resposta que se está a converter no movemento social de máis rápido crecemento a nivel mundial nos últimos anos. Madia fai, se pensamos que poñer en marcha un plan de “Descenso Enerxético” como o que propón o modelo TT, leva como mínimo dous anos e moi probablemente esteamos xa comezando “a costa abaixo” da produción mundial de petróleo.

En en Galiza… a que esperamos?

Aínda que no país contamos con iniciativas que en teoría poderían servir de base a esta gran transición socioeconómica (como a “Rede de Concellos pola Sostibilidade”, ou as experiencias dos “Núcleos de Sostibilidade”) adolecen dunha visión parcial da sustentabilidade na que se asume con criterios ambientalistas a convivencia de políticas contraditorias, e que en ningún momento parten do recoñecemento do teito do petróleo nin da inviabilidade do modelo enerxético actual. Activalas nun sentido autenticamente sustentabilizador, que devolva ás vilas galegas a resiliencia perdida, que as permita encarar co menor trauma posible unha viraxe cara unha vida sen petróleo, semella difícil porque dos alicerces que Roberto Bermejo identificou na xénese das sociedades en mudanza enerxética, só contamos con dous: o noso grande potencial para as enerxías renovables, e mais un incipiente grupo de activistas concienciadores. Aínda nos falta contar con outros como o convencemento persoal dalgún gobernante (caso de Suecia ou Queensland), o recoñecemento de que os prezos do petróleo só poden seguir subindo a longo prazo, as estratexias públicas de sustentabilidade realmente participativas e realmente sustentables, contar con experiencias pioneiras de referencia, e ter o apoio das administracións superiores.

Para saber máis:

  • http://www.transitiontowns.org
  • http://www.postcarbon.org
  • http://www.oildepletionprotocol.org
  • http://www.crisisenergetica.org
  • http://www.vesperadenada.org

Previamente á aparición deste artigo foron publicados neste blog citas máis amplas de Xoán Doldán e de Lidia Senra sobre o tema.

2 thoughts on “Sociedades en emerxencia enerxética: preparándose para a fin do petróleo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *