Onte, mércores 26 de Agosto de 2009, foi unha data histórica para Galiza: o pleno municipal de Teo aprobou unha resolución que recoñece o problema do Teito do Petróleo, a súa inminencia e gravidade, e que aproba a posta en marcha de medidas para estudar e aminorar o seu impacto sobre a poboación teense. Dicimos que é histórico este feito, porque Teo se converte no primeiro municipio galego (e segundo a nivel do Estado Español) que se une a movemento que por todo o mundo está recoñecendo o problema e facéndolle fronte, baixo diversos nomes: Transition Towns, Post-Carbon Cities, Relocalization Network…
A continuación facemos un resume do que presenciamos os membros de Véspera de Nada que asistimos ao pleno, na sede provisional do concello no lugar da Ramallosa:
O alcalde Martiño Noriega (BNG) fixo unha breve presentación e defensa da resolución, a cal loxicamente xa fora entregada aos grupos da oposición xunto cun breve dossier preparado pola nosa asociación. Segundo explicou a intención práctica da resolución era crear un Comité que promovese unha serie de dinámicas no concello cara o control do gasto enerxético e a busca de alternativas de tipo renovable (unha asignatura pendente no concello, xa que apenas son utilizadas nas instalacións municipais, como el mesmo recoñeceu). Tamén recoñeceu a importancia simbólica da resolución, como punto de partida dunhas medidas a longo prazo, e dun debate no concello e coa cidadanía, en torno ao cal puidesen xordir ideas para afrontar o problema, xornadas de concienciación e educación enerxética, etc.
Manuel Parajó (InTeo, independente) nas súas intervencións opinou que a moción tiña pouca lóxica á vista dos problemas que ten o concello. Amosouse convencido de que se ía aprobar pero que non había servir para nada, e que sería papel mollado.
Alexandre Leis (PSdeG-PSOE) tamén foi da opinión de que hai problemas máis serios e importantes que afectan aos veciños, e apuntou ao carácter de recheo da medida no pleno. Dixo que a medida era carente de contido político, que era máis estética que de fondo e que era incongruente a súa presentación co voto en contra que fixera o BNG ao Plan Enerxético Municipal proposto anteriormente polo seu grupo a prol do aforro económico e a mellora medioambiental. Insisteu en que non lle vía moito sentido, aínda que compartían a análise global que se facía na moción sobre o problema do petróleo, e que as medidas que se propoñían en torno a el lles parecían demasiado xenéricas. Porén, afirmou que non tiñan nada en contra da resolución e que votarían a prol da mesma.
Armando Blanco (PPdeG-PP) afirmou que a resolución non valía para nada e que só se buscaba encher titulares de prensa. Na opinión do seu grupo podíanse ter usado os fondos Zapatero para esa cuestión que agora se presentaba.
Perante o escepticismo amosado polos demais grupos municipais, Noriega fixo unha defensa da utilidade da medida, que negou fose algo de recheo, senón un punto de partida que nacía do compromiso co tecido asociativo que a promovera e demandara. Explicou que xa hai outros municipios e colectivos de peso traballando en diversos lugares sobre o problema, e que podería ter unha faceta simbólica pero que tamén tiña a súa trascendencia e comparouno coa iniciativa que tomara hai tempo Teo posicionándose contra os transxénicos. Explicou que a cuestión do Teito do Petróleo é un campo no que colaborar cos cidadáns a partir deste posicionamento oficial do concello.
Finalmente a moción foi aprobada cos votos favorables do BNG e o PSdeG, e coa abstención de PPdeG e InTeo (independente).
Tras a finalización do pleno achegámonos ao alcalde para lle darmos os nosos parabéns por ter sacado adiante a resolución e para lle ofrecer a nosa colaboración na posta en práctica do aprobado. Noriega avanzou que xa están previstas unhas xornadas en Teo a partir de setembro que no marco desta aposta do concello por tratar o problema en colaboración co tecido asociativo local, van difundir o problema do Teito do Petróleo entre os cidadáns así como diversas prácticas sustentables na alimentación, vivenda e transporte.
Na opinión da nosa asociación este recoñecemento público nun municipio como Teo, que comparte características típicas dos concellos do noso rural coa súa veciñanza con concellos máis urbanos como Ames e a propia capital de Galiza, Compostela, ten grande importancia e contido político, ao contrario do que o voceiro socialista expresou no pleno. O tránsito a un mundo sen petróleo será difícil, duro e levará décadas, pero xa partimos dun retraso moi grave neste país, e por iso é tan importante que se dera este primeiro paso. E parécenos importante que se fixera co apoio expreso tanto do BNG promotor como do PSOE, partido que goberna a nivel estatal, e mesmo que o PP non votase en contra e máis ben se abstivese se cadra por unha visión demasiado escéptica sobre a utilidade do proposto. Esperamos que esta medida se vaia comunicando e espallando noutros concellos galegos e que os 3 partidos xunto cos grupos independentes que teñen presenza nalgúns deles, poidan atopar puntos de consenso para traballar na defensa da sociedade galega fronte a este momento crítico da civilización.
Namentres desde a Asociación Véspera de Nada traballaremos arreo co concello de Teo, botando unha man con todos os recursos ao noso alcance, para facer posible o aprobado onte no pleno e que os cidadáns de Teo poidan comezar a camiñar xa cara ao inevitable futuro sen petróleo.
Queremos finalmente agradecerlle este importante avance á asociación teense Os Ameios, creada ao abeiro do espazo e da actividade do Fogar do Santiso, que fixo posible que esta iniciativa chegase ao concello de Teo. Esta asociación ten entroutros fins a recuperación do patrimonio e da etnografía na comarca do Concello de Teo, intentando facer pública tanto escrita como oral a antiga cultura da zona.
Texto da resolución aprobada polo Concello de Teo sobre o Teito do Petróleo (PDF) (NOTA: Foron corrixidas algunhas grallas presentes no texto oficial debatido no pleno.)
13 reflexións sobre “O Concello de Teo recoñece a gravidade do Teito do Petróleo”