O seguinte artigo foi publicado no periódico Novas da Galiza publicado en Setembro de 2009. Aquí incluímos a versión na grafía orixinal e sen correccións lingüísticas:
O obxectivo perseguido por todas as instancias do poder político e económico a nível mundial para saírmos da actual Recesión mundial non é outro que a volta á senda do crecemento económico, medido como taxas positivas de medre do PIB. Aplícanse variadas receitas, con maior ou menor nível de improvisación, pero sempre cara ese único obxectivo, seguindo a ortodoxia vixente na denominada “ciencia” económica. Pero hai un serio problema no que ningún deses poderes (nin os medios de comunicación de masas ao seu servizo) repara ou quere reparar: esa ortodoxia é calquera cousa menos “científica”. Perseguir un crecemento infinito da produción e do consumo material nun planeta finito non soamente contravén o máis básico sentido común, senón a Segunda Lei da Termodinámica. A corrente económica dominante nestes tempos considera o sistema económico mundial como se estivese illado do ecosistema, como se o planeta non lle impuxer uns límites físicos, un tope máximo ao que se pode producir, consumir, poluír… Un dos límites máis importantes é o enerxético, e unha das súas expresións é o denominado “teito” ou “cénit” da produción mundial de petróleo: o nível máximo de petróleo que se vai poder poñer nunca a disposición da máquina económica mundial, un nível que segundo moitos expertos xa temos alcanzados ou temos á volta da esquina.
A causa última da crise non é financeira, senón enerxética
Cando se erra na diagnose é díficil acertar coa cura. Xoán Doldán, ex-director do Instituto Enerxético de Galiza e actualmente un dos máis destacados representantes da denominada “Economía Ecolóxica” no noso país, explica así como xordeu esta Recesión: “O sector financeiro aumentara a súa actividade por mor da economía especulativa e da mundialización. Isto levou a máis préstamos e unha maior produción de bens e servizos, que precisou dun maior uso de materiais e enerxía. A forte presión sobre a enerxía (en particular a de orixe fósil non renovábel) e os materiais (non renovábeis tamén) xunto coa dificultade para acompasar a súa oferta á demanda, acabou por afectar ao prezo. Cando esa suba se fixo moi forte (caso do petróleo no 2008) provocou unha retracción na economía real. Isto supuxo o incremento das débedas ao non poder pagar os créditos ou as compras, con efectos nos traballadores cando se trasladaron eses elevados prezos á súa economía doméstica. Se empresas e familias deixan de pagar as súas débedas comenza darse unha situación de desconfianza xeralizada que remata por retraer os movimentos de capitais e o sector financeiro entra nunha crise que leva a reducir os préstamos. Se non se conceden créditos as empresas da economía real teñen máis dificultades para seguir producindo e entran en crise; ademais se as familias non teñen facilidades no acceso aos créditos comprarán menos, ao que se suma a maior desconfianza no futuro, o paro e os menores ingresos familiares: hai crise de consumo e crise de sobreprodución, empeorando o problema do pagamento das débedas e reducindo a capacidade de aforro e de investimento no sector financeiro. Finalmente isto provoca unha redución da actividade produtiva e do consumo e polo tanto unha redución na demanda de enerxía e materiais, e así a presión sobre os prezos é menor e tenden a diminuír.” E así chegamos ao momento actual de pelexa imposible por volver ao medre de produción e consumo.
Por que o crecemento continuado é imposible a medio e longo prazo
A reactivación económica que perseguen os gobernos, segundo Doldán, implicará “unha reactivación na demanda de materiais e enerxía, que cos límites físicos que existen (o cénit do petróleo é unha expresión dese límite) farán que se volva a presionar o seu mercado e provoque un nível de prezos cada vez máis alto”. O cul-de-sac parece obvio, xa que logo, cando se ten en conta a enerxía nos cálculos económicos.
Desque se comezara alimentar a economía mundial con petróleo, o medre do PIB e o consumo desta substancia foron en paralelo, cunha correlación e dependencia case absoluta. A meirande produto mundial, máis consumo de petróleo; a falta de petróleo (crises dos anos 70), freo do PIB. Os economistas ortodoxos cren na perfecta substituibilidade dos factores produtivos: se falta petróleo, con máis capital acharemos algún substituto. Pero non teñen en conta os informes como o de Robert Hirsch para o goberno dos EUA que advertía de que farían falta cando menos 20 anos para transformar todo o sistema socioeconómico, e os que indican que non hai outras enerxías dispoñibeis que poidan chegar a tempo para substituír o precioso “ouro negro” a níveis de consumo actuais, sobre todo no transporte, talón de Aquiles da economía mundializada. Está claro que tras a era do petróleo deberemos virar cara ás renovabeis, pero será preciso en paralelo reducirmos drasticamente o consumo enerxético (e polo tanto a produción e consumo materiais), xusto o camiño contrario ao que se empeñan en levarnos: como ben titulaba Ted Trainer un dos seus libros, “A enerxía renovable non pode sustentar unha sociedade de consumo”. E tampouco pode sustentar un sistema como o capitalista, baseado nun crecemento permanente que permite financiar as débedas de hoxe con cargo aos medres do mañá. Nin o crecemento permanente nin o sistema financeiro propio da acumulación capitalista parecen ter moito futuro se comeza fallar o motor derradeiro do crecemento: o petróleo.
Esta situación ten dúas saídas posibles: ou o colapso dunha civilización industrial teimosa en seguir un camiño insustentable, ou unha terceira “Revolución” cultural e antropolóxica, que xa fora albiscada hai máis de 30 anos no informe “Limits to Growth” publicado polo Clube de Roma: tras a invención da agricultura no Neolítico e a Revolución Industrial, a nosa especie para sobrevivir debe iniciar unha nova gran Revolución: a da Sustentabilidade.
Manuel Casal Lodeiro
5 reflexións sobre “O Teito do Petróleo fará imposible a recuperación do crecemento económico”