Medra a demanda de petróleo, medra o prezo… medrará a oferta?

Las expectativas de una recuperación económica llevaron ayer a la OPEP a revisar nuevamente al alza sus previsiones de demanda mundial de crudo para este año y el próximo. La demanda petrolera caerá este año 1,4 millones de barriles diario, 200.000 barriles diarios menos de lo estimado anteriormente, y para 2010 prevé un crecimiento de la demanda de 700.000 barriles diarios, frente a los 500.000 augurados en septiembre. La semana pasada fue la Agencia Internacional de la Energía (AIE) la que ajustó al alza sus previsiones de demanda.

…era o que podiamos ler hoxe na prensa económica habitual. O que non lemos é ata que punto esas previsións de medre da demanda serán acompañadas dun medre da oferta. Para responder a esa cuestión non fai falta acudir ás organizacións que advertimos sobre o Teito da produción mundial: abonda con preguntarlle á AIE.

2 thoughts on “Medra a demanda de petróleo, medra o prezo… medrará a oferta?

  1. Xoán Doldán
    17 Outubro, 2009 at 6:13 a.m.

    E aínda que fose posíbel que a oferta aumentase (momentáneamente) ao incremento da demada habería grandes incognitas sobre o futuro do mercado do petróleo. Se partimos dos postulados da economía convencional (aquela que domina o ámbito académico e institucional e que despreza as limitacións físicas que impón a naturaza) atopámonos con paradoxos que nos indican unha difícil saída á situación actual. Vaiamos por partes.
    A demanda de petróleo é ineslastica ao prezo, é decir, pouco sensíbel ás variacións do prezo, de modo que as subidas de prezo non se manifestan en reducións na mesma porcentaxe no cosumo, xa que se trata dun ben necesario e con poucos substitutos no mercado. Mentres a oferta é tamén inelástica con tendencia a converterse en perfectamente inelástica, é dicir, unha elevación no prezo non ten porque significar un aumento da oferta na mesma proporción e a tendencia é que esa insensibilidade ás mudanzas no prezo sexa total, polo que ao marxe da subida dos prezos non habería posibilidade de incrementar a oferta. Isto sucede por ser un recurso non renovábel, en fase de esgotamento e con dificuldades técnicas para conseguir aumentar a dispoñibilidade de maior cantidade de produto (está máis profundo, é de pior calidade, está en zonas de difícil acceso…). Desde as empresas do petróleo estase a pedir unha elevacións dos prezos que farían rendíbeis xacementos que agora non o son e que permitirían sufragar o aumento dos custes da extracción. Malia esta posibilidade, a capacidade de aumento da oferta é limitada xa que ao marxe do que suban os prezos do petróleo, a taxa de retorno enerxético (TRE) (e as leis da termodinámica) lémbranos que a extracción de petróleo non poderá facerse cando o contido enerxético do extraído iguale o sexa inferior á enerxía necesaria para a súa extracción.
    Nestas circunstancias, demanda inelástica e oferta inelástica ou perfectamente inelástica, un aumento da demanda significaría un aumento en maior proporción dos prezos. Isto, nun primeiro momento, faría rendíbeis certos investimentos e facilitaría a extracción de petróleo que agora resulta demasiado custoso en termos monetarios pero ao mesmo tempo reduciría a TRE xa que os custes físicos (energéticos) da extracción serían maiores, aumentando o grado de inelasticidad da oferta. Este novo equilibrio do mercado do petróleo, a prezos máis altos, só sería un espellismo xa que semellaría que o problema das restriccións da oferta son resolúbeis vía prezos e que sería factíbel un mercado onde a demanda sexa fornecida aínda que iso acabaría por supor prezos elevados. Isto podería ser só a ponta do icerberg xa que se a oferta remata por ser perfectamente inelástica (ou próxima a selo) as subidas dos prezos cada vez terán que ser maiores para cubrir unha demanda crecente e mesmo poderíamos chegar a atoparnos con que a oferta sexa completamente insensíbel aos prezos o que provocaría inmediatos desabastecementos se a demanda segue a medrar. Pior sería a situación se, ademais, hai unha reducción da oferta (por merma nas extraccións) ya que implicaría subidas repentinas (e a grande escala) nos prezos.
    Por outra parte a demanda é non son inelástica aos prezos senón tamén inelástica á renda, é dicir, ao tratarse dun ben necesario e con poucas alternativas no mercado, unha redución da renda non significará redución na mesma proporción na demanda deste ben, de modo que a merma da renda levaría aparellado a diminución da demanda en bens máis supérfluos.
    Paradoxalmente, esta sería unha das poucas consecuencias derivadas desta crise de demanda de produtos menos necesarios a que permitiría un certo respiro ante un mercado do petróleo tendente ao colapso, xa que nunha sociedade como a nosa que basea grande parte da súa actividade económica na fabricación e consumo de obxectos supérfluos, esta menor demanda significaría indirectamente unha caída na demanda de petróleo (como se ten observado na recente crise). Ou sexa, a caída na demanda de petróleo é unha caída inducida pola redución do consumo de bens menos necesarios (con unha demánda máis elástica á renda). Se istos servise para iniciar un cambio nas pautas de consumo e de produción, un cambio que non for meramente conxuntural senón estrutural ou sistémico, a crise manifestaríase como unha oportunidade de cambio no modelo enerxético cara outro máis sostíbel. O que nos leva a cruzarnos coas propostas do decrecemento, entendido non tanto como a caída do valor de certas macromagnitudes (as medidas do crecemento fanse en termos monetarios e, polo tanto, influídos pola variábel prezos) senón como unha transformación daqueles elementos que, como a vorágine dun consumo ás máis das veces innecesario, teñen convertido o sistema capitalista nunha arma letal para a natureza.
    Compre considerar, pois, que baixo as premisas da economía convencional resulta case imposíbel manter vivo o argumento dunha demanda de petróleo crecente cuberta con aumentos continuados da oferta cando a tendencia é a unha maior ineslaticidade polo proceso de esgotamento do recurso e de caída da TRE.
    Non incluín nesta breve e apurada análise o papel dos mercados especulativos do petróleo que introducen un certo comportamento errático nos prezos. Estes mercados especulativos teñen que ver cos chamados mercados de futuros, é dicir, a compra-venda de petróleo non extraído para a súa posta no mercado de produtos materiais dentro de varios anos. Dun modo análogo aos mercados especulativos financeiros que inflaron o valor de certos activos financeiros a forza de crear produtos virtuais que non tiñan un soporte material e que acabaron por converterse nun dos detonantes (máis que causantes) da actual crise. No mercado especulativo do petróleo estase a comprar petróleo inexistente, para revendelo sucesivas veces até que finalmente chegue a materializarse, engordando a circulación de petróleo virtual que, dadas as sospeitas actuais, poderían acabar por converterse nunha burbulla que como a inmobiliaria ou a financeira acabe estoupando (ex. unha persoa estar a vender petróleo que non ten para entregalo ao comprador dentro de varios anos, mentres fai sucesivas compras e vendas dun petróleo que só pasará polas súas mans de forma virtual, xa que non ten porque ter contacto físico co mesmo xa que nin o extrae, nin o transporta, nin o refina, nin o distribúe, nin o almacena, só é unha anotación contable, o negocio é a transacción especulativa). Mentres esta oferta virtual súmase a oferta real, e a demanda virtual súmase á demanda real, alterando os prezos do petróleo. Así que os prezos do petróleo terán unha compoñente errática que compre engadir á análise anterior pero só para escurecer as restricións derivadas dunha caída da oferta.
    Tampouco incluín o carácter oligopólico da oferta e da demanda. Poucos produtores concentran a maior parte da produción e poucos países concentran a maior parte do consumo. Neste tipo de mercado o comportamento dos prezos ten moito que ver coa situación de dominio que exerzan no mercado aqueles que teñen un papel máis destacado. Se ben o grao de concentración da produción foi mudando das mans de certas empresas privadas ocidentais a un papel cada vez máis importante das empresas públicas dos países produtores, sen que as anteriores abandonen un papel relevante. En canto ao consumo, a aparición de outros países no clube de grandes consumidores (China ou India, por ex.) tamén alterou parcialmente a concentración da demanda. De novo, este é un elemento que escurece a percepción do problema pero que non elimina o advento do teito do petróleo, precedido ou anunciado por unha tendencia continuada á elevación dos prezos e a aparición de episodios de desabastecemento (for local, for parcial).

  2. 28 Outubro, 2009 at 10:26 a.m.

    Moitas grazas polo estupendo resume, Xoán. Repasaches todo os factores básicos para entender o tollemento civilizacional no que estamos inmersos a causa da nosa dependencia do petróleo: fallo das leis do mercado para explicar o comportamento do petróleo, importancia das leis físicas, TRE, influencia da especulación e do carácter oligopólico do mercado petroleiro, etc.

    Gostaría quedar coa esperanza de que por vía desa elasticidade indirecta traída pola redución de produtos superfluos, sexa máis suave a caída pola aba descendente do pico de Hubbert. Aínda que son pesimista sobre a posibilidade de que o grao de desconsumo total ou de decrecemento sexa suficiente para compensar o grao de esgotamento dos pozos, o efecto do desinvestimento en nova capacidade de extracción e refino, e a TRE en caída libre.