Xornada sobre Silvicultura Sustentable este sábado 31 de Outubro en Teo

Hoxe seguimos co tema da sustentabilidade das nosas fragas, tras o relato lírico de Xosé Manuel Lobato, para vos anunciar que dentro das xornadas Terra e Cultura Sustentable das que xa vos falaramos neste mesmo blog, hase tratar este sábado, último día do ano e comezo do inverno para os celtas, a Silvicultura Sustentable. Velaquí parte da nota de prensa co programa de actividades:

Terra e Cultura sustentableO sábado 31 de outubro terá lugar a 4a xornada “Terra e Cultura Sustentable”, coa presentación de propostas para a sustentabilidade do bosque galego amosándose distintas experiencias; nas charlas sobre Bosque Comestible e Sustentable e Viveirismo Sustentable, nun obradoiro prático de deseño con visita á horta e ao bosque e na proxección dun vídeo temático.

PROGRAMA

  • 10,00 h: Charlas: (presenta A.C. Os Ameios)
    • Bosque comestible & sustentable: César Lema, Iván Novoa & Carlos Camino – PermaCultura na Galiza.
      O bosque comestible é un concepto que deriva do inglés Forest Garden ou Food Forest (bosque horta ou bosque de alimentos). No plantexamento deste concepto, preténdese emular á natureza na sucesión natural do bosque, estando a intervir cun deseño do mesmo de xeito consciente, na procura dun espazo que poda servir para a produción de alimentos, a colleita de madeira e a creación de bio-diversidade. A rede de PermaCultura na Galiza leva uns anos amosando este concepto no noso país e ensaiando algunhas propostas para diferentes espazos de horta e forestais. Nesta charla presentaranse algúns deseños e mesmo falarase da sucesión natural do bosque senlleiro da Galiza, a carballeira, e de como poder mellor integrar os usos forestais de xeito sustentable.
    • Viveirismo Sustentable: Ramiro Martínez – Viveiros O Pomariño, A Capela
      O Viveiro O Pomariño foi o primeiro Produtor de Froiteiras autorizado en Galicia. Desenvolve dende 1999 un traballo de recuperación e propagación de variedades autóctonas, incluído o castiñeiro, moitas delas case desaparecidas. Tamén colabora en cursos e xornadas frutícolas sobre todo no que respeita ao tema do enxertado, ensinando as novas e tamén antigas técnicas. En 2008 entra a formar parte como socio fundador da Asociación Galega da froita autóctona do Eume (AGFA do Eume), da cal Ramiro Martínez é vicepresidente. Esta asociación desenvolve un intenso labor de recuperación e promoción da nosa froita, especialmente entre os escolares, a través da realización de festas de exaltación,e a posta en marcha de varios campos de ensaio e demostración así como a creación de un Campo de Conservación de variedades da comarca Eume-Ferrol-Ortegal en colaboración co Concello de San Sadurniño, no cal xa están plantadas 120 variedades de froiteiras.
  • 12,00 h: Obradoiro prático: Deseño de Bosque Comestible – Frondosas, froiteiras, arbustivas
    Iremos á horta do Fogar do Santiso, onde preténdese establecer unha plantación de froiteiras de variedades autóctonas, e mesmo poderemos viisitar o bosque de Trasellas anexo ao restaurante; para reflexionar in situ, coas persoas que participan na charla, de como realizar a intervención forestal de xeito sustentable.
  • 12,00 h: Mercadiño de artesáns, música e actividades para nen@s:
    Contaremos coa colaboración de:
    • APARICIO AÑON, presentará a súa artesanía en cerámica de Buño. Poderemos contemplar en vivo no seu torno, a realización de pezas artesás estando a combinar formas tradicionais cunha singular persoalidade.
    • RECICL-ARTE xa ten estrutura e un tamaño considerable. Con OSCAR ALDONZA E TUCHO ABALO continuaremos a seguir a proposta de creación artística na integración da Arte e a reciclaxe, co moldeado dunha escultura con barro e residuos de vidro do restaurante.
    • A exposición da artesanía da Asociación de pais de minusválidos de Teo (ASPAMITE), estará de novo presente coa súa cestería, alfombras e encadernación.
    • ACTIVIDADES PARA NEN@S: iremos ao bosque e teremos XOGOS e DINÁMICAS de coñecemento de árbores, follas e froitos, tamén iremos á tarde á recolleita de setas. Globos, maquillaxe e o paracaidas de mil cores, estarán de novo presentes para grandes e pequeno/as.
    • Haberá actuacións de MÚSICA POPULAR para ambientar os espazos e as actividades.
  • 13,00 h: Proxección vídeo: “Establishing a Food Forest” (Creando un bosque de alimentos) de Geoff Lawton.
    Neste vídeo, conducido polo responsable de Tagari Farm en Australia, amósase paso a paso o establecemento dun bosque comestible e sustentable por si mesmo para a produción de alimentos. Poderemos ver a sucesión do propio bosque e como un deseño consciente pode favorecer á natureza. Tagari Farm é a sé do Instituto Australiano de PermaCultura, que foi creado por Bill Mollison en 1989. Geoff Lawton é un dos seus discípulos e un dos permacultores máis especializados no desenvolvemento do concepto do bosque comestible & sustentable.
  • 16,30 h: Saída ao monte e recolleita de setas
    Aproveitaremos a tarde, para saír de andaina polo bosque de Trasellas e polo roteiro de Luou, na busca de setas e cogomelos de tempada.

Máis información en www.terraecultura.org