Hoxe quero reproducir aquí un texto de Xosé Manuel Lobato, unha denuncia en prosa lírica da evolución do noso rural, en concreto dos nosos montes, cara á insustentabilidade. Fálanos Lobato da grande estafa que nos levou a perder, a malvender, unha resilencia de séculos. Estaremos aínda a tempo de a recupermos?
Era de proveito
Home sabio, prudente, consecuente e respectuoso cos designios naturais.
Coa experiencia adquirida nua dilatada historia de vida, o maior transmite impresionantes leccións de coñecemento, tamén certa nostalxia polo que foi e xa non é.
Cando fala dos seus anos mozos, zumega sabedoría popular e un respecto superior por todo o natural. Ese ser tan especial é Victorino, o de máis idade da aldea. Recorda con moita nitidez os seus tempos de crianza cando todo o que daban as terras era de utilidade. Non se desprezaba nada, todo tiña a súa razón de ser dentro dun ciclo cerrado que se repetía con exactitude.
O monte era a gran despensa, unha artesa que nunca se estrumaba, pois sempre se sacaba con moderación e só o necesario. Naquel tempo, o home estaba convencido da fidelidade desta fonte de recursos para sobrevivir. Convencemento que se ía forxando na educación e cultura social dos asentamentos, que convivían en contacto directo co medio, dentro dun equilibrio natural e recíproco.
Aqueles tempos non eran dun consumismo sen control. Só o imprescindible para atender ás necesidades básicas de cada un. Non era preciso moito para ser feliz e gozar dua vida sinxela pero tamén
bastante idílica.Todos os seres que rodeaban os humanos eran respectados, fundamentalmente as árbores das chousas, retornos, ou das estivadas. Moitas destas plantas eran centenarias e mesmo míticas; os seus recursos utilizábanse con racionalidade e sempre cunha visión de futuro.
Victorino lembra un caso moi relevante. Foi o dua árbore centenaria cortada pola raíz, todos na aldea a lembraban imperturbable e igual desde sempre. Seguro que o magnífico carballo, contemplara o paso de moitas xeracións que ían aproveitando os seus recursos, pero sen acabar coa súa existencia.
O proceso era un ciclo de exactitude. No ountono recollíanse as landras para os animais e tamén as follas segundo ían caendo para estrar as cortes. Xa metidos no inverno, o carballo era podado con moito agarimo. Aquelas pólas eran o sustento da lareira para cociñar, ferver os animais e subministrar a calefacción necesaria para a vivenda.
Con mágoa e nostalxia, o vello recorda perfectamente o día en que o nobre carballo foi cortado. Pero o máis grave non foi este caso puntual, pois a mediados do século XX, practicamente todos, os monumentos nativos da flora do contorno foron desterrados. A causa de tanta desfeita estaba no intento de colonizar con eucaliptos e piñeiros que medraban rápido e aseguraban axiña grandes riquezas sen esforzo.
A conclusión fundamentada no pasado amosa actualmente a Galicia despoboada no rural. As súas xentes tenen que emigrar para conseguir os cartiños que non achegan os montes inzados de eucaliptos e piñeiros. Moitos destes bosques permanecen abandonados. Pero os descerebrados, polo verán, non se esquecen deles para queimalos sen pudor nin escrúpulos.
(Extraído do seu libro Retorno a Natura, editado por Alvarellos.)
Unha reflexión sobre “Xosé Manuel Lobato: Era de proveito”