Carlos Taibo falará sobre o decrecemento este xoves en Compostela

Carlos TaiboSegundo nos informa Verdegaia Carlos Taibo, profesor da Universidade Autónoma de Madrid e autor dunha vintena de libros sobre o capitalismo, a mundialización, a xeopolítica, os movementos e a economía, falará sobre “Decrecemento: consumir menos para vivir mellor” o vindeiro xoves, 5 de novembro ás 20:00 no hotel Virxe da Cerca, nun acto organizado por Verdegaia-Compostela.

Non deixaremos de asistir para desfrutar coa claridade expositiva e a lucidez dun dos máis salientables intelectuais da nosa Diáspora.

Para ir abrindo boca recomendamos a lectura dun recente artigo seu publicado por Altermundo acerca do Decrecemento.

2 thoughts on “Carlos Taibo falará sobre o decrecemento este xoves en Compostela

  1. 3 Novembro, 2009 at 7:32 p.m.

    Copio máis información recibida dos compañeiros de Verdegaia:

    Pouco despois de que a crise económica interrompera abruptamente nas nosas vidas aló polo ano 2008, moitas foron as voces que pediron unha foda reflexión sobre o sistema financeiro imperante e as súas normas. Porén, semella que na actualidade estas cuestións están a quedar diluídas no falso restablecemento dalgúns dos indicadores económicos…

    Mais, nesta voráxine de cifras e índices macroeconómicos, cómpre destacar que están a quedar nun segundo plano fenómenos tan delicados coma o cambio climático, o encarecemento das materias primas, a sobreexplotación dos recursos enerxéticos, a ampliación da pegada ecolóxica e outros moitos aspectos que afectan directamente á nosa forma de vida e incluso á nosa supervivencia.

    Neste contexto, Carlos Taibo, profesor de Ciencias Políticas na Universidade Autónoma de Madrid cunha ampla traxectoria na identificación dos “efectos secundarios” da globalización capitalista, ven de publicar o libro “En defensa del decrecimiento” (Los Libros de la Catarata, Madrid, 2009). O crecemento económico non xera –ou non xera necesariamente– cohesión social, provoca agresións ao medio ambiente en moitos casos irreversíbeis, facilita o esgotamento de recursos e, en fin, permite o triunfo dun modelo de vida escravo que convida perversamente a pensar que seremos máis felices canto máis traballemos e canto máis consumamos.

    Fronte a adorada entelequia dun crecemento económico constante –algo tan imposible coma destrutivo–, Carlos Taibo propón reivindicar o concepto de decrecemento coma unha forma de contestar ao capitalismo na súa dobre dimensión de explotación e inxustiza, por un lado, e de agresións contra o medio natural, polo outro. Os países ricos deben reducir o seu consumo porque vivimos por riba das nosas posibilidades, porque é inxusto coa meirande parte da poboación mundial, porque é urxente cortar as emisións contaminantes e porque comezan a faltar materias primas vitais.

    Como asociación ecoloxista que loita pola transformación social en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, dende Verdegaia queremos contribuír á divulgación e a promoción do concepto do Decrecemento con actividades coma esta, enmarcadas no programa Consomes ou Devoras?