Na maxistral palestra que deu onte en Compostela Carlos Taibo, convidado por Verdegaia, expuxo coa súa claridade habitual repleta de didácticos símiles, a situación inédita na Historia á que se veu abocada a Humanidade por culpa do Capitalismo (como ben explicou, e non por culpa dun capitalismo desregulado ou neoliberal). Sustentou nesa crítica a aposta polo Decrecemento, no que denominou un proxecto polo Decrecemento, planificado, paulatino, organizado… cuxa única alternativa ao final será un decrecemento pola forza dos feitos moito máis dramático, posiblemente nun contexto de xordimento dun fascismo de novo cuño (darwinismo social militarizado), desta volta non liderado por grupos marxinais neonazis que se fagan co poder, senón desde os propios núcleos do poder establecido, como única vía para conservaren os seus privilexios nun contexto mundial de escaseza material xeralizada. Aí lembroume persoalmente as advertencias doutros pensadores, como Jorge Riechmann.
Apostou por medidas radicais como a supresión de sectores enteiros da economía (sector do automóbil, da aviación, da publicidade e boa parte do da construción) sustentados nunha recolocación dos seus traballadores en novos empregos de verdadeira utilidade social e ecolóxica, criticou a absoluta supeditación dos partidos políticos aos mandados das grandes empresas (foi especialmente crítico cos socialdemócratas, representados en España polo PSOE así como cos sindicatos maioritarios), presentou o AVE como paradigma do trasvase insustentable de fondos públicos para beneficio dunha minoría (os executivos das grandes empresas), falou do espallamento das posicións decrecementalistas polo territorio do Estado Español, e mesmo no seu callo en organizacións como Ecoloxistas en Acción e o sindicato CGT. Tamén apostou pola relocalización da actividade económica e social, a primacia absoluta do social sobre o mercado e a democracia directa, como mudanzas sociais, políticas e económicas que se precisan dentro desta aposta revolucionaria polo decrecemento, única vía para evitar a colisión frontal cos límites do planeta, e de paso, vivirmos mellor.
11 reflexións sobre “Carlos Taibo: ‘Vennos enriba un caos xeral de escala planetaria’”