Está funcionando o Movemento pola Transición no Reino Unido?

Localidades británicas en TransiciónCon esta pregunta titula o último número da revista Permaculture Magazine un artigo que presenta os resultados da primeira enquisa ás Localidades en Transición británicas, realizada por Gill Seyfang, ecólogo social da universidade de East Anglia. Trasmitimos aquí, de maneira esquemática, algunhas das súas conclusións, baseadas nas respostas de 74 iniciativas de Transición e matizadas con algunhas impresións que nos trasmitiu persoalmente Diego Alba Fraga, estudante galego do Máster Oficial en Sustentabilidade da UPC, quen visitou algunha delas en datas recentes:

  • O 90% foron postas en marcha por persoas particulares.
  • Só na fundación do 20% delas participou un grupo previamente existente.
  • Soamente 1 incluiu a unha empresa na súa posta en marcha e ningunha foi posta en marcha polo goberno municipal.
  • 2/3 dos grupos teñen como obxectivo espallar a mensaxe da Transición mediante charlas, proxección de documentais, etc.
  • Entre as actividades temáticas en que se subdividen estas iniciativas, a da alimentación e horticultura é con moito a máis común e a que mellor está funcionando.
  • Despois desta, a máis popular era a área de redución de lixo, con proxectos de compostaxe, reciclaxe, reutilización…
  • Na área de enerxía tamén había algúns avances.
  • As áreas que estaban atraendo menor interese eran as de transporte e negocios/economía, malia o seu gran potencial: soamente 1 ou 2 iniciativas esperaban conseguir que os seus concellos facilitasen medios para a circulación en bicicleta. As moedas locais (Totnes, Lewes a Brixton) parecen non estar funcionando moito polo de agora.
  • Un reto importante para a maioría das iniciativas son as cuestións organizativas: xestión do propio grupo, dos activistas e voluntarios, a elaboración dos estatutos, a consecución de fondos, a coordinación con outras organizacións, etc.
  • A segunda maior preocupación dos grupos (2/3 deles) xorde da necesidade de maiores recursos (tempo, cartos e membros máis activos que asuman responsabilidades).
  • Pero o meirande de todos os problemas aos que se enfrontan (máis do 75%) é o do propio cultivo e medre do movemento. Aquí sinalan problemas como a necesidade dunha boa promoción para chegar a máis xente fóra do círculo verde, realizar máis sensiblización para superar a apatía da comunidade local, o interese decrecente dentro do seu propio núcleo por este tipo de reunións e presentacións, evitar morrer por unha excesiva obsesión nas reunións ou un peso demasiado grande do aspecto teórico do movemento e substituílo por máis acción práctica, mesmo como vía de enganche previa á concienciación ecolóxico-enerxética.

2 reflexións sobre “Está funcionando o Movemento pola Transición no Reino Unido?