Ameazas e oportunidades do Teito do petróleo para a Galiza rural

Reproduzo aquí un esquemático texto que preparara para os asistentes ao I Encontro de Dinamizadores do Mundo Rural que se celebrou onte no Museo Etnográfico de A Capela, organizado pola Universidade Rural Galega.

Que é o Teito do Petróleo (Peak-oil)?

É o momento a partir do cal cada ano se producirá menos petróleo. É un inevitable fenómeno xeolóxico para o que o non estamos preparados, o primeiro choque do imposible crecemento económico perpetuo contra os límites naturais do Planeta, que levará en poucos anos ao colapso da civilización industrial ou ben a unha Gran Transformación socioeconómica e cultural de volta a un consumo enerxético sustentable. A nosa asociación quere contribuír a que Galiza escolla o segundo destes camiños.

Cando se producirá?

  • Non hai consenso sobre a data exacta: 2005? 2008? 2010? 2015?? 2020??? O do petróleo convencional foi entre 2005 e 2006.
  • O do petróleo total (incluídos tipos de petróleo pesado, etc.) ó o poderemos verificar despois dun tempo. Pero ou xa o pasamos ou está moi próximo, segundo os analistas independentes.
  • Así e todo, as consecuencias xa as estamos sufrindo: está detrás da mal chamada crise financeira.

Algunhas implicacións a curto-medio prazo (seguras ou moi probables)

  • Non se poderá reemprazar a tempo o petróleo que falte (diferenza entre oferta e demanda) por ningún outro combustible, na medida que sería necesario. Calquera outra enerxía só poderá paliar moi parcialmente a falta do petróleo barato, e só en certos usos.
  • Encarecemento de todo aquilo que teña que ser transportado por carretera, avión ou barco: piensos, p.ex.
  • Encarecemento de todo aquilo feito a base de petróleo (ou de gas natural, que sufrirá o seu propio Teito poucos anos despois): plásticos, fertilizantes e pesticidas, p.ex.
  • Inviabilidade da agricultura industrializada.
  • Contracción económica: é imposible que medre o PIB se non medra a enerxía dispoñible.
  • Redución da mobilidade.
  • Peche de moitas industrias.
  • Abandono da sociedade de consumo.
  • Decrecemento.
  • Relocalización da economía.
  • Relocalización da produción de enerxía.
  • Redución da dispoñibilidade de alimentos por colapso das grandes cadeas de produción e distribución. Carencias de todo tipo, tamén nos países industrializados.
  • Revoltas sociais e políticas.
  • (Aínda máis) guerras polos recursos.

Ameazas para a Galiza rural

  • O modelo que nos venderon como modernización farase inviable: grandes explotacións, mecanización, dependencia de fertilizantes, pesticidas, etc.
  • A xente non sabe xa vivir sen coche, menos aínda no rural, pero será cada vez máis caro.
  • Desabastecemento de todo tipo de materiais que non se poidan producir localmente.
  • Desabastecemento de gasoils.
  • Posible abandono precipitado do rural, nunha primeira fase, por ese desabastecemento.
  • Tecido social e económico rural, xa moi debilitado.
  • Mudanza obrigada de modo de vida con previsibles graves consecuencias psicosociais.
  • Falta de mercados locais para reconstruír as cadeas tradicionais de relación económica e distribución a pequena escala de alimentos.
  • Posible éxodo desde as cidades, de volta ao campo. Consecuencias negativas probables: conflitos de intereses, choques culturais, falta de formación, problemas de adaptación/integración…
  • Posible intentos desesperados de explotar monocultivos enerxéticos insustentables. Posibles novas desfeitas coa excusa do aproveitamento enerxético (eólico, encoros, etc.), interno ou para exportar.
  • Loitas sociais agravadas a medida que medre a conciencia do valor da terra e os recursos rurais.
  • Problemas con algunhas plantas potabilizadoras/depuradoras de auga por falta de enerxía e subministros.
  • Probables conflitos legais por normas que non favorecen a sustentabilidade.
  • Territorio xa moi estragado por construción de infraestruturas insustentables: acúiferos, fragas, camiños, biodiversidade, etc.
  • Posible medre das choivas ácedas e outros problemas ambientais como consecuencia da parcial substitución do petróleo por carbón.
  • Consumo da biomasa a unha taxa superior á de reposición natural.
  • Falta de atención sanitaria moderna e de alternativas da medicina tradicional.
  • Falta de recoñecemento público da cuestión e dirección política en sentido oposto, que prolongará a confusión dos habitantes do rural aínda durante bastante tempo.
  • Etc.

Oportunidades para a Galiza rural

  • Agricultura ecolóxica (e orgánica tradicional) cada vez máis viable e demandada a medida que vaia fallando a convencional.
  • Colectivos concienciados nas cidades que colaborarán coa sustentabilidade rural: p.ex. cooperativas de consumo.
  • Repoamento do rural con ex-labregos, fillos e netos de labregos, e inmigrantes da sustentabilidade vidos doutros países (xa levan varios anos chegando). Conseguinte reapertura de escolas, estacións de tren (onde aínda se poida!), etc.
  • Revitalización das vilas como núcleos de comercio e actividade da súa contorna.
  • Necesidade de recuperación de oficios tradicionais cando vaian fallando os seus reemprazos modernos, cando sexan comparativamente máis caros ou simplemente inaccesibles.
  • Recuperación de todo tipo de prácticas sustentables tradicionais: p.ex. reaproveitamento do lixo, compostaxe/estrume, etc.
  • Menores incendios por recuperación do aproveitamento extensivo do monte para biomasa, estrume, alimentación do gando, etc.
  • Posibles novas oportunidades para pequenos negocios en sectores como a restauración de vivendas, a adaptación bioclimática, a eficiencia enerxética, as reparacións de todo tipo, etc.
  • Posta en valor de cultivos enerxéticos ata o de agora non aproveitados: multitude de sementes oleaxinosas, p.ex.
  • Gran necesidade de labor manual para facer tarefas que xa será demasiado caro facer mecanizadamente.
  • Recuperación de mercados (feiras) nas vilas e nalgunhas parroquias, por pura necesidade. Pulo da economía informal.
  • Recuperación das tarefas comunais por pura necesidade.
  • Revitalización do comercio local. Reapertura de negocios que foron desparecendo desde a década de 1960…
  • Recuperación de cultivos abandonados, cando desaparezan do alcance aqueles produtos que os substituíron: p.ex. liño, trigo, etc. Recuperación de pequenas industrias asociadas.
  • Recuperación da cría e uso de animais de tiro, carga, etc.
  • Recuperación dalgunhas pequenas industrias e negocios abandonados por causa da modernidade: p.ex. fábricas de tellas, aserradeiros, muíños, etc.
  • Mellora das técnicas tradicionais con coñecementos (ex. depuración de augas mediante plantas), técnicas (ex. permacultura) e algunhas tecnoloxías modernas (ex. caldeiras eficientes de biomasa).
  • Revalorización do saber tradicional que aínda atesouran moitos dos nosos vellos e vellas, en todos os terreos.
  • Necesidade moi ampla de formación e reciclaxe profesional en todos os sectores.
  • Onde aínda sobreviva certo tipo de minifundio non extremo, aproveitará a súa idoneidade para o policultivo de subsistencia familiar.
  • Etc.