A visión da actual suba do petróleo por un xornal económico ¿serio?

Cinco DíasTrasmito a análise que fai Xoán Doldán da recente avaliación do carreira ascendente do prezo petróleo que publicou recentemente o xornal Cinco Días baixo o título Más cautela con la subida del petróleo:

Máis unha vez os xornais económicos sorpréndennos con unha análise seria, rigorosa e en profundidade, non podía ser menos.

“Es un rumor creciente cargado de dólares (…). Empezó hace meses como un pequeño susurro y ahora se ha hecho perfectamente audible (…). La cotización del barril de crudo Brent se ha duplicado en menos de un año y ronda los 80 dólares”

Así que un ruxerruxe crecente, un pequeno murmurio agora audíbel?. Pois grazas que Cinco Días é un xornal especializado en información económica!. Así que sabemos día a día a cotización do dólar pero só o sabíamos por un “susurro”, “un rumor creciente cargado de dólares”?. Non señores, non é rumor nin murmurio é información obxectiva ofrecida no mercado do petróleo diariamente se pode seguir en http://www.cenit-del-petroleo.info/cenit-petroleo/ continuamente actualizada. O problema quizais é que xa non se pode seguir negando esta situación despois de ter insistido tanto en que a subida do petróleo no ano anterior foi algo eventual e que despois tivo unha caída espectacular, tan espectacular que agora duplicamos o prezo que había antes daquela crise de prezos (claro que os prezos caeron de tan alto que rebotaron e volveron subir). E en canto a que é de hai uns meses… ben, aínda son recios a falar abertamente non só do teito do petróleo senón de todos os estudos que se están a facer desde hai anos e que se seguen a facer, polo que se ve é mellor a rumoroloxía.

“A este ritmo, volver al récord histórico de 160 dólares es algo casi hecho y el horizonte de 200 dólares empieza a dibujarse con nitidez inquietante. ¿O tal vez no?”

Segundo round. Non só o ruxerruxe semella certo senón que agora damos por feito alcanzar os 160 e mesmo os 200, o talvez non?. Como que talvez non?. Pero isto que é?. E grazas que se supón que é un xornal económico serio (existen?). Así que se soben os prezos acertamos e se “tal vez no” tamén acertamos. Non estraña, xa que basean os prognósticos na ciencia dos dixomedíxome: os prezos poderían subir aos 200 dólares, ficar nos 80, ou calquera outra cifra por riba ou por baixo destas. De novo, haberá que recomendarlle que miren esa información da que se negan a falar sobre o teito do petróleo, quizais poderían afinar un chisco máis.

“Los stocks de la OCDE tienen capacidad para atender por sí solos la demanda de 94 días, una marca histórica.”

Esta si que é unha noticia interesante. Anunciamos a catástrofe (“o tal vez no”) pero entre liñas dicimos que os países da OCDE (léase Europa-Norteamérica-Xapón) están aumentando os seus stocks por se de repente algo pasa no mercado e hai desabastecemento: fixádevos 94 días -3 meses- de aprovisionamento; é unha marca histórica (isto si que é vivir ao día!). Xa se sabe, cando a xente ten medo a que haxa falta de provisións comeza a acaparar bens por se acaso. Se isto o están a facer os gobernos, significa que comezou o pánico ou só é que están mellor informados?.

“ya se negocia crudo a casi 100 dólares. Esta semana se intercambió en el mercado ICE, el más importante del sector, un contrato (1.000 barriles) -sí, sí, un único contrato- a 97,5 dólares para entrega en diciembre de 2015.”

Información tamén interesante. My god! 1000 barrís de petróleo a 100 dólares en 2015!. Isto non sei é para rir ou para chorar ou todo o contrario, ou talvez non. Vouno poñer en cifra: o consumo anual de petróleo nos últimos anos rondou os 28.500.000.000 de barrís. Ou dito doutro modo, 1000 barrís é o que consumen 40 (corenta) estadounidenses nun ano. Así que como dato resulta bastante cativo. Acho que o máis interesante é o que subxace tras esa información (o que non se chega a dicir e nin é sempre doado adiviñar). Estamos a falar dun mercado de futuros, é dicir estamos a falar de compra de petróleo para un tempo en que existen bastantes incertezas, así que, sen máis información da que se aporta:
– ou ben eses 1000 barrís son os primeiros dunha situación que xa se prevé non será como a actual senón con prezo máis caro (cinco anos non son tantos) que non baixará en ningún caso dos 100 dólares (polo cénit?)
– ou ben eses 1000 barrís son síntoma de que hai reticencias a comerciar grandes cantidades de petróleo a un prazo tan longo (sic) de cinco anos xa que as incertezas son tantas que mellor non arriscar con prezos (100 dólares) que poderían ficar moi por baixo do prezo real neses momentos. Se é así, quizais xa moitos incorporen a previsión do cénit nas súas vendas.

Ademais, tal e como destacou Casdeiro ao seleccionar a noticia para Debulla:

“El petróleo es la principal fuente de energía, es insustituible a corto plazo y además su producción se encuentra en una fase de declive acelerado”

Declive acelerado???. Están a afirmar que xa imos costa abaixo???

Unha reflexión sobre “A visión da actual suba do petróleo por un xornal económico ¿serio?