Manuel Amigo: “Debemos espallar sementes de Transición no noso entorno”

Na lista de correo da nosa asociación levamos uns días mantendo con Manuel Amigo un interesante debate acerca da conveniencia de poñermos en marcha experiencias comunitarias de tipo ecoaldea (eu prefiro o termo comunidades locais sustentables) para comezar a impulsar a necesaria viraxe, transición, tránsito ou como o que queiramos chamar, cara unha Galiza sustentable, diante da fin do crecemento e do maior ou menor colapso social e económico derivado da fin da enerxía barata.

Eu propuxen considerarmos o que denominei comunidades dispersas como un modelo máis acaído co da típica ecoaldea compacta concentrada nun determinado lugar e separada da súa contorna.

A coxuntura socioeconómica previsible a medio prazo, fai que sexa interesante considerar un modelo alternativo e novidoso con respecto ao clásico modelo de las ecoaldeas e comunidades intencionais: poderiamos denominalo comunidade dispersa ou polinucleada.

Caracterizaríase por non concentrar todos os seus membros nun área habitacional compacta (un lugar ou conxunto de casas), senón que estarían repartidos e inmersos na estrutura poboacional dun área maior, p.ex. unha parroquia. Considero que distancias maiores (>4 ou 5 Km) xa non son viables. Hai que atopar un equilibrio entre a dispersión vantaxosa e a cercanía eficiente.

Por que este novo modelo? Vexamos algúns criterios que a poderían xustificar:

Factores a prol da viabilidade dunha comunidade dispersa

Todas as ecoaldeas ou comunidades semellantes creadas ata o de agora tiveron que enfrontarse a unha sociedade que as rodeaba e que evoluía en sentido oposto a elas. O seu entorno era hostil e mesmo iso causaba sangría de membros ou construía un muro difícil de saltar para os potenciais novos membros. A sociedade funcionaba en parámetros contrarios… e funcionaba en apariencia ben. Polo tanto a evolución do seu entorno social ía en sentido contrario.

Por contra, achámonos agora nun contexto radicalmente novo e inédito na historia deste tipo de comunidades: de contado (meses? uns poucos anos como moito?) a sociedade deberase mover cara á sustentabilidade e o decrecemento porque non lle quedará outra, polo menos á inmensa maioría da sociedade. É dicir, unha comunidade que adiante consciente, voluntaria e planificadamente esa evolución ou transformación, será vista cada vez máis como un referente, unha fonte de ideas e un modelo do que aprender e que replicar. Isto troca moitas das concepcións sobre as que se debería basear unha comunidade deste tipo, que xa non deberá construír un valado para se protexer dun entorno hostil que evolúe en sentido contrario, senón que atopará cada vez máis veciños chamando ás súas portas e ampliando de facto o perímetro de influencia do proxecto e das súas xentes. Se a comunidade non está concentrada senón que está esparexida nun entorno relativamente amplo, o seu perímetro de contacto con esta sociedade cambiante e á procura de solucións sustentables para a supervivencia será maior e a permeación, meirande.

Manuel Amigo, empresario concienciado coa sustentabilidade do noso país e pioneiro en cuestións de combustibles sustentables, amósanos que non soamente é quen de explicarlle a calquera con palabras simples, moita retranca e absoluta claridade a conxuntura económica que vivimos, senón que tamén leva feito un lúcido proceso de reflexión persoal acerca do camiño que pode ou debe seguir esa Transición nunha sociedade como a galega. Compartimos aquí co seu permiso algunhas das súas intervencións neste debate, a xeito de conclusións que dan pé a continuarmos un debate frutífero aberto a todos os galegos e galegas preocupados por estas cuestións, que podemos continuar mediante comentarios ao pé desta mesma página e tamén no grupo de Volta ao Campo na rede social Sementeira:

Juan Bello, Manuel Amigo, Xoán Doldán e Antonio Palma

Esta conversa fíxome decatarme de cousas que temos mesmo diante dos fuciños. Tendo como teño eu a inmensa vantaxe de vivir nun punto do rural galego e despois de analizar polo miudo este tema cheguei a conclusión de que vivindo no rural non tes falta de facer un cambio de residencia ou trasladarte a outro sitio para conquerir cousas que tes no teu propio lugar de residencia. Logo de darlle moitas voltas analicei que cousas me fan falla para facer a transición ó rural: a máis importante é vivir no rural e eu xa vivo no rural, teño acceso a leiras da miña familia que están a monte, e si non as tivera podo arrendar terrenos para cultivar por precios irrisorios, teño servicios sociais preto, teño unha das feiras máis importantes de Galicia e que aínda conserva certo apoxeo… Conclusión: calquer persona que viva en Galicia ten máis de tres cuartas partes do camiño cara ó rural feito porque en realidade NUNCA deixou o rural.

A xente que reside en núcleos urbanos total e absolutamente insostibles, é posible que se organicen e tomen a iniciativa de voltar ó campo e que o fagan con modos de organización como os que Casdeiro expón [refírese ao da comunidade local sustentable]. Penso que maiormente xerá xente xoven con inquitudes ecoloxistas que aplicaran os coñecementos que teñen, xente queimada do xeito urbano de vivir que é posibel que creen ecoguetos aislandose absurdamente do mundo que os rodea. Virán posiblemnte de grandes urbes.

O concepto de ecogueto surdiu acordándome dos fracasos de experimentos de ecoaldeas sobre os que temos debatido. Un gueto créase cando se intenta separar voluntaria ou obrigadamente a un grupo social distinto, ben sexa por relixión, por raza, por estrato social ou por costumes. Entón a nosa máxima debe ser a non excluír, senón conquerir que a maior parte da sociedade escomence a transición servíndolle como orientadores: ó fin e ó cabo a inmensa maioria da sociedade vai ter que acabar vindo ó noso.

Para a transición en Galicia penso que é o noso deber crear un Manual novo partindo da base que só por vivir en Galicia temos tres cuartas partes do camiño feito, en calquer lugar de Galicia.

Entendo que debemos descartar o tema da ecoaldea e debemos de espallar sementes de transición dentro noso entorno: predicar co exemplo, facer cousas para que as vexan, colaborar cos veciños, e sobor de todo recuperar a tradición e dar a coñecer ese nivel de tecnoloxía de baixo impacto que tanto millorará nosa calidade de vida. Falo de construción bioclimática, enerxías alternativas, permacultura, xeitos ecolóxicos de agricultura, etc. etc.

O outro día en pleno temporal de neve saíron na TVE uns vellinos da montaña de Lugo aislados pola neve ó redor da lareira, tomando un viño e comendo castañas mentres escoitaban a un patrón que tocaba a gaita. NUNCA fixeron outra cousa que foxe esta en toda a súa vida nos invernos. É dicir: esta xente non ten que facer ningunha transición porque nunca chegaron ó noso nivel de consumo.

2 reflexións sobre “Manuel Amigo: “Debemos espallar sementes de Transición no noso entorno”