Ao final vai resultar que si que se acaba o petróleo…

(Esta entrada podería tamén terse titulado A enganosa curva de Hubbert ou É a enerxía neta, ¡estúpidos! parafraseando a George Mobus.)

Levo tempo preocupado –como outra xente– polo efecto da caída da taxa de rendemento enerxético (TRE ou EROI en inglés) na era do petróleo escaso que comeza tras o Teito do petróleo. Desque escoitei ao noso compañeiro Xoán Doldán -un dos referentes da Economía Ecolóxica en Galiza- falar do tema e vin as gráficas que practicamente poñían no 2015 o momento en que costará máis enerxía poñer a disposición da sociedade un barril de petróleo (extracción, refino, transporte) que a propia enerxía que ese barril achega, non deixo de darlle voltas ás implicacións que isto ten para os que tentamos albiscar cómo será a transición a un mundo sen esta materia de incomparable utilidade enerxética.

Parece que todos concordan en que a TRE está caendo de maneira irremediable.

Gráfica do descenso da Taxa de Rendemento Enerxético (TRE) do petróleo

Que efectos ten isto na Transición da que tanto falamos os que pescudamos nisto do Teito do Petróleo? A primeira luz a esta cuestión deuma Doly García, a matemática de orixe galega que fixo unha necesaria corrección aos famosos modelos matemáticos que deron pé ao informe Limits to Growth (que xa vai pola súa terceira actualización). García fixo que o modelo tivese en conta que o petróleo non é un recurso máis e que a evolución imparable á baixa do seu rendemento enerxético (baseado no principio económico de best first: o primeiro petróleo que se extrae é o máis barato en termos económicos, é dicir, o de máis poder enerxético) ten un efecto determinante sobre a utilidade real das cantidades de petróleo que se poñen a disposición da economía mundial.

García de feito achegoume algo moi valioso para a miña reflexión e os meus cálculos: unha función que estima a evolución do rendemento enerxético en función do petróleo que queda en cada momento. Outra xente tiña feito cálculos semellantes aos meus e inclúo tamén algunhas das súas gráficas.

Evolución da enerxía neta en comparación coa produción de petróleo

A conclusión é dramaticamente obvia: a aba dereita da curva de Hubbert, é dicir, a segunda metade do petróleo, non vai ser a efectos prácticos simétrica como di a teoría do agora afamado xeólogo e como nos presentan as máis coñecidas gráficas sobre o peak-oil, que mesmo representan unha pendente máis suave na parte dereita cá na esquerda. Quere dicir isto que aínda que nos quede o 50% de todo o petróleo existente (se cadra non está de máis lembrar que hai unha cantidade finita de petróleo no planeta e non se pode fabricar máis), non quere dicir que vaiamos a dispoñer cada ano de cantidades paralelas ás que obtivemos na fase ascendente da curva. Por que? Simplemente porque a enerxía neta (calidade) que obteremos deses barriles será cada vez menor, seguindo unha curva exponencial que multiplicará a súa deceleración á propia curva de caída da función que Hubbert predicía para a cantidade de petróleo por producir.

A curva da enerxía neta do petróleo en relación coa curva de Hubbert

Se observamos o gráfico de David Murphy publicado en The Oil Drum, veremos a alarmante asimetría a efectos de enerxía neta (é dicir: útil) que fornecerá o petróleo a partir do Teito: a enerxía equivalente á que nos daba en 1970 (50% da que nos dá actualmente) xa non será a que teremos en 2035, senón en 2020; e para 2030 xa teremos que apañarnos con non máis enerxía petroleira da que tiñan en 1920!!

Isto contradí de maneira contundente os prantexamentos dalgúns autores (p.ex. John Michael Greer, co seu The Long Descent) que albiscan un lento decrecer enerxético ao longo do que resta de século e falan mesmo de xeracións ata que abandonemos de todo o uso do petróleo. Aquí é moi significativa a evolución de David Holmgren, o co-fundador do concepto da Permacultura que tan pertinente é á hora de abordar un novo modelo de vida e produción despetrolizado. Non hai moitos anos, no seu libro acerca dos principios teóricos da Permacultura (Permaculture. Principles and Pathways beyond sustainability) Holmgren tamén nos falaba dun longo proceso que faría que os nosos netos ou bisnetos tivesen que vivir sen ese tesouro do petróleo que tan doadas nos fixo as cousas á nosa especie durante apenas 150 anos. Porén, no seu recente Future Scenarios. How communities can adapt to Peak Oil and Climate Change (2009), un Holmgren máis actualizado na cuestión da TRE afirma (p. 50):

As implicacións desta información [acerca da evolución do retorno ou rendemento enerxético] son tan impactantes que a inxenua e simplista idea de que se nos acaban o petróleo e o gas natural (no canto de que estamos no teito da súa produción) pode estar máis preto da realidade do que mesmo os máis pesimistas propoñentes do teito do petróleo anunciaban hai unha década.

De aí o título que escollín para este post: en realidade o petróleo non se nos acaba, pero vai ser como se fose así, porque non o imos dar extraído, trasportado, refinado… Enerxeticamente vainos resultar demasiado custoso. E a velocidade á que nos diriximos cara a ese escenario é moi elevada. O comezo da Derradeira Gran Depresión (porque a economía mundial xa non terá nunca máis combustible de abondo para recuperar os niveis anteriores) deunos unha tregua moi enganosa nesta cuestión, que nos vai resultar peor a nivel civilizatorio, porque nos agachará a realidade durante máis tempo (unha billa medio pechada lanza máis tarde o aviso de que o viño no pipo se vai acabando). Cando sexa evidente que non hai petróleo asequible suficiente será demasiado tarde: temos toda unha civilización montada a medida desta materia única! Así, cando a maquinaria da economía mundial queira remontar, demandará máis petróleo, que custará máis ca nunca poñer no mercado. O efecto económico é inevitable: outro pico por riba dos 100 dólares/barril ou mesmo dos 150. E a conseguinte nova fochanca financeiro-produtiva. E unha nova caída dos prezos do petróleo cando se contraia a demanda unha vez máis como consecuencia desta nova suba, pero rebotando de novo cada vez nun nivel de prezos máis alto (desta volta foi nos 40 dólares, o duplo do seu nivel medio durante máis de 20 anos!). A elevación en forma de dentes de serra é algo que dan por descontado practicamente todos os analistas do peak-oil. Pero non todos parecen contar con que ao longo de todo este proceso haberá algo que non deixará de seguir un inexorable camiño: a descendente TRE.

Modelo de depresión económica en escaleira provocada polas subas do petróleo

Algúns autores teñen marcado nunha TRE igual a 3 o punto crítico por baixo do cal xa será imposible manter unha sociedade de tipo industrial como a actual. Outros sitúano en 5. Obter menos de 5, 4 ou 3 barriles por cada barril de enerxía que gastamos non é de abondo para manter unha complexidade estrutural semellante á actual, advirten.

Sen o masivo trasporte actual, sen as institucións e servizos públicos, sen o vasto tecido empresarial e comercial, sen a versátil produción petroquímica (agroquímicos incluídos), a nosa especie retrocederá a un estado agrícola de baixo consumo enerxético e sumamente local, se cadra con illotes tecnolóxicos de industrias críticas ao servizo dunha élite (coido que de tipo fascista ou neofeudal) que manterá os seus privilexios para flotar por riba dun mar de caos social. O informe Hirsch para o goberno estadounidense marcaba nun mínimo de 20 anos o periodo necesario antes de que chegase o teito do petróleo, para acometer de maneira dirixida e planificada unha trasformación nunca antes vista na nosa Historia. Pero o Teito da enerxía neta chegou xa, con toda probabilidade segundo apuntan os expertos, e non tivemos nin un só minuto de anticipación para tomar medidas desta magnitude.

Evolución do petróleo como fonte non renovable e a súa relación coa economía (modelo teórico)

George Mobus explica (vid. gráfica anterior) que a situación financeira está absolutamente influída polo fenómeno da enerxía neta decrecente que sostén a economía e afirma que non é ético seguir concedendo créditos en base a imposibles crecementos económicos futuros: non só porque non se vaian poder pagar os xuros, senón porque o principal dos préstamos tampouco será posible devolvelo nun contexto de enerxía neta en caída libre.

Segundo esta análise só nos queda un lustro ou dous para ver como o petróleo deixa de alimentar o tecido industrial e a sociedade consumista mundial. A preparación dirixida desde o poder parece algo ilusorio visto por unha banda o resultado do cumio de Conpenhague sobre un problema do que levamos décadas sabendo, e por outra polas afirmacións cada vez máis sólidas (Colin Campbell, Michael Ruppert) de que os gobernos dos países máis poderosos levan tempo sendo conscientes do que se achega e ocultándoo do coñecemento público.

A curva da enerxía neta do petróleo

Moito me temo que non teremos tempo para un longo descenso (John Michael Greer), para a adopción de Protocolos internacionais como o de Uppsala (Colin Campbell, Richard Heinberg) ou para pausadas Transicións municipais (Rob Hopkins, PostCarbon Cities) e que bateremos bruscamente cun escenario de obrigada reconstrución social desde abaixo baseándonos nos restos dunha civilización en ruínas e nunha recuperación dos xeitos de vida sustentables que a nosa especie abandonou por un breve lapso de 150 anos para converterse en detritívora, crendo que podería crecer exponencialmente coma un cancro para sempre sobre unha biosfera finita; un periodo que os historiadores da fin de século poderán chamar a Era do Homo Colossus (William Catton), a Era do Petróleo ou simplemente a Era da Estupidez. …Iso se saen algúns ou algunhas do pescozo de botella evolutivo ao que nos encamiñamos (Catton de novo) con gañas e recursos para adicarse á profesión de historiadores nalgún tipo de modestísima universidade do futuro.

12 thoughts on “Ao final vai resultar que si que se acaba o petróleo…

  1. 18 Xaneiro, 2010 at 9:49 a.m.

    Se cadra os dous estremos son solucións erradas (máxima concentración nunha ecoaldea ou absoluto espallamento de “cada un/ha onde viva”).

    Eu penso que a solución óptima é unha concentración mínima nun área concreta, de tal xeito que se poidan comunicar fisicamente os membros máis activos (os pioneiros e pioneiras) desta comunidade. Se non, será máis difícil poderse nutrir os uns aos outros. A comunicación é fundamental e non se pode realizar toda vía Internet ou teléfono (é dicir, a distancia). Precisaremos moito contacto, moitas visitas para aprendermos e practicarmos xuntos, e para trocar materiais, produtos, etc.

  2. 20 Xaneiro, 2010 at 8:45 a.m.

    Acerca da evolución da enerxía neta creo convinte engadir este gráfico para que se comprenda visualmente o chamado cantil da enerxía neta.

    Nesa gráfica están ubicadas as EROI ou TRE de varios tipos de combustibles ou enerxías. A TRE mínima que precisa a nosa sociedade sitúana en aprox. 9.

  3. 20 Xaneiro, 2010 at 8:47 a.m.

    Vaia! Como non se dan amosado imaxes nos comentarios, editarei o artigo para insertar a imaxe do cantil.

  4. 11 Febreiro, 2010 at 11:34 p.m.

    Creo que mensaxes como a de Mariano Marzo en El País acerca dunha segunda metade da era do petróleo son totalmente enganosas no sentido que tentei explicar neste artigo: parece dar a entender que teremos outras tantas décadas de petróleo. Non ter en conta a TRE paréceme inxustificable se queremos mirar dunha maneira realista ao futuro enerxético que temos por diante. Marzo debería ter un pouco máis de rigor e coidado co que trasmite, sobre todo en medios de tanto alcance.