O goberno británico convoca un cumio coas empresas, ante a preocupación polo ‘Peak oil’

Ministerio británico de EnerxíaPolo seu interese traducimos unha nova aparecida onte no xornal británico The Guardian: Energy minister will hold summit to calm rising fears over peak oil

Lord Hunt convoca os empresarios do Reino Unido para debater sobre a resposta gobernamental a calquera descenso brusco na produción mundial de petróleo.

O ministro de enerxía, Lord Hunt, vai reunirse cos empresarios mañá [por hoxe, día 22] en Londres nun intento de acougar os crecentes temores acerca das consecuencias que podería ter un corte súpeto do subministro de petróleo.

Nunha viraxe política significativa, o goberno aceptou abordar un maior traballo sobre o asunto de se o Reino Unido necesita tomar medidas para evitar o trastorno masivo que podería traer unha chegada rápida ao “peak oil”, o punto que marca o comezo do descenso terminal na produción mundial de petróleo.

Jeremy Leggett, o director executivo da empresa de enerxías renovables Solar Century, figura sobranceira do Grupo de traballo da industria británica sobre o peak oil e a seguridade enerxética, afirmou que o encontro, que terá lugar no Instituto da Enerxía, amosaba un novo e benvido sentido da urxencia.

“O goberno pasou de compartir a postura de BP – ‘quedan 40 anos de subministro, os mecanismos de prezos funcionan, non hai por que preocuparse’- a dicir ¡Contra!'”, dixo. “BP e outros están dicíndonos iso, pero moitos de vós, Virgin, Scottish and Southern, e outros estádesnos dicindo algo totalmente distinto. Non sabemos a quen crer. Fagamos unha avaliación axeitado do risco coa industria”, engadiu.

Ao encontro espérase a asistencia de executivos das empresas membros do Grupo de Traballo, incluíndo Virgin, Arap, Stagecoach, Scottish and Southern Energy, e Solar Century así como outros empresarios.

Oil CrunchA decisión de manter estas conversas veu despois de que o Grupo de Traballo da industria británica sobre o peak oil e a seguridade enerxética publicara o pasado mes un informe provocador, The Oil Crunch: a Wake-up Call for the UK Economy (A Crise do Petróleo: unha chamada de alarma para a Economía do R.U.), no que advertían dos perigos dun falso sentimento de seguridade.

Sir Richard Branson, fundador do Grupo Virgin, cuxas empresas de ferrocarril, aéreas e de viaxes son moi sensibles aos prezos da enerxía, advertiu de que a crisis que ven podería deixar pequena a crise do crédito. “Nos vindeiros cinco anos imos ver outra crise: a crise do petróleo. Desta volta, temos a ocasión de prepararnos. O reto é empregarmos ben ese tempo”, asegurou.

O goberno tiña minimizado previamente os riscos do Teito do petróleo despois de que un informe de Wicks no verán pasado descartara de feito a idea de que a demanda mundial puidese de contado sobrepasar a oferta.

Unha voceira do Departamento de Enerxía e Mudanza Climática confirmou a pasada noite que Hunt e un grupo de persoas alleas ao goberno pero relacionadas coa política enerxética ían manter conversas privadas e a porta pechada no Instituto da Enerxía. Pero a voceira minimizou a importancia da reunión, dicindo que o goberno sempre tomou os temas de subministro seriamente e que se reúne con diferentes membros da industria de maneira regular. “Facemos isto todo o tempo; é un encontro normal”, insistiu, engadindo que non había ningunha mudanza prevista na política do ministerio.

O tema do peak oil [Teito do petróleo] saltou o pasado novembro cando confidentes procedentes da Axencia Internacional da Enerxía explicaron que o problema tiña sido agachado deliberadamente durante un longo periodo. BP e outras empresas petroleiras insisten en que hai pouco perigo de que o mundo quede sen petróleo porque áreas novas como Brasil, e máis recentemente Uganda, están sempre abertas a ser desenvoltas. O director executivo de BP, Tony Hayward, cre que a demanda caerá a medida que suban os prezos, evitando calquera grave trastorno a causa do Teito do petróleo.

Pero a demanda disparada en China, India e Oriente Medio fixo subir o prezo do cru a máis de 80 dólares/barril e os prezos da gasolina no Reino Unido están preto de niveis record.

Amrita Sen, un analista petroleiro de Barclays Capital, cre que o prezo do cru podería pasar de contado os 100$ este ano e chegar a preto de 140$ para o 2015. Francisco Blanch, do Bank of America Merrill Lynch, especula con que podería chegar a 150$ en catro anos.

Leggett advirte de que todos estes escenarios poderían ser demasiado optimistas. El está convencido de que o Reino Unido debe prepararse tan axiña como sexa posible para unha siutación na que o petróleo sexa tan caro que existan graves atrancos para o comercio internacional e que a mundialización colapse.

O peak oil ou Teito do petróleo soía ser preocupación dunha pequena minoría, pero xa se creou un grupo parlamentar [no Reino Unido] para seguir o asunto e cada vez máis empresarios comezan a se preocupar por el.

Ian Marchant, director executivo de Scottish and Southern Energy, é un dos que cre que a demanda mundial de petróleo está a piques de sobrepasar a capacidade de producilo. No lanzamento do informe acerca do Oil Crunch, dixo: “Occidente leva malgastado moitísimo petróleo e o prezo vai subir: temos que para isto xa e comezar a usar o petróleo como un recurso escaso.”

6 thoughts on “O goberno británico convoca un cumio coas empresas, ante a preocupación polo ‘Peak oil’

  1. Xoán Doldán
    22 Marzo, 2010 at 10:15 p.m.

    As alarmas soan e, por fin, comezan a chegar aos ouvidos do poder político e industrial, até o punto de que esa xente dedicada a insistir no peak oil consigue preocupar a máis de
    un, ser un problema a considerar. E un paso, aínda que só sexa para “calmar os temores” polas perturbacións que sucederían nun escenario de escaseza no subministro de petróleo.
    O reino da confianza instaurado durante anos polos informes de petroleiros como BP, parece chegar ao seu final e empresas con intereses no transporte como Virgin, ou do sector enerxético como Scottish and Southern, procuran unha nova forma de abordar o problema. O que me temo é que unha das vías de escape que busquen sexa a enerxía nuclear, xa que no caso de Virgin, o seu dono Richard Branson xa ten manifestado o seu interese
    por esa enerxía, e no caso de Scottish and Southern participa nese negocio, por certo da man de Iberdrola, empresa que non dubida en dicir de si mesma que “seguiremos trabajando
    por la protección y el cuidado del medio ambiente a través del fomento de las energías limpias y el desarrollo sostenible”.
    Ao marxe dos resultados, estamos diante dunha iniciativa que por estes lares non hai traza de que suceda de momento. Como abusamos de imitar o que fan outros, quizás alguén aquí se decate e queira imitalos.
    Para cando unha comisión parlamentaria no Estado español ou en Galiza sobre o teito do petróleo?, para cando na axenda dos partidos políticos e empresas deste país?

  2. Camba
    24 Marzo, 2010 at 11:17 a.m.

    Sábese algo do resultado da reunión?

  3. 26 Marzo, 2010 at 3:09 p.m.

    Parece que polo menos algún dos asistentes si que ten dado conta do que alí se falou. Por certo, non tiñamos noticia de que non só se convocou aos empresarios, como dicía a información inicial senón a representantes do principal movemento activista daquel país a prol dunha transición enerxética, como é o Transition Movement liderado por Rob Hopkins!