Como xa comentabamos ao pé da noticia acerca desta importante reunión celebrada baixo o título de Policy Response to potential future oil supply constraints (ollo ao de potential future pero tamén o de oil suplly constraints), Rob Hopkins, fundador das Transition Towns, estivo alí e puido expoñer as posturas deste movemento.
A continuación resumimos algunhas das ideas do seu artigo dando conta do alí debatido e da postura amosada polo goberno británico. Poderiamos pensar que o Reino Unido debería ser dos primeiros en tomar cartas sobre o asunto do Teito do petróleo, xa que alí existe non soamente un grupo parlamentar adicado a estudar o tema desde hai tempo (a nivel do Reino e tamén de Escocia) senón un moi activo grupo de grandes empresas concienciadas e mobilizadas sobre o tema, e por riba é onde máis Localidades en Transición (enerxética) existen. Iso parecería polo menos na teoría. Pero se son certas as filtracións aparecidas nestes últimos meses acerca de que os Estados Unidos lideraron unha ocultación masiva do problema e polo menos os gobernos do G-8 están ao corrente da mesma desde hai unha década, semella unha inxenuidade pensar que van recoñecer o que contribuíron a agachar. O que pasa é que antes cedo ca tarde, ese grupo de confabulados para silenciar o peak oil terá que afrontar as consecuencias do seu impacto. E algún deberá ser o primeiro e rachar co silenzo e recoñecer a evidencia de que pasa algo moi grave co petróleo.
Pero polo de agora quedemos coa avaliación de Hopkins:
Segundo explica a cuestión central do encontro era explorar cal debería ser a resposta axeitada do goberno, das empresas e das administracións locais diante de -polo menos- o risco do Teito do petróleo.
Os representantes da industria petroleira presentes na reunión recoñeceron o 2004 como un punto de inflexión no que comezou unha meseta na produción do petróleo convencional. Tamén advertiron de que o petróleo xa nunca máis volverá ser barato e que por riba dos 150$/barril a maquinaria económica mundial racha, e en consecuencia prodúcese unha recesión económica. Salientou que polo tanto o importante non é canto petróleo queda senón se é económico obtelo e o fluxo que se pode fornecer a un determinado prezo á economía mundial.
Salientouse por parte do Peak Oil Task Force que é preciso facerlle fronte ao Teito cunha combinación de melloras tecnolóxica (eficiencia) de mudanza nos hábitos de consumo (aforro).
O propio Rob falou do movemento das Cidades en Transición e explicou como as comunidades locais afrontaren de maneira autoorganizada a relocalización da actividade socioeconómica e a mellora da resiliencia.
O seu compañeiro Peter Lipman falou do exemplo de Bristol e do que significa a eficiencia cando hai escaseza e aínda por riba, mudanza climática.
Durante o debate púxose en dúbida que os gobernos teñan a capacidade para facilitar unha transición suave e evitar os perxuízos para os máis débiles que tería unha transición dirixida simplemente polos prezos e polo mercado. Tamén se fixo fincapé en que con menor enerxía a cada paso, o contexto político virará radicalmente e xa non se tratará de distribuír os beneficios da economía, senón de xestionar a súa contracción.
Posteriormente tratáronse áreas e ideas como o transporte, as PassivHausen, os orzamentos participativos, a alimentación local, as auditorías de vulnerabilidade ao petróleo, racionamento enerxético, planificación urbana, etc.
Entre as conclusións que foron presentadas ao Ministro británico de Enerxía, estaba a previsión de que o Teito era inminente, en canto se comezase saír da actual recesión (3 ou 4 anos: Hopkins considérao unha previsión optimista) e que a intervención do goberno será inevitable.
Hopkins expresou a súa frustración porque na reunión foi imposible cuestionar o crecemento económico entre os asistentes ou apostar por recentrar a economía no local, e porque a posible resposta ao Peak Oil se centra demasiado na área do transporte, apostando por mitos tecnolóxicos insustentables enerxética e economicamente como a implantación masiva do coche eléctrico.
4 reflexións sobre “Frustración e esperanza na reunión do goberno británico con empresarios e activistas do ‘Teito do petróleo’”