Entrevista con Xoán Doldán: ‘Moitas explotacións agrícolas poderían autoabastecerse usando aceite vexetal como combustible’

El Correo Gallego e Galicia Hoxe publicaron onte unha entrevista co noso compañeiro Xoán Doldán García, da que salientamos algunhas frases:

Moitas veces cando exportamos un produto exportamos moitas otras cousas que no se ven. Son os chamados fluxos ocultos -auga, enerxía e materais-. Cando Galicia exporta aluminio, iso leva detrás un consumo enerxético moi importante.

(…)

Somos os primeiros produtores en enerxía eólica e hidraúlica. Pero non nos beneficiamos porque aquí sempre se orientou o sector enerxético no papel de abastecedor de enerxía para o resto de España, e non tanto para o desenvovemento interno do propio país. (…) Non se aproveita para crear un novo tecido industrial ou mellorar o servizo de abastecemento, pois cabería pensar que en Galicia debería haber unha mellor distribución da electricidade. E non a hai. Temos unha rede de transporte pensada para evacuar a enerxía cara ao exterior, non para fornecer de enerxía o rural e as cidades.

(…)

[a enerxía ondeomotriz] Podería ser unha forma interesante de abastecer zonas do litoral, sempre que non entre en colisión con outras actividades que xa se fan no mar.

(…)

[A biomasa] Había que recuperar eses aproveitamentos para abastecemento de calor para auga e calefacción nas vivendas e ata de aldeas e barrios. Algo que xa se está facendo noutros lugares de Europa. Non obstante, non estou moi convencido dos aproveitamentos da biomasa para producir exclusivamente electricidade, porque a maior eficiencia do aproveitamento da biomasa está en producir calor.

(…)

é necesario avanzar na utilización do aceite vexetal no transporte na agricultura. Moitas explotacións agrícolas poderían ser capaces de producir o seu propio combustible

(…)

A maior parte do petróleo vai destinada ao transporte, e o seu uso é bastante ineficiente. A necesidade de substituílo non é só por razóns medioambientais da súa combustión, senón que cada vez hai máis indicios de que podemos estar chegando ao cénit do petróleo. Algo do que está alertando a propia Axencia Internacional da Enerxía, que contempla ese escenario para o 2020, e a AIE é bastante comedida á hora de facer este tipo de alertas.

(…)

Canto máis baixa é a taxa de retorno enerxético o aproveitamento é menos eficiente. Os xacementos que agora se descobren son menores que os grandes xacementos que se descubriron noutros tempos. Normalmente, teñen o petróleo a unha maior profundidade, e o custo da extracción e moito maior canto maior sexa a profundidade na que se atope. Teñen menos petróleo e é de peor calidade.

(…)

no momento en que cheguemos ao escenario do cénit do petróleo nos atoparemos con desabastecementos nos mercados e un encarecemento do seu prezo. As propias petroleiras e a AIE consideran que para seguir extraendo petróleo nas condicións apuntadas, o prezo non debe baixar dos 100 dólares barril. (…) o prezo do petróleo será moito maior do que é na actualidade.

(…)

A solucion non só pasa por buscar un combustible diferente. Hai que cambiar os modos de transporte e a concepción do espazo, de como ordenamos. Debemos ir a un urbanismo de proximidade, que non ocasione grandes desprazamentos. O transporte eléctrico tamén ten limitacións, porque producir toda a electricidade necesaria para manter un sistema de transporte como o actual é totalmente inviable. A demanda de enerxía eléctrica dispararíase, e obrigaría a máis encoros, máis parques eólicos, etc. E non é fácil duplicar a capacidade de produción.

(…)

antes que a ninguen lle afectará ás empresas aéreas de baixo custo, e moitas viaxes que agora se fan posiblemente deixen de facerse. Virgin e outras empresas británicas estiveron insistíndolle ao Goberno británico para tratar o cénit do petróleo. Os efectos sobre o turismo de longa distancia serán importantes.

(…)

Hai que empezar a buscar fórmulas mediante as que poidamos autoabastecernos de enerxía. Poñer pequenas centrais de xeración de enerxía nas casas, sexan vivendas unifamiliares, edificios ou barrios. Sobre todo coa demanda de calor para calefacción e auga quente. Despois hai que ser máis coidadosos no uso da enerxía no ámbito doméstico e no transporte. E na maioría das cousas que consumimos hai unha mochila enerxética: cando duplicamos ou triplicamos as embalaxes, ou facemos mover produtos dun lado a outro do mundo, que temos ao lado da casa.

(…)

Empezaremos a redescubrir a produción local, a valorala. Os mercados locais poden ser moi beneficiados polos cambios enerxéticos. Esas formas de distribución poden facer fronte aos custos enerxéticos. Cando se fan pequenos desprazamentos, ese custo repercute moi pouco no prezo final. Así que a produción local irá en aumento.

(…)

redescubriremos o campo, e persoas que non vían o rural como un sitio onde elas traballar ou realizarse, empezarán a descubrir nel oportunidades. Haberá unha revitalización do rural. E os primeiros en notalo serán as zonas rurais próximas ás cidades.

(…)

Non desaparecerá a exportación, pero só se importará aquilo que non se poida obter no contorno próximo. Hai algúns estudos interesantes sobre como pode repercutir a subida do prezo da enerxía no mercado chinés de produtos de baixo custo.

5 reflexións sobre “Entrevista con Xoán Doldán: ‘Moitas explotacións agrícolas poderían autoabastecerse usando aceite vexetal como combustible’