Nicholas Georgescu-Roegen, un dos pais da Economía Ecolóxica (a que ten en conta e Economía non como un sistema illado e autorreferencial senón como un subsistema dentro dos límites físicos do planeta Terra), desenvolveu unha análise moi interesante sobre as economías labregas tal como podemos ler no libro de Óscar Carpintero La Bioeconomía de Georgescu-Roegen (Montesinos, 2006;p.91 e seg.). Para o economista, matemático e estatístico rumano, as bases que permiten a subsistencia do sistema socioeconómico dunha vila (Carpintero usa o termo aldea pero se o trasladamos ao léxico que define o noso territorio coido que comprería mellor usarmos vila ou en todo caso parroquia) aparte das que se apuntaban historicamente (vencellos de sangue e cultivo en común) incluirían:
- (vencellos de sangue?)
- (cultivo en común?)
- instinto cooperativo-gregario
- equilibrio necesidades/recursos
- recursos achegados
- poboación máxima duns poucos milleiros
- tradición oral
Outro punto interesante da análise feita por Georgescu-Roegen era que as economías labregas están gobernadas por 2 principios:
- Só o traballo crea valor: o traballo é o criterio principal para distribuír a renda.
- Hai igualdade de oportunidades para todos traballaren, aínda que os ingresos finais dependerán do esforzo e enxeño aplicados por cada quen.
Georgescu-Roegen opinaba que a forma de propiedade da terra non tiña moita influencia na economía da aldea, xa que as institucións deste tipo de comunidades máis que buscar o control do factor terra procuraban o control dos ingresos que dela se obtiñan. Isto estaría detrás das tradicións case universais de que quen cultiva unha terra ten dereito ao seu froito (dereito a traballala) pero non necesariamente á súa propiedade.
Así, as prácticas de deixar para apacentar os animais de todos nos campos non cultivados por cadanseu propietario terían unha lóxica económica abafante: do contrario, cada propietario tería que repartir a súa produción bruta cos animais de tiro, e isto podería provocar que a alimentación dos animais se convirta nun problema: o cabalo come a xente, segundo explica graficamente un refrán rumano.
Tamén é moi interesante a apreciación de que cando a poboación medra, se mantén o reparto igualitario: rotúrase máis bosque e repártense leiras para cada familia, alternando cada ano, para equilibrar leiras mellores con peores. Estes métodos de reparto víronse estragados moitas veces pola concentración parcelaria produtivista. Segundo Georgescu-Roegen as comunidades labregas enfrontáronse coa cuestión da igualdade e da distribución dunha maneira diferente á do capitalismo urbano, e déronlles unha solución diferente, e polo xeral, máis satisfactoria.
O criterio labrego dalle a todos a oportunidade de traballar para fornecerse do seu sustento, sen ter en conta os méritos ou esforzos de cada quen (que decidirán en todo caso o nivel de ingresos, non quén pode traballar e quén non). O labrego só sabe que ten unhas necesidades, está impacente por traballar para satisfacelas e non se lle pasa pola testa que poida haber unha norma que dicte que un pode ou non conseguir o seu pan.
Este criterio igualitario tamén ten a súa influencia nas taxas de fertilidade tradicionais no rural: así, cando medra a poboración dun lugar, medra a renda da familia, ao se incrementaren nunha unidade o traballo e a terra dispoñibles, e diminúe naquelas familias nas que non aumenta o número de membros. Ademais, se as familias son grandes, aprovéitanse mellor as boas colleitas (un meirande rendemento). Isto supón que evolutivamente se favorece o xen da alta fertilidade nestas comunidades, mentres que nas sociedades urbanas, rexidas por outros criterios de distribución da renda, a alta fertilidade supón unha desvantaxe económica importante.
Estas diferencias tamén explicarían para Georgescu-Roegen as reticencias tradicionais das aldeas cara a mecanización das fincas e os consellos procedentes das cidades:
[En Rumanía] muchos campesinos habían seguido los consejos de los entusiastas expertos en relación a la superioridad del tractor respecto a los animales de tiro. Pero los compradores de esa maquinaria descubrieron pronto, primero, que para pagar por el combustible y las reparaciones tenían que vender más producción de la que los animales necesitaban para alimentarse (…) Estaríamos equivocados si creyéramos que el campesino necesita ser aleccionado en las ventajas de la mecanización. Aunque vagamente, se ha dado cuenta del hecho de que la mecanización de la agricultura se originó dentro de su propia sociedad con la sustitución de la labranza a pie por el arado. (…) Su oposición a nuevos cambios deriva de una lógica interna que tiene en cuenta las ventajas en términos netos en vez de en términos brutos. (…) Encuentra muy extraño que, siendo el grano tan escaso, uno deba querer utilizar máquinas que frecuentemente generan una mayor pérdida de grano que si esa misma tarea se realiza por los viejos métodos (recolección y trillado son buenos ejemplos). No tiene mucho sentido utilizar maquinaria mientras la aldea tiene tanta mano de obra desocupada. Ideas como estas y una larga historia de pobres relaciones con la ciudad explican por qué el campesino sospecha que la propuesta de una mayor mecanización es sólo otra astuta maniobra a través de la cual la ciudad busca aumentar su porción de la producción agrícola a expensas de los trabajadores de la tierra. (…) En esas circunstancias, esto es un signo de sabiduría económica, no un síntoma de ‘idiotez rural’. (The institutional aspects of peasant communities: an analytical view, 1965)
Esa falta de necesidade de máquinas no campo cando sobra man de obra faime albiscar o noso futuro, cando o Teito do petróleo obrigue a reubicar poboación urbanita desempregada no campo para adicarse á produción de alimento, ao tempo que o gasóleo agrícola vexa o seu prezo medrar imparable; ou o que xa está a pasar hoxe en día, que os tractores enchen as leiras case a razón dun por leira, mentres a poboación sobrante marcha cara destinos insustentables nas cidades.
Pero volvamos a Georgescu-Roegen e as súas reflexións sobre o feito diferencial da economía labrega. Explica que moitos economistas urbanos e industrialistas agacharon tras desa acusación de ignorantes e atrasados aos reacios labregos, un feito que xa era coñecido polos antigos fisiócratas: a agricultura é a única actividade que permite alimentar a máis persoas das que traballan nela. Ese é motivo polo que os habitantes das cidades, dun xeito parásito, buscan incrementar a produtividade agrícola, sen importarlles o resultado neto para o campo, en termos económicos, ecolóxicos ou sociais. Tanto lles ten que se esquilme a terra, se endebeden os labregos, rachen as relacións sociais ou marche a xente das aldeas. Unha xente cunha concepción da economía ben máis ecolóxico, por certo.
Para o pai da Bioeconomía, a diferenza campo-cidade non é só cultural, senón que parte de formas de produción gobernadas por leis diferentes, de formas de distribución e de xustiza social distintas. A natureza viva imponlle ao Homo agricola uns ritmos, límites e escalas diferentes aos que a materia inerte impón ao Homo faber. Conclúe xa que logo, que a filosofía do home ocupado na agricultura é diferente da do home urbano, asemade de ser agricultura e industria rexidas por leis distintas.
Aínda que feitas hai máis de 40 anos e con outros países en mente (contraste da Rumanía rural cos EUA industriais), as análises de Georgescu-Roegen teñen unha grande vixencia no mundo actual afrontado a unha crise de entropía a nivel planetario, e sober todo se as aplicamos ao noso mundo rural, aínda non estabilizado tras a súa forzada modernización das pasadas décadas e a piques de entrar nunha nova e interesante etapa histórica como base para a recuperación dunha economía sustentable no noso país. Se a economía industrial parasitaria nos deixa, claro.
Unha reflexión sobre “As comunidades labregas tradicionais como modelo alternativo á economía capitalista”