O Concello de Teo forma un comité para avaliar a vulnerabilidade fronte ao Teito do petróleo e planificar medidas paliativas

TeoEsta semana tivemos a ocasión de participar nun momento decisivo para o camiñar do noso país cara a sustentabilidade: o concello de Teo en aplicación da resolución aprobada en agosto do 2009, constitui o Comité Técnico que ha estudar ata que punto o concello e os cidadáns se van ver afectados pola escaseza e carestía do petróleo (consecuencia de ter chegado este ao seu punto máximo de extracción a nivel mundial) e que tamén elaborará un Plan de medidas conducentes a minimizar as consecuencias deste feito.

Este Comité é o primeiro en toda Galiza e en todo o Estado Español en afrontar o traballo que xa outros municipios de países como Estados Unidos de América, Reino Unido ou Australia levan facendo desde hai algúns anos, unha vez tomaron conciencia da proximidade do fenómeno do peak-oil. Así dentro das denominadas Transition Towns e Post-Carbon Cities son cada vez máis as localidades pequenas, vilas medianas e grandes cidades que teñen desenvolto estudos de vulnerabilidade e plans de acción como os que agora pretende elaborar este comité teense.

A xuntanza foi o día 27 e dela deu conta o web do propio concello.

Lamentablemente, un feito de tanta trascendencia non foi recollido axeitadamente polos principais medios de comunicación galegos, que aínda fan ouvido xordos a un problema que leva meses ocupando páxinas nos xornais doutros países, como The Guardian no Reino Unido ou La Vanguardia en Catalunya.

Por suposto desde Véspera de Nada iremos informando dos avances deste grupo que de maneira aberta irá implicando a máis especialistas e tamén a persoas e colectivos do propio concello.

Para nós é unha grande responsabilidade, pero que asumimos con entusiasmo, poder colaborar co primeiro concello galego que olla de fronte a esta inminente e grave problemática. Agardamos poder achegar informacións e suxestións prácticas ao concello e aos seus cidadáns, entre os que tamén temos previsto facer difusión dun problema que malia ser aínda tan descoñecido entre o público, hanos afectar profundamente a todos e en todos os aspectos da vida. Sabemos que a participación de Xoán Ramón Doldán García, unha das persoas que máis leva feito por difundir o problema do Teito do petróleo no noso país, e que fai parte da denominada Economía Ecolóxica, dotará aos resultados deste Comité dunha perspectiva científica e social de primeiro nível.

Podemos aledarnos de que hoxe temos xa a primeira localidade galega que deu o primeiro paso para liberarse da dependencia do petróleo.

9 thoughts on “O Concello de Teo forma un comité para avaliar a vulnerabilidade fronte ao Teito do petróleo e planificar medidas paliativas

  1. 30 Abril, 2010 at 5:28 p.m.

    Unha das escasas referencias que atopamos na prensa foi esta: http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2010/04/29/0003_8450430.htm

  2. Camba
    1 Maio, 2010 at 1:13 p.m.

    Tamén o publicaron xa en Crisis Energética http://www.crisisenergetica.org/article.php?story=20100430175402784

  3. 1 Maio, 2010 at 5:01 p.m.

    Interesante y, como decís vosotros, esperanzadora noticia. A ver si espebilan los demás municipio y ciudades y los medios de comunicación para divulgar una noticia tan positiva como esta.
    La semana que viene saldrá un artículo en la revista Ladyverd.com, medio independiente que lleva tiempo divulgando noticias semejantes de todo el mundo.

  4. 1 Maio, 2010 at 5:01 p.m.

    Interesante y, como decís vosotros, esperanzadora noticia. A ver si espabilan los demás municipios y ciudades y los medios de comunicación y divulgan una noticia tan positiva como esta.
    La semana que viene saldrá un artículo en la revista Ladyverd.com, medio independiente que lleva tiempo divulgando noticias semejantes de todo el mundo.

  5. Víctor Boga
    3 Maio, 2010 at 11:24 a.m.

    A ver si se animan máis concellos. Sería xenial que entraran no tema en Vilasantar.

    Saúdos.

  6. miingos
    3 Maio, 2010 at 7:06 p.m.

    Ou de como resolver a “participación” d@s “teenses”(down–>up non só top–>down) para sortealas trampas dos “tempos” na política !!

  7. 5 Maio, 2010 at 8:00 a.m.

    Víctor, coa alcaldesa de Vilasantar, Manuela García Freire, contactei eu mesmo o ano pasado. Falei con ela do tema por teléfono, envielle documentación, ofrecín a nosa asociación para nos reunirmos con ela, para dar charlas á xente de Vilasantar, etc. E non tiven máis noticias dela. Unha mágoa.

    Se cadra agora que vé ao seus compañeiros de partido en Teo camiñar con decisión para lle faceren fronte ao problema, volve considerar o tema. Eu a verdade, atopeina bastante reticente aínda que aseguraba ser consciente de que había un problema co petróleo. Pero penso que pola súa nula resposta ao que eu lle prantexei non é realmente consciente do alcance do mesmo nin das medidas que están nas mans dos pequenos concello tomar.

    O dito, ogallá os que vivides alí poidades facer algo de presión para que tomen o tema en serio, xa que aos que facemos propostas desde fóra parecen non nos escoitar moito.

    Nós seguiremos desde Véspera de Nada, na medida das nosas posibilidades, espallando o coñecemento do problema, con especial fincapé no nivel municipal.