Cando as barbas do teu veciño vexas pelar… e parece que xa están poñendo as nosas a remollo!
Copiamos un comentario dun dos membros da nosa asociación acerca dos anuncios efectuados hoxe polo presidente español Rodríguez Zapatero, para abrir o debate cos lectores/participantes no noso blog.
E xa comeza o axuste en España, tras o anuncio do Sr. Zapatero hoxe no Congreso.
- Traballadores públicos (redución de soldos nun 5% xa e conxelación futura)
- Pensionistas (non revalorización no ano próximo)
- Nais (e pais) (eliminación do cheque-bebé)
- Redución dos investimentos estatais (onde? xa o saberemos; entrarán aí as empresas tal e como pedía o Sr. Ayuso)
- Redución do finaciamento autonómico e estatal (onde van reducir? admítense apostas)
E xa o dixo o Sr. Presidente. Non é hora de tomar medidas que supoñan unha carga para as empresas (que fala, das pequenas ou das grandes???, mesmo naquelas que teñen beneficios extraordinarios, por ex. os propios bancos no último exercicio???), elas xa sofriron os embates da crise (é dicir, xa pagaron o que tiñan que pagar; tamén as grandes construtoras?, as que se adicaron a especular? as sociedades que xogan en bolsa?, as do sr. Presidente da patronal que afundiu as súas empresas pero segue a indicar o que se debe facer cos traballadores?), agora é o tempo de que o resto soportemos parte da carga (debe ser que os máis de catro millóns de parados non sofriron aínda a crise, nin os pensionistas que mal chegan a final de mes, nin os pais e nais que teñen fillos encerrados nun círculo fechado de traballo-gastos de manutención e atención aos fillos-desatención dos fillos-sensación de culpabilidade-estrés).
E non falarei dos traballadores públicos, porque eu tamén o son e pódese entender como que estou amolado polo que me toca, que tamén. Pero malia que aparezan (aparezamos) como os maiores crápulas da clase traballadora, e culpábeis de case todos os males, hai que lembrar que moita xente traballa na administración gañando un soldo bastante cativo (e non falo por min) e soportando unha grande parte da carga de traballo, ademais de existir unha conxelación salarial de facto desde hai anos. Hai casos escandalosos e son coñecidos, e soldos de fábula e son coñecidos, pero nin son a maior parte nin o problema é de salarios senón de racionalización dos recursos públicos, de organización do traballo e de dirección. Máis aquí o Estado actúa como patronal e como tal apunta aos traballadores e non a si mesma.
Un Sr. moi importante neste país que acaba de ser operado nunha clínica privada e dado de alta xa, para volver ao seu palacio, díxolle na clínica: pasen a factura a palacio. Se debe haber sacrificios, mellor comezar por riba e ir baixando. Non vaia ser que as facturas sigan a enviarse aos palacios e os pobres servos da gleba. Porque cara iso imos e como servos da gleba non somos escravos, pero como aqueles cada vez temos máis limitadas as nosas liberdades e os monarcas (coronados ou non) deciden sobre a nosa vida, liberdade e fortuna.
12 reflexións sobre “Comeza o ‘axustamento’ tamén en España”