Denantes escravos ca mortos?!

Overshoot (Extralimitación): as bases ecolóxicas dun cambio revolucionarioHai uns días que me botei a ler o famoso “Overshoot” que William Catton escribiu no 1980, e que a cada ano que pasa está de maior vixencia.

E lendo nel acerca dos escravos enerxéticos (todos creo que coñecemos a metáfora, popularizada por diversos autores) e acerca da Historia da Humanidade coa lúcida perspectiva ecolóxica que Catton lle dá… dei en xuntar 2 cuestións, que ata o de agora non vencellara eu: a futura (cercana?) desaparición deses escravos que nos fornece a enerxía fósil e a sobrepoboación.

Se partimos das seguintes premisas acerca do futuro (5, 10… 20 anos?):

  • Redución importante da enerxía fornecida polo petróleo, polo esgotamento das reservas (Teito do petróleo ou peak-oil) e pola caída da TRE
  • Insuficiencia doutras fontes de enerxía para substituir a tempo, completamente e en todos os sectores esa perda.
  • Sobrepoboación (é un feito desde hai décadas) a nivel mundial.

…non parece lóxico pensar que se substitúan boa parte (ou todos) deses escravos virtuais que nos fornece actualmente o petróleo, por escravos de carne e oso? Falo, claro está, do retorno da escravitude. Porque as elites do actual capitalismo non parece crible pensar que renuncien a seguir explotando minas (por poñer un exemplo) simplemente porque xa non hai combustible barato para mover as máquinas, sobre todo cando haberá millóns de seres humanos doutro xeito inútiles para o sistema, xa que non terán capacidade adquisitiva como consumidores nin haberá suficientes postos de traballo nunha economía en proceso de desindustrialización.

Escravos en Minas Gerais (Brasil), 1770Dentro desa lóxica, as democracias (ou esa pantomima que temos hoxe en día e que chamamos así) deberían ir sendo baleiradas de contido, e as posicións máis extremistas de dominación substituirían as actuais de explotación capitalista, para facilitar o retorno desa escravitude. Podemos pensar en que, como foi case sempre o caso, uns pobos escravicen a outros, pero tamén en que dentro de cada sociedade haxa persoas (persoas privadas previamente de liberdade? inmigrantes? persoas endebedadas?) que entren dentro desa neo-escravitude.

Pode soar moi duro, pero en termos enerxéticos coido que ten todo o sentido do mundo temer un futuro así. A algún pode terlle mesmo ecos de The Matrix, pero non falamos de ciencia ficción, senón de afrontarmos a realidade da situación ecolóxica actual que vive a Humanidade en base a milenios de experiencia histórica.

Aínda que hai precedentes antigos de abolicionismo do escravismo, os intentos só lograrán éxito a partir de fins do século XVIII e comezos do XIX. De modo, que algúns estudiosos, ligan este éxito á difusión do maquinismo como consecuencia da Revolución industrial. (Wikipedia)

Con esta cuestión gostaríame encetar un debate cos demais membros da nosa asociación e outros lectores/comentaristas do noso blog. Cal é a túa opinión? Pensas que o futuro descorrerá por aí?

13 thoughts on “Denantes escravos ca mortos?!

  1. 20 Maio, 2010 at 8:43 a.m.

    Exemplos de semi-escravitude témolos todos os días nos xornais, así que realmente non sería un cambio tan drástico: só extender a unha maior escala a solución enerxética baseada no traballo humano como substitución da enerxía fósil en proceso de esgotamento.

    Para mostra un exemplo recente: http://chuza.gl/historia/um-jornal-chines-descobre-as-condicoes-de-escravidao-numa-sub-contrata-de-apple

  2. Manuel Amigo
    21 Maio, 2010 at 12:31 p.m.

    Veñen tempos demasiado intereantes me temo,nembargantes as patacas o xeito natural (sen arar, sen sachar, sen abonar, e sen sulfatar…gracias maestro Fukuoka) siguen o seu ciclo de crecemento sin deixarse influenciar nin po los mercados, nin po las bolsas, nin po las intervenciosn dos gobernos , nin polo deficit , nin pola deuda.

    Acaso ¿serán as patacas inmunes a todas estas cousiñas que o resto tanto nos influen?

    Non sei vos , eu teño muy clariño cal e o camiño e xa escomencei a andar.

  3. miingos
    22 Maio, 2010 at 6:49 p.m.

    Sed modernos, leed a los clásicos 😉
    Dí Naredo que que a gran paradoxa da encrucillada na que nos atopamos está entre a “cacotopía” do enfoque socioeconómico ordinario e maila “eutopía” das alternativas.
    Para cambialas regras do xogo farían falta cambios “mentais”(para establecer novos compromisos) e “institucionais” (para usar novos instrumentos)
    Toca experimentación:”aprender facendo”como @amigo
    #xadeusdirá…

  4. Xoán Doldán
    24 Maio, 2010 at 7:36 p.m.

    Moi interesante a cuestión que se expón. O escravismo como modo de produción ten sucedido en diferentes épocas e coexistido con outros modos de produción dominantes. É dicir, sen ser unha forma de organización da produción que chegara a definir ao conxunto social, si supuxo en distintos momentos unha maneira pola que a sociedade combinou parte dos seus recursos produtivos para que, xunto con outros modos de produción, puidera manterse unha determinada forma de vida. Por exemplo, o escravismo estivo presente en diferentes sociedades europeas cando outra parte da sociedade subsistía baixo formas de produción comunitarias (ou comunistas) primitivas, ou mercantís simples; nestes casos, unha parte dos grupos sociais tiña a propiedade sobre individuos que, privados da súa liberdade, realizaban tarefas domésticas ou traballaban as terras; tratábase este colectivo de propietarios de un grupo pouco numeroso pero poderoso (aristócrata) fronte a que podía haber unha grande masa de persoas libertas que traballaban para a súa propia subsistencia ou vendendo unha parte pequena do que obtiñan na terra ou de traballos manuais. Neses momentos os escravos proviñan, en ocasións, das conquistas realizadas duns pobos por outros.
    Noutras épocas o escravismo conviviu con formas de produción feudais ou mesmo capitalistas. Non esquezamos, por exemplo, a escravitude en tempos da conquista de América e o tráfico de escravos desde África, ou o episodio da guerra civil estadounidense entre o Norte e o Sur, onde xa dominaba na economía dese país o modo de produción capitalista.
    En todos eses casos, o carácter social da economía ven determinado polo modo de produción dominante (comunitario, feudal ou capitalista) aínda que a coexistencia co escravismo puido chegar a ser decisivo na súa consolidación ou evolución. A activación ou desactivación do escravismo como modo de produción vixente ou non nun determinado momento histórico veu determinado máis polas necesidades intrínsecas ao modo de produción que se converte en dominante, xustificado ou apoiado na ideoloxía xustificativa en cada caso (racista ou antiracista, supremacía ou igualdade… segundo os casos). Nesa perspectiva, e simplificando moito a cuestión, poderíase dicir que en EE.UU. a escravitude convértese nun dos eixos do conflito norte-sur no momento en que a parte máis dinámica da sociedade (o norte) necesita dar un salto na súa organización produtiva cara un novo modelo onde a escravitude non ten un lugar definido (o paso dun capitalismo de corte máis comercial a outro de carácter máis industrial), e onde o que resulta necesario é aumentar a masa de persoas que poden vender “libremente” o seu traballo a cambio dun salario, polo que o prezo dos salarios poderá baixarse e pode incrementarse a taxa xeral de ganancias dos capitalistas. Dun modo semellante ao motivo ao que sucedeu en Europa cando se “liberou” aos campesiños das súas relacións de servidume cos señores. Antes en cambio un e outros (escravos e servos) tiñan axudado a que se desen os procesos de acumulación de capital necesarios para que ese salto no capitalismo for posíbel..
    E hoxe? E mañá?. Como dixen o escravismo non é un modo de produción superado, xa que historicamente apareceu, desapareceu e reapareceu segundo foi necesario en cada momento. Aínda que o carácter de escravo/a leva aparellado a perda de liberadade dun sobre a súa propia persoa estando baixo o dominio doutra, e iso suporía, entre outras cousas, ter que transformar normas legais básicas xeralizadas en todos os países e nos organismos internacionais. Nese senso, acho que é difícil que se poida chegar (dentro da legalidade vixente ou da previsíbel a medio prazo) a un renacemento da escravitude. Outra cousa é que, sen o amparo legal, sucedan casos máis ou menos estendidos de escravitude.
    Con todo, acho que se podería ir cara fórmulas de precarización na clase obreira que de facto, aínda que non de iure, supoñan unha pseudo-escravitude ou neo-escravitude. Se, por exemplo, se perden dereitos adquiridos pola clase obreira en moitos lugares, como aqueles que teñen que ver cos dereitos de sindicación, reunión e folga, a limitación horaria no traballo, as restricións no acceso ao traballo aos máis novos, as pensións de xubilación, os descansos semanais e as vacacións, os salarios, seguros de enfermidade, despedimentos…é dicir, camiñar cara situacións que nos acheguen a condicións laborais semellantes ás que se daban no primeiro capitalismo industrial, estaríamos ante unha degradación do traballo asalariado para grandes masas de traballadores/as (que, por outra parte, xa viñan sufrindo outras grandes masas de traballadores en diferentes lugares do mundo). Na medida en que esta situación se universalizase significaría un novo escenario, máxime se os “escravos enerxéticos” desaparecen ou queda minimizado o seu uso. A liberdade para escoller sería mínima (ou nula) e a aceptación obrigada dunhas condicións laborais penosas significaría de facto o sometemento ao dominio (total) de outras persoas. Esa degradación daríase ademais nun escenario totalmente diferente ao que había a comezos do XIX, con uns medios de coacción e control que hoxe nos parecerían ridículos fronte aos que se poden despregar na actualidade. O abaratamento na mao de obra é tamén unha condición necesaria para que os servizos que agora cobren os “escravos enerxéticos” pasen a ser desempeñados, en todo ou en parte, por persoas.

  5. 24 Maio, 2010 at 8:08 p.m.

    Grazas Manuel e Mingos polas vosas achegas e a Xoán pola súa lección de historia socioeconómica e polos apuntamentos que fai sobre por onde poden ir as cousas.

    Di Xoán que:

    iso suporía, entre outras cousas, ter que transformar normas legais básicas xeralizadas en todos os países e nos organismos internacionais. Nese senso, acho que é difícil que se poida chegar (dentro da legalidade vixente ou da previsíbel a medio prazo) a un renacemento da escravitude.

    pero eu non vexo tan difícil que se troquen as leis. Xa se trocan hoxe por razóns menos contundentes, e se pensamos nun escenario de colapso progresivo onde mude tanto todo como apuntamos algúns… daquela será obrigado que muden as leis, e non o van facer no sentido que a nós nos gustaría, témome, para minimizar o impacto do Teito do petróleo e outras calamidades que nos esperan.

    Han mudar gobernos e mesmo sistemas e institucións, tentando adaptarse a un futuro de post-exuberancia (como diría Catton). E aí a mudanza de leis pode ser o pan noso de cada día.

    Por riba disto, xa estamos a asistir a un baleiramento do contido e efecto das leis mesmo nos países máis avanzados democraticamente (disque): aí temos o que pasa cada vez que hai cumios internacionais, que se suspenden as liberdades e se detén preventivamente!!! a cidadáns sen ningún baseamento legal. Ou atentados básicos aos fundamentos do Estado de Dereito como os que levamos visto neste Reino das Españas nos últimos anos (Dereito do Inimigo, xuízos políticos, peche de xornais, etc.). Así que non, non me parecería tan raro que mudasen leis no sentido de permitir quase-escravitudes ou neo-escravismos.

  6. 24 Maio, 2010 at 8:09 p.m.

    E non temos máis que ver como leis supostamente básicas como a Constitución son só postas en vigor naqueles puntos que lles interesa aos que detentan o poder.

  7. 24 Maio, 2010 at 8:55 p.m.

    Eu temo que a caída de liberdades e dereitos tan duramente conquistados polas xeracións anteriores non se deterá ata que, chegados a un punto de “non ter nada que perder” haxa revoltas populares violentas. Subimos demasiado alto e agora hai un colchón nos países ricos, de abundancia e benestar que aínda que caia a un ritmo considerable, tennos moi afastados da fame e da miseria. Ata que esa non comece a estar nas vidas de moitos máis, penso que o común non reaccionará.

    Por riba, temos ese hipnótico ubicuo que é a televisión adormecendo conciencias, facendo crer en mundo ilusorios de coches ecolóxicos (oxímoron onde os haxa) e riquezas sen límite. Ese é o maior atranco para a profunda mudanza social que precisamos.

    Quen queira desertar do sistema suicida do capitalismo terá que comezar desenchufando a tele, converténdose en apóstata da publicidade.

  8. 24 Maio, 2010 at 8:57 p.m.

    Estamos na miña opinión nun contexto no que nos expoñemos a perder en cuestión de 10 ou 20 anos liberdades, dereitos e un nivel de benestar que tardamos máis dun século en acadar neste país. O shock vai ser brutal. E xa sabemos que o shock é coartada para a dominación (vid. Naomi Klein).

  9. Xoán Doldán
    24 Maio, 2010 at 11:31 p.m.

    Cando eu falaba antes de que a escravitude necesita da transformación das normas legais básicas xeralizadas en todos os países e nos organismos internacionais, e de que consideraba que iso non sucederá no curto ou medio prazo, falaba e falo dos cambios normativos necesarios para establecer dentro dunha mesma sociedade que unha parte dos individuos quedan desposuídos por lei de todo tipo de liberdades (incluída a de seren donos de si mesmos) mentres que outros teñen para sí esas liberdades e mesmo teñen o dereito a seren donos (ter o dominio) sobre outras persoas (dereito de vida ou morte), de comerciar con eles como obxectos. Este tipo de cambios normativos non os vexo, insisto, a curto ou medio prazo, entre outras cousas porque a liberdade (palabra convertida en referente simbólico pero valeirada do seu significado) remite ao non-escravo ao non coaccionado e sirve a toda unha morea de discursos cerimoniais para manter pasiva a moita xente, a non reaccionar. Liberdade para pensar, para comprar, para elixir no mercado, para votar, para viaxar…, aínda que finalmente dependa da renda da que un dispón, ou do tempo do que dispón, ou das débedas que ten contraídas, crean un imaxinario que serve para que o poder político e económico poidan seguir deseñando un determinado tipo de sociedade, de economía, onde as persoas deben ser suxeitos pasivos.

    Dito isto, non nego en absoluto a posibilidade de grandes cambios normativos e institucionais. Non o nego porque como dis estanse a dar continuamente, e asistiremos en breve a moitos e grandes cambios. E moi posibelmente unha grande parte destes cambios irán no sentido dun deterioro drástico das condicións de vida e dos dereitos laborais e mesmo nunha perda dos dereitos políticos. Por iso o meu símil coa sociedade de comezos do XIX. Pero non esquezamos que daquela estábamos (en Europa) diante de sociedades capitalistas, aínda que os dereitos laborais foran mínimos, non houbera en moitos países sufraxio universal, e nenos e nenas traballaran quince horas diarias, houbera unha miseria xeralizada nas camadas populares…O mesmo cabería dicir de reximes totalitarios como o de Pinochet, os gobernos militares na Arxentina, ou no Franquismo, nos que malia a ausencia de liberdades políticas e laborais podemos falar de economías capitalistas. Mesmo hoxe en día (nos últimos tempos) en paralelo a un capitalismo que permitiu, nos seus excesos, participar da festa a unha parte da clase traballadora (occidental), veu existindo un capitalismo (en realidade o mesmo, con dúas caras, a dos países ricos e dos empobrecidos) onde a clase traballadora careceu das vantaxes que tivemos nós, quedaron fóra do festín, e sofriron situacións de penuria absoluta (eses talleres que fabrican produtos para os mercados occidentais e nos que as condicións mesmo poden ser peores que as que había hai dous séculos en Europa).

    Por todo iso, eu considero que nos adentramos nunha nova fase do capitalimo, unha fase que eu agardo que sexa terminal, na que quizás se dea esa xeralización da precariedade e da miseria, a perda de liberdades laborais e políticas, o reforzamento dos mecanismos de control, de coacción e de manipulación. E todos estes cambios seguramente serán vendidos como necesarios para garantir a nosa “liberdade” (esa mesma liberdade que se vai perdendo a medida que se nos “informa” que queren garantila, a medida que aumenta a represión contra os disidentes, contra os que “ameazan” a seguridade necesaria para esa “liberdade). A manipulación necesita manter a simboloxía da liberdade, aínda que se acabe cada vez máis con ela. E isto non é incompatíbel co capitalismo, senón que entendo que é parte da súa evolución.

    Temos tan interiorizado o discurso da liberdade asociado ao capitalismo (liberalismo, libremercado, librecomercio, liberalización, traballo libre…) que nos esquecemos que este é un discurso falaz desde o propio nacemento do capitalismo. A liberdade sempre foi xustificada como liberdade para actuar por aqueles que detentaban o poder económico.

    E todo isto non quita que nalgúns lugares emerxa a escravitude acompañando ao capitalismo, máis, de momento, non o vexo como escenario xeral. Creo que, en todo caso, imos máis cara unha sociedade capitalista con comportamentos fascistas.

  10. miingos
    26 Maio, 2010 at 2:06 p.m.

    Pensar el futuro(…+)de la separación entre lo material y lo analítico(Richard Sennet).|Soy cámara: El programa del CCCB (15/05/2010): Capítulo 2

  11. Irmandinho
    3 Xuño, 2010 at 7:20 p.m.