François Chesnais e Theotonio dos Santos en Compostela

(Crónica de Xoán Doldán.)

François ChesnaisTheotonio dos SantosFrançois Chesnais e Theotonio dos Santos son dous clásicos da economía heterodoxa aínda vivos.

Hoxe tiven a inmensa fortuna de escoitalos na XII Reunión de Economía Mundial que se está a celebrar en Santiago de Compostela (do 26 ao 28 de maio).

Os dous falaron da crise actual e os dous, cada unha desde unha focaxe diferente, coincidiron nalgunhas cuestións.

Adianto que a súa perspectiva non se baseaba nunha determinada visión dentro da economía ecolóxica, nin do decrecemento, nin do teito do petróleo, senón que partiron dunha análise centrada sobre todo no aspecto financeiro, o papel dos Estados e os gobernos, os ciclos económicos… Mais non son estas as cuestións nas que puideron coincidir que eu vos quería transmitir senón outras.

Falaron, por exemplo, do papel non neutral do Estado, da intervención nos mercados a favor do sistema financeiro e en detrimento das condicións de vida da maior parte dos pobos, do sometemento voluntario destes gobernos a eses mercados e da necesidade de transformación radical do aparato estatal, sempre resultado dunha loita de clases, e que debería camiñar cara outra relación de poder en favor doutras clases sociais.

Falaron dos procesos anárquicos do capitalismo e da violencia que conleva, manifestando as súas maiores contradicións nas cuestións ambientais e a relación coa natureza.

Falaron do final dun ciclo, da necesidade de repensar todo con outras categorías, xa que manterse nas dun ciclo superado non nos fai entender nin a crise, nin su superación, senón aumentar as contradicións que provocarán cada vez máis violencia social e política.

Falaron de que esta crise vai para moitos anos, de que en 10 ou 15 anos máximo deberíamos ter un novo padrón tecnolóxico para a nova situación emerxente, mais non estamos preparados para facelo, o que de novo aumentará as tensións sociais e pólíticas.

Falaron da perda de benestar, citaron o caso das economías europeas, mesmo se citou a perda dun 20% de media da capacidade de consumo para os cidadáns gregos, e seguramente non menos dun 10% noutros países. E isto só será posibel con medidas autoritarias, cando non de corte dictatorial.

Falaron das diferencias e semellanzas coa crise do 29, pero tamén lembraron como acabou aquela, a 2ª guerra mundial. En calquera caso, as tensións internacionais seguramente irán en aumento.

Falaron de que Europa debe aprender a ser máis europea e verse menos como referencia de civilización e como centro do mundo, e aprender a ser o que é, unha rexión do mundo, con un desenvolvemento importante, e nada máis.

E falaron de ser menos sumisos e seguidistas dos EE.UU., país que está a orientar políticas de contracción do déficit público en Europa, que eles mesmos non practican.

E un anuncio: a perspectivas para a nosa moeda, o euro, por estes lares son máis que negativas.

E debo dicir que, da man e a voz, de Theotonio dos Santos desde o Brasil, hoxe Latinoamérica brilou de tal maneira que nos descubriu aos europeos, a pesar dalgúns dos presentes, como reis nús. E era hora de que alguén veña de fóra a facérnolo ver.