Semella que pouco a pouco o tema do Cénit vai saíndo á luz nos medios de comunicación máis importantes. Hoxe quen tratou o tema foi o Financial Times, que publicaba un artigo de Jeremy Leggett titulado You have had the credit crisis – next it will be oil (Tivestes a crise do crédito: agora vai vir a do petróleo).
Do texto de Leggett, un dos membros do ITPOES británico -que presentou en Febreiro ao goberno británico un informe advertindo de que a crise enerxética podía pillarnos tan desprevenidos como a financeira- entresacamos e traducimos algúns fragmentos, nos que debuxa os paralelismos entre ambos os dous tipos de crises:
A crise do crédito case nos trouxo unha segunda Gran Depresión. En canto á crise do petróleo, as empresas que facemos parte do ITPOES tememos que haxa unha caída irrecuperable do subministro mundial de petróleo para o 2015 como moi tarde, e que se os produtores de petróleo economizan os recursos, unha crise enerxética mundial podería converterse nunha fame negra enerxética para algunhas nacións consumidoras de petróleo.
(…)
Hai dúas industrias que fallaron á sociedade. A industria bancaria de investimentos dixo ao mundo que creara un novo tipo de recursos masivos en derivados complexos. (…) A industria do petróleo díxolle ao mundo de que tiña masivos recursos nas augas profundas, que eran extraíbles a baixo risco. (…) Os paralelismos entre o crunch financeiro e o vindeiro crunch do petróleo son claros e tremendamente problemáticos.
Despois de recibir o informe de Leggett e compaña, o goberno británico que tradicionalmente confiaba na palabra de BP de que había petróleo asegurado para décadas e que non había ningún problema, comezou a amosar dúbidas: o Ministerio de Enerxía e Mudanza Climática recoñeceu que había dúbidas significativas e que tiña que traballar coa industria para xestionar o risco do Teito do petróleo.
Unha reflexión sobre “O Teito do petróleo no Financial Times: aprendamos da crise financeira”