Hoxe remitiunos un compañeiro da asociación un artigo de Santiago Niño Becerra, o coñecido economista outsider que tanto fama está a cobrar polas súas acertadas previsións económicas con respecto á crise económica actual. No artigo, titulado El material con el que se mueven los sueños, o célebre economista parece descubrir algo que moitos outros economistas, científicos, empresarios e activistas levamos tempo advertindo: o petróleo dispoñible para a economía mundial vai comezar a decaer, e a demanda prevista non vai poder ser satisfeita, debido ao coñecido como Teito ou Pico ou Cénit da extracción mundial de petróleo.
Alédanos que o profesor Niño Becerra descubra por fin o fundamento físico da actual crise, que non é —só— económica senón dunha civilización, a industrial, montada toda ela arredor dun único recurso crítico: o petróleo. Convidamos a Niño Becerra a que contraste os seus sempre interesantes e críticos puntos de vista sobre a economía ortodoxa ou neoclásica cos seus colegas da Red de Economía Ecológica e a que visite con máis frecuencia fontes rigorosas de información e debate como The Oil Drum, ou máis achegadas como Crisis Energética ou esta mesma Véspera de Nada. Tenas xuntiñas e actualizadas permanentemente en Cenit-del-petroleo.info.
Agora pasaremos a comentar brevemente algúns contidos do seu tamén breve artigo.
Na gráfica que presenta, moi coñecida para os que levamos tempo estudando o fenómeno do peak-oil, falta un factor crucial: a taxa de retorno ou de rendemento enerxético, que converte en moito máis aguda a caída da gráfica da extracción ao convertela en enerxía útil dispoñible para a sociedade. Porque non esquezamos que falamos de enerxía, e obtela do petróleo tamén ten un custo enerxético. É a TRE ou EROI da que xa temos falado en repetidas ocasións neste blog.
Por outro lado parece pecar de certo optimismo tecnoutopista ou cornucopián con esa mención á fusión (nuclear, imaxinamos). Non estaría de máis que botase cálculos dos tempos precisos, do estado actual da tecnoloxía (non o soñado), dos investimentos precisos e da difícil —por non dicir imposible— substitución masiva dos sistemas alimentario e de transporte baseados no petróleo por sistemas electrificados.
Por outra banda o exemplo case ridículo que pon das restricións que orixinará o Teito parece amosar que non acaba de captar as implicacións que para a vida nas sociedades industriais ten unha carencia do vital petróleo. Se cadra non lle virá mal botar unha ollado ao Informe Hirsch.
Agardamos que de contado Santiago Niño actualice á luz de todas estas informacións as súas famosas predicións: as súas conclusións, alumeadas polo coñecemento da precaria base enerxético do futuro económica da Humanidade, poden ser de moitísimo interese.
2 reflexións sobre “Santiago Niño Becerra descubre o Teito do petróleo”