Avanzan os traballos do Comité para un Teo sen petróleo

Este pasado martes 29 de xuño o Comité creado polo Concello de Teo para aplicar a resolución aprobada en agosto de 2009 acerca do Teito do petróleo, celebrou a súa segunda reunión de traballo.

Na reunión estiveron presentes o alcalde, Martiño Noriega, Ana Varela, técnica de medioambiente, Xoán Doldán, encargado dos estudos técnicos do Comité e Manuel Casal en representación da nosa asociación.

Fotografía da primeira xuntanza do ComitéNa xuntanza puxéronse en común os avances desde a anterior reunión onde quedara constituído o Comité e se trazaran as súas liñas mestras de traballo. Tamén se tomaron importantes decisións para ir concretando os froitos do Comité:

  • Elixirase un nome para enmarcar todas as actuacións do concello neste terreo.
  • O concello colaborará coa asociación Véspera de Nada no envío de documentación a outros concellos galegos para informar sobre o problema do Teito do petróleo.
  • Poñerase en marcha un web temático acerca dos traballos do Comité, para difundir o seu labor e posibilitar a participación cidadá no mesmo.
  • Estudarase a edición de material divulgativo de utilidade para os veciños de Teo saberen como afrontar as consecuencias derivadas do Teito do petróleo nas súas vidas, negocios, etc. Dentro deste material prantexouse a elaboración dun Manual para a transición enerxética, para o cal fará o Comité un proxecto orzamentado.

Tamén se falou da posibilidade de o BNG presentar unha pregunta oficial ao goberno galego semellante á que IU vén de presentar no Congreso dos Deputados.

A vindeira xuntanza do Comité terá lugar en Setembro. Namentres, o grupo manterá permanentemente aberta a comunicación por medio dunha lista de email interna de traballo, e continuará o traballo técnico para a elaboración do Estudo de vulnerabilidade de Teo fronte ao Teito do petróleo (dirixido por Xoán Doldán) e mais o deseño dun Plan de medidas para preparar o concello (coordinado pola nosa asociación).

2 reflexións sobre “Avanzan os traballos do Comité para un Teo sen petróleo