Lloyd’s únese ás institucións que advirten dunha catástrofe a causa do Teito do petróleo

A sede de Lloyd's en LondresSegundo informou o domingo (día no que se conmemorou o Día do Peak-Oil) o xornal británico The Guardian, unha das voces máis respectadas da City londinense, o mercado de seguros Lloyd’s ven de publicar un informe conxunto coa Chatam House (Royal Institute of International Affairs) acerca do Teito do petróleo e as súas potenciais consecuencias catastróficas para a economía.

Segundo o informe se as empresas non se preparan para un mundo no que o petróleo será escaso e para unha economía baixa en carbono, afrontarán consecuencias catastróficas. Advirten de interrucións no subministro nun contexto en que China e India aumentan a súa demanda e a extración falla debido entre outros motivos ás limitacións pola catástrofe da plataforma de BP no Golfo de México e as necesarias limitacións das emisións de CO2 para frear a mudanza climática.

No lado positivo indican no informe titulado Sustainable energy security: strategic risks and opportunities for business [ligazón en Lloyd’s] que “as empresas que sexan capaces de tomar avantaxe desta nova realidade enerxética poderán aumentar a súa resilencia e a súa competitividade”.

O informe, procedente dun mercado especialmente interesado en prever ceses de negocios e danos, como é o dos seguros, inclúe advertencias tan serias como as que habitualmente se asocian aos grupos ecoloxistas. Inclúe duras críticas á Axencia Internacional da Enerxía, cuxas predicións dos niveis de extracción di que durante a última década polo xeral nunca se cumpriron.

O informe advirte de que o mundo se dirixe a un colapso do subministro de petróleo e a un nivel moi alto de prezos debido ao insuficiente investimento nos sistemas de extracción sumado a un rebote na demanda mundial cando remate a recesión. Repite as advertencias que o profesor Paul Stevens, un ex-economista da Universidade de Dundee, fixera nunha conferencia na Chatham House, de que a falta de petróleo podería poñer o barril a máis de 200$ para o 2013.

Tamén menciona o informe do departamento de enerxía dos EUA que advertía do caos económico que resultará do devalar da extracción mundial de petróleo nun momento en que a demanda continuará a medrar, e que recomendaba —entroutras medidas— un plan de choque para reformar o sistema de transporte.

“Mesmo antes de chegarmos ao Teito do petróleo”, di o informe de Lloyd’s, “poderíamos ter un colapso no subministro a causa do aumento da demanda asiática. Son precisos entre 10 e 15 anos para poñer en produción novos investimentos enerxéticos, e ata o de agora non temos visto a cantidade de proxectos que deberían fornecer a oferta necesaria para esa demanda prevista.”

O informe engade advertencias acerca das limitación existentes para a transición a novas formas de enerxía limpa debidas á escaseza de metais raros e outros materiais precisos para este tipo de tecnoloxías.

Tamén fai un chamamento aos fabricantes, vendedores e a toda a industria en xeral para que modifiquen as cadeas de subministro a nivel mundial así como os modelos de distribución just-in-time debido ao aumento da vulnerabilidade do sistema que implican neste contexto.

Richard Ward, executivo xefe de Lloyd’s falou da falsa sensación de seguridade que existe na maioría de empresas, que non son conscientes de que serán afectadas por un subministro enerxético menos seguro e máis caro.

5 reflexións sobre “Lloyd’s únese ás institucións que advirten dunha catástrofe a causa do Teito do petróleo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.