O ‘Teito do Estado’? O declive terminal do Estado do Benestar

Líamos onte no Guardian a reseña dunhas teorías que inciden nalgo que xa tiñamos albiscado por aquí: a posibilidade de que o Estado do Benestar sucumba non só ás presións neoliberais senón á propia carencia de enerxía implícita no irreversible descenso enerxético.

Segundo Steven Toft, director da empresa de consultoría Crucible, a provisión de servizos público pode que tocara teito e que o chamado Estado do Benestar sexa un fenómeno puntual na historia, que terá durado apenas unha xeración. Tras a II Guerra Mundial o gasto público medrou máis dun 400% en países como o Reino Unido.

Segundo outro blogueiro e consultor, Adil Abrar, estamos no Peak State (o Teito do Estado), usando termos análogos ao Peak Oil (Teito ou Cénit do petróleo), que estaría na base do declinar irreversible do Estado. Ao haber cada vez, a partir de agora, menos petróleo, máis custoso de obter e —xa que logo— que achegará menos enerxía neta á sociedade, os recursos dispoñibles para o conxunto da economía, da sociedade, e dentro delas o aparato estatal centralizado, serán cada vez menores.

A maioría da xente, explican no artigo, asume que unha vez que remate a crise economica, e a economía volva medrar outra vez, as cousas volverán á normalidade. Porén, a teoría do Teito do Estado predí un futuro ben distinto.

As perspectivas para as finanzas públicas do Reino Unido son xa escuras. Pagar a débeda do país, que o FMI estima que será de preto do 100% do PIB para 2014, calcúlase que leve décadas. Se engadimos a iso a débeda privada, o futuro é aínda máis negro.

Como advirte un recente informe baixo o título de Reflections on Public Service Reform in a Cold Fiscal Climate, o mantemento dos servizos públicos no seu nivel actual é insustentable, e precísase un redeseño do sistema para facer o máis posible con menos recursos: isto implicaría eficiencia, innovación, colaboración…

Pero as posibilidades desas estratexias están limitadas polos propios límites do planeta, comezando polo Peak Oil: a vida tras o Teito terá que ser máis austera, especialmente para os que dependan dos servizos públicos.

O principal problema que se advirte neste tipo de estudos é que os cidadáns non están preparados para isto, e a medida que as posibilidades de prestarlles servizos minguan, as súas expectativas e demandas medran. A xente non está preparada para os axustes á baixa necesarios en moitos campos da vida. Esta será a principal dificuldade á que terán que facer fronte os responsables públicos, meirande mesmo que a dificuldade inherente a sacaren o mellor partido posible dos minguantes recursos físicos e enerxéticos.

5 thoughts on “O ‘Teito do Estado’? O declive terminal do Estado do Benestar

  1. Xoán Doldán
    29 Xullo, 2010 at 5:27 p.m.

    O Estado do Benestar tal e como o entendemos, ten seguido distintos camiños nos diferentes páises europeos, onde nunha economía capitalista se dan certas prestacións a colectivos ou en certos casos, que se atopan nunha situación de necesidade extrema, pasan por momentos de dificultades ou remataron (temporal ou definitivamente) unha relación laboral, xunto á cobertura de certos servizos con carácter universal (dereito ou educación). Deste modo o Estado do Benestar, malia o capitalismo no que se inscribe, supón un carácter por veces asistencial ao evitar o desamparo ou a pobreza absolutas, por veces socializante (por non dicir socialista) ao recoñecer dereitos económicos universais.

    Do que agora se fala é da crise deste modo de resolver problemas sociais. Considerando a preocupación crecente nestes momentos de crise, e a crise sistémica que se abre para o futuro, entendo que a crise do Estado do Benestar está vinculada á crise do propio capitalismo. Con todo, as fórmulas de solución deben pensarse con sumo coidado. Non esquezamos que os criterios de eficiencia económica cos que, en moitas ocasións ou case sempre, se valoran os servizos públicos, están contaminados da ideoloxía máis ultraliberal, de modo que sempre o público, por definición,sempre aparece como ineficiente e a solución é sempre o da mercantilización (privatización) do público, tal e como comezaron a facer Thatcher e os seus secuaces e logo imitaron tantos governos.

    Os modelos de asistencia centralizada, a concepción dos servizos públicos dependentes de grandes investimentos infrestruturais, o clientelismo político exercido na súa xestión, a corrupción, a burocratización excesiva…teñen contribuído a engordar os custes moi por riba do que, noutro caso, sería necesario para obter os mesmos servizos.

    No cambio sistémico ao que nos enfrontamos deberíamos considerar a necesaria reforma da súa xestión, como a de todo o aparato administrativo ou a organización produtiva e dos mercados. Con certeza non podemos agardar manter, tal e como os coñecemos hoxe, moitos servizos públicos, pero tamén é certo que deberán nacer outros. Se a transformación ten vimbios realmente democráticos, eses servizos tampouco deberían desaparecer, aínda que muden a súa natureza. Pero, ollo, agardemos tamén o último asalto das empresas aos servizos públicos como modo de cubrir outras perdas no mercado, como modo de facerse co control dos ingresos públicos. Acabamos de velos coas infraestruturas que xa comezarán a financiar (sic) e xestionarse privadamente

  2. 7 Agosto, 2010 at 3:59 p.m.

    Cosa positiva: hoy un artículo de El País, que habla del cénit del petróleo y de la Transition Network, os menciona. Enhorabuena, y a seguir trabajando.

    Salu2,

    Antonio

  3. 16 Agosto, 2010 at 1:22 p.m.

    Gracias, Antonio. Verás que el artículo lo hemos reproducido en este mismo blog.

    Esperamos que tú también sigas en la brecha con tu blog y tu colectivo 🙂

  4. 16 Agosto, 2010 at 1:24 p.m.

    Por medio do Energy Bulletin lemos uns datos moi clarificadores do camiño que leva o Estado do Benestar publicados polo New York Times e mais o Wall Street Journal. Despedimentos masivos, escolas pechadas, liñas de trasporte público pechadas, alumeado público que hai que apagar por non haber cartos con que pagar a factura eléctrica, estradas que non se poden reparar, redes enteiras de bibliotecas pechadas, etc. etc.

    …Xa sabemos o que nos espera por aquí.