O goberno británico, preocupado, analiza o problema do ‘peak-oil’ en segredo

Escudo británicoHoxe aparecía a nova retrasmitida por diversos activistas do peak-oil no Twitter: o xornal The Guardian informaba das reunións que diversos ministerios británicos (incluído o de Defensa!) estaban a ter para analizar esta cuestión e as súas preocupacións por non estar preparando o país axeitadamente. En xuño o que fora máximo asesor científico do goberno acusaba á clase política de practicar a política da avestruz ao respecto.

Estas noticias aparecen cando se van cumprir os 2 meses desque Izquierda Unida presentou unha pregunta oficial ao goberno español sobre a cuestión do Teito do petróleo e sobre as revelacións que puñan en dúbida a fiabilidade da AIE. O goberno español, aínda non sabe / non contesta.

Pola súa importancia, traducimos aquí o artigo de The Guardian:

Conversas oficiais secretas revelan a alarma sobre o teito do petróleo

Por tras do rexeitamento gubernamental dos temores ‘alarmistas’ existe unha crecente preocupación polo crítico subministro futuro de enerxía

DECCA especulación acerca de que os ministros do goberno están bastante máis preocupados acerca dun futuro colapso do subministro do que teñen admitido, veuse impulsada pola revelación de que están sondeando a industria e a comunidade científica acerca do “peak oil”.

O DECC tamén está rexeitando entregar documentos acerca da política oficial sobre o “peak oil” -o punto no que a produción (sic) de petróleo chega ao seu máximo e comeza a decrecer- baixo a FoI, malia ter entregado outros nos que admitía que “o segredismo acerca do asunto probablemente non sexa bo”.

Algúns expertos aseguran ter recibido unha carta de David Mackay, conselleiro científico xefe do DECC, pedíndolles información e consello sobre o teito do petróleo, no medio dunha campaña de empresarios como Sir Richard Branson para que goberno poña en marcha plans de continxencia para facer fronte a calquera crise futura.

Unha voceira do departamento insistiu en que a solicitude de Mackay era rutineira e que non houbera máis mudanza na postura oficial que manter o tema baixo estudo. O cuestión do Teito fora en efecto rexeitada como alarmista polo anterior ministro de enerxía, Malcolm Wicks, nun informe ao goberno o pasado verán, mentres empresas petroleira como a BP, que teñen unha influencia decisiva sobre Whitehall, tomaban unha postura semellante.

Pero uns documentos obtidos baixo a Lei FoI aos que tivo acceso The Observer, amosan que houbo unha xuntanza sobre o “peak oil” que reuniu a persoal do DECC, do Banco de Inglaterra e do Ministerio de Defensa -entroutros- para discutir o asunto.

Unha nota ministerial daquel cumio advertía de que “as liñas que segue o goberno sobre o teito do petróleo non son moi axeitadas. Precisan tomar en conta a mudanza climática e poñer máis énfase na redución da demanda e tamén no feito de que o teito pode aumentar a volatilidade do mercado”.

Estes comentarios foron escritos hai 12 meses, pero unha carta en resposta a unha petición FoI, escrita por responsables do DECC e datada o 31 de xullo deste ano, di que só poden revelar certas informacións sobre o que está baixo discusión de política gubernativa porque está aínda aberta e é de “alto nivel”.

A carta engade: “Recoñecemos os argumentos sobre o interese público a prol da divulgación desta información. En particular recoñecemos que unha meirande trasparencia fai o goberno máis aberto e controlable e poderían fornecer unha nova visión do teito do petróleo.”

“Porén, calquera interese público na revelación dunha tal información debería estar equilibrada coa necesidade de asegurar que ministros e conselleiros poidan discutir a política pública dun xeito que permita os intercambios francos de puntos de vista e opinións acerca de temas importantes e sensibles.”

Así e todo a nota da xuntanza do ano pasado fala de que o segredismo acerca do asunto “poida non ser bo”, aínda que suxire que os responsables públicos se manteñan fieis á liña de que a Axencia Internacional da Enerxía é unha autoridade neste campo e salienta que a AIE confía en que haberá reservas de abondo para facer fronte á demanda ata 2030 sempre e cando se manteña o investimento nas novas reservas.

Pero estase somentendo a un escrutinio cada vez maior á organización con base en París, por parte dun crecente grupo de críticos que opinan que o optimismo da AIE está fóra de lugar. O ano pasado The Guardian revelou que existía disensión interna na AIE con certos membros veteráns que confirmaban ao xornal que as cifras oficiais sobre subministros futuros de petróleo a nivel mundial eran demasiado optimistas.

A AIE predicía no seu World Energy Outlook publicado en novembro de 2009 que a demanda de petróleo medraría dos 85 millóns de barrís por día ata 88 millóns no 2015 e que chegaría aos 105 millóns no 2030. A organización supón que o reto de abastecer esa demanda se pode conseguir mediante unha combinación dunha meirande produción (sic) dos países da OPEP e das fontes non convencionais.

Pero unha fonte interna da AIE afirmou: “Moitos dentro da organización cremos que manter os subministros de petróleo mesmo a 90 ou 95 millóns de barrís ao día sería imposible, pero hai medo de que o pánico poida extenderse nos mercados financeiros se os números se rebaixasen máis. E os estadounidenses temen a fin da supremacía do petróleo porque ameazaría o seu poder sobre o acceso aos recursos petrolíferos.”

A AIE negou as supostas disensións internas e aférrase ás súas cifras. Pero Kjell Aleklett, profesor de física na Universidade de Uppsala (Suecia) e autor dun informe titulado The Peak of the Oil Age, afirma que a produción (sic) de cru é máis probable que estea nos 75 millóns de barrís ao día para 2030 que a proxección “pouco realista” de 105 millóns, da AIE.

6 thoughts on “O goberno británico, preocupado, analiza o problema do ‘peak-oil’ en segredo

  1. 23 Agosto, 2010 at 5:51 p.m.

    A noticia está aparecendo noutros medios sensibles ao tema do peak-oil, como o web Business Green: http://www.businessgreen.com/business-green/news/2268554/uk-government-held-secret-peak

  2. 23 Agosto, 2010 at 5:53 p.m.

    Coido que esa noticia ten unha relevancia moi grande, xa que non soamente se revela que o goberno británico recoñece a existencia e gravidade do Teito do petróleo (desde hai máis dun ano!), senón que tamén recoñece que non está facendo o que debe para preparar o país para as súas consecuencias.

    Dimitirá alguén? 😉

  3. 25 Agosto, 2010 at 7:14 p.m.

    Hoxe tamén o traduciron e comentaron en CrisisEnergetica.org vencellándoo coa pregunta parlamentar que impulsou a nosa asociación coa axuda de Esquerda Unida, da que xa se cumpriron 2 meses sen resposta.