Un informe da intelixencia militar alemá recoñece o ‘Peak-oil’ e os seus graves efectos políticos e económicos

Exército AlemánGuerra, fascismo e colapso da economía mundial. Despois das recentes revelacións sobre a preocupación disimulada do goberno británico ou as xa coñecidas acerca das análises estratéxicas dos EUA, por non citar as de organizacións do ámbito empresarial como Siemens o Lloyd’s, vimos de coñecer hai pouco esas negras perspectivas grazas a unha filtración dun informe a cargo do Tenente Coronel Thomas Will do departamento de Prospectiva do Centro de Transformación da Bundeswehr (ejército alemán). A noticia foi comentada xa en The Oil Drum, ASPO e Crisis Energética, entroutros medios especializados. Nós queremos ofrecer aos lectores do noso blog unha tradución parcial do artigo aparecido sobre o asunto na edición internacional en inglés do semanario alemán Der Spiegel, que resume as conclusións do informe:

Un estudo dun think tank militar alemán ven de analizar como o Teito do petróleo podería trocar a economía mundial. O bosquexo interno, filtrado na Internet, amosa por primeira vez con que coidado o goberno alemán está considerando a posibilidade dunha crise enerxética.

(…)

O asunto é tan explosivo desde un punto de vista político que é de salientar que sexa unha institución como a forza de defensa alemá, a Bundeswehr, quen mesmo chegue a empregar o termo peak-oil. Pero o estudo que está circulando pola bloguesfera alemá vai máis alá diso.

O estudo é un producto do departamento de Prospectiva do Bundeswehr Transformation Center, un think tank estratéxico do exército alemán. O equipo de autores, liderado polo Tenente Coronel Thomas Will, emprega nalgúns parágrafos unha linguaxe dramática para pintar o panorama consecuencia do irreversible devalar das materias primas. Advirte das mudanzas no equilibrio internacional de poder, da formación de novas relacións baseadas na interdependencia, dun devalar da importancia dos países occidentais industrializados, do “colapso total dos mercados” e de graves crises políticas e económicas.

O estudo, cuxa autenticidade foi confirmada a Spiegel Online por fontes do goberno, non estaba pensado para ser publicado. Disque está en fase de bosquexo e que soamente inclúe opinións científicas e que aínda non ten pasado polas autoridades de Defensa nin doutros departamentos gobernamentais.

(…)

O estudo da Bundeswehr pode que non teña consecuencias políticas inmediatas, pero mostra que o goberno alemán teme que se poidan producir axiña cortes do subministro.

Segundo o informe, hai “probabilidade de que o Teito ocurra contra o ano 2010 e que o impacto na seguridade se comece a notar 15 ou 30 anos despois”. A predición da Bundeswehr é consistente coas dos reputados científicos que asumen que a extracción mundial de petróleo ou ben xa pasou o seu máximo ou o vai facer este ano.

Fallos do mercado e reaccións en cadea a nivel internacional

Os impactos políticos e económicos do Teito do petróleo sobre Alemaña foron agora analizados por primeira vez en profundidade. O experto en petróleo Steffen Bukold avaliou e resumiu as conclusións do estudo da Bundeswehr. Velaquí os puntos centrais:

  • O petróleo determinará o poder: O petróleo virará un factor decisivo no novo escenario de relacións internacionais: “A importancia relativa das nacións produtoras de petróleo no sistema internacional está a aumentar. Estes países están usando as vantaxes resultantes disto para expandir o ámbito das súas políticas domésticas e internacionais e para se estabeleceren como novos -ou renovados- poderes rexionais, ou nalgúns casos mesmo mundiais.”
  • Crecente importancia dos exportadores de petróleo: Para os importadores de petróleo, unha meirande competencia polos recursos significará que haberá máis países competindo polo favor das nacións produtoras. Isto suporá para estas unha oportunidade para poñer en práctica os seus fins políticos, económicos ou ideolóxicos. Como esta ventá de oportunidade só estará aberta durante un tempo limitado, “isto podería resultar nunha defensa máis agresiva dos intereses nacionais por parte dos países produtores de petróleo”.
  • Política no canto do mercado: Espérase que unha crise no subministro fará recuar a liberalización do mercado enerxético. “A proporción de petróleo vendido libremente no mercado mundial minguará a medida que cada vez máis petróleo se venda mediante contratos entre países”, afirma o estudo do Bundeswehr Transformation Center. A longo prazo, continúa o informe, o mercado mundial do petróleo, só poderá seguir as leis do libre mercado dunha maneira restrinxida. “De novo serán comúns os acordos bilaterais de subministro condicionado e as asociacións privilexiadas, como as que se viron antes das crises do petróleo da década de 1970.”
  • Fallos do mercado: Os autores pintan un panorama sombrizo acerca das consecuencias dunha escaseza de petróleo. Xa que o trasporte de bens depende do petróleo, o comercio internacional podería sufrir colosais medres de custos. “Poderían xordir cortes no subministro de ben vitais” como resultado, por exemplo, no subministro de alimentos. O petróleo úsase directa ou indirectamente na produción do 95% de todos os produtos industriais. Así, poderían verse crises de prezos en case todas as industriais a través de todas as etapas da cadea industrial. “No termo medio, o sistema económico internacional e todas as industriais nacionais orientadas ao mercado colapsarían”.
  • Volta á economía planificada: Xa que virtualmente todos os sectores económicos dependen fortemente do petróleo, o peak oil podería levar a un “fallo parcial ou completo dos mercados”, di o estudo. “Unha alternativa viable sería que o goberno racionase e distribuíse os produtos máis importantes ou a posta en marcha de plans de produción e outras medidas coercitivas de curto prazo para reemprazar os mecanismos baseados no mercado nas épocas de crise.”
  • Reacción en cadea internacional: “Restruturar os subministros de petróleo non poderá ser posible da mesma maneira en todas as partes do mundo antes do impacto do Teito. O máis probable é que un gran número de países non estean en posición de hacer os investimentos precisos a tempo ou da magnitude precisa.” Se hai colapsos económicos nalgunhas rexións do mundo, Alemaña tamén se podería ver afectada: non podería fuxir das crises doutros países, porque está demasiado integrada na economía mundial.
  • Crise da lexitimidade política: A Bundeswehr tamén esperta temores sobre a supervivencia da propia democracia. Parte da poboación podería perceber que o caos consecuencia do Teito do petróleo é “unha crise xeral do sistema”. Isto crearía “espazo para alternativas ideolóxicas e estremistas ás formas de goberno existentes”. É probable a fragmentación da poboación afectada e podería, “en casos estremos levar a conflitos abertos”.

(…)

Contactado por Spiegel Online, o Ministerio de Defensa alemán declinou facer comentarios sobre o informe.

11 thoughts on “Un informe da intelixencia militar alemá recoñece o ‘Peak-oil’ e os seus graves efectos políticos e económicos

  1. Ghoidel
    7 Setembro, 2010 at 10:49 a.m.

    De acordo en xeral coas predicións dos xermanos pero iso de que non se van notar os efectos ata dentro de 15 ou 30 anos… paréceme pouco sólido. Como imos resistir 15 anos de decrecemento da economía, cando está pensada para funcionar soamente nun crecemento permanente?

  2. 7 Setembro, 2010 at 2:05 p.m.

    Pois si, Ghoidel, coincido contigo en que é raro ese lapso tan grande de tempo, sobre todo se temos en conta os tempos que manexaba Hirsch no seu famoso informe para o goberno Bush, ou a tendencia en caída libre da taxa de retorno enerxético.

    Por certo, engado reseña de La Jornada, o xornal mexicán sobre a nova.

  3. 8 Setembro, 2010 at 12:22 p.m.

    Tamén o comentan (como non!) no imprescindible Energy Bulletin.

  4. 11 Setembro, 2010 at 2:11 p.m.

    Miingos: que ten que ver o que puxeches como comentario coa noticia? Voucha borrar e aconsello que te manteñas no tema de cada post se queres comentar.

  5. 11 Setembro, 2010 at 2:11 p.m.

    Tamén nun blog do New York Times comentaron o informe: http://green.blogs.nytimes.com/2010/09/09/study-warns-of-perilous-oil-crisis

  6. 29 Setembro, 2010 at 12:40 p.m.