Sábeno

Claro que o saben, pero calan para manter unha economía artificial, sen límites, baseada nas perspectivas de crecemento eterno.

Moita xente ben intencionada pero inxenua, gasta enerxías en tentar facer chegar o aviso do Teito do petróleo aos líderes políticos, aos gobernos no poder… Como se non o souberan! Mellor farían en se preparar para afrontaren sen axuda de riba as consecuencias de que eles —os que mandan— malia o saberen, disimulan e asubían a súa canción de sempre: “Aquí todo vai ben… Non pasa nada… A economía ten os seus ciclos e tarde ou cedo a crise vai rematar e volverán os bos tempos… Segan traballando… e sobre todo segan comprando! Compren, compren, compren!!”

James SchlesingerPero hoxe o que fora secretario de enerxía (e tamén director da CIA), James Schlesinger recoñeceuno hoxe na conferencia anual da ASPO: “O actual secretario de enerxía dos EUA, Steven Chu, coñece o problema do Peak oil, pero se falase, colapsaría Wall Street”. Así nolo trasmitía un(a?) asistente.

Así que o saben, pero calan. Calan por medo a ser os que digan que a festa rematou, que hai que mudalo todo e que o sistema actual, capitalista e industrial, ten os días contados, porque imos quedar sen petróleo e non hai posibilidades de lle atoparmos substituto en tempo e escala como para seguir adiante. Quen vai recoñecer que a Segunda Lei da Termodinámica se escaralla de risa con iso da perfecta substituibilidade dos factores produtivos? Quen lle pon o axóuxere ao gato? Eles non. Querédelo máis claro?

PS: O evento da ASPO pódese seguir no Twitter en #peakoil2010