Reproducimos unha análise de Xoán R. Doldán dentro dun debate da nosa asociación, polo seu interese. Resume moi claramente a perspectiva á que se enfrente o capitalismo como consecuencia da súa crise e do Teito do petróleo:
a crise, devenida polo desaxuste entre unha economía hipermonetarizada e unha base material que non puido (pode) seguir ese crecemento desaforado, e os primeiros síntomas do peak oil, está servindo para tomar medidas de axuste non democráticas para tratar de prolongar a vida do capitalismo. Como facelo? é difícil sen cuestionar o propio carácter do capitalismo. Como dixen o capitalismo necesita dun crecemento continuado pero tamén que (ai! que de actualidade está hoxe a análise marxista para algunhas cousas!) o proceso de acumulación de capital non cese. Para conseguir isto pode darse por un aumento do consumo (o consumo en masa e crecente), pero isto só é a parte visíbel dun proceso menos visíbel que é o proceso de expropiación do excedente. Endebedar aos traballadores para que o froito do seu traballo acabe dunha ou doutra forma nas mans do capital financeiro e, tamén, do produtivo, como no seu momento conseguiu, por exemplo, o fordismo. Pero hai outras formas, as veces máis antigas pero que poden rexurdir, como é a ampliación das horas de traballo, a profundización da produtividade sen aumento dos salarios, a redución dos salarios medios… Un empobrecemento xeralizado da poboación nos países do primeiro mundo (no terceiro mundo xa están empobrecidos) implica unha boa base para extraer o excedente que aínda queda en mans dos traballadores, sobre todo se ademais se perden dereitos sociais e se privatizan ámbitos que obrigarán a que o salario real se convirta nun mero salario de subsistencia etc etc etc. (haberá que reler a Dickens).
Todo isto non solucionará o problema pero retardará certos efectos letais para os grupos de poder. Transitar cara unha sociedade que decreza democraticamente ou que decreza ás bravas é o que está a suceder. Máis un ou outro finalmente deixarán de ser capitalistas, o primeiro porque non está na súa natureza, o segundo porque aínda existindo opresores e oprimidos ese non é característica exclusiva do capitalismo, e non é eterno,(parafresando a Marx) nel habita o xerme da súa propia destrución.
Unha reflexión sobre “Ao final a sociedade deixará de ser capitalista, pero está por ver se será democrática”