Un conto de ficción monetaria

Por Xoán R. Doldán:

Quo vadis, euro?Dado que é conto e non novela permitireime certas licenzas simplificadoras:

Supoñamos que as cousas están tan mal que o rescate financeiro a varios países da UE, recomenda a expulsión do euro (e a volta á antiga moeda ou a instauración dunha nova) deses países. A situación económica interna dalgúns deses países non se correspondía co mantemento dunha moeda forte, sobre todo nun réxime cambiario flexíbel onde a cotización se decide nos mercados financeiros e onde xogan desde cuestións especulativas a outras máis “obxectivas” relacionadas coa percepción da UE no seu conxunto como unha rexión economicamente forte e expansiva, aínda que algunhas das súas partes manifestara serios síntomas de debilidade. De modo que certos países deberían ter unha moeda menos forte que o euro.

Volverá a peseta?Supoñamos que nesa expulsión do euro están, p.e. Portugal que pasa a acuñar o escudeuro mais con unha cotización inicial de 1 escudeuro = 0,7 euros, nunha práctica de devaluación monetaria onde se intenta achegar o valor da moeda á situación económica do momento e en espera de que os mercados, caso de que a situación económica portuguesa mellore aprecien a moeda e recuperen a cotización 1 escudeuro = 1 euro, ou caso que de que non mellore a economía deprecien a moeda a p.e. 1 escudeuro = 0,6 euros. Imaxinemos que, p.e., a mesma situación se dá en España onde se acuñará agora o peseteuro con unha cotización inicial de 1 peseteuro = 0,8 euros. E supoñamos que no cambio de moeda decídese que, a efectos de cambio rápido o diñeiro en depósito, en débeda etc., se transformará automaticamente á razón de 1 euro = 1 escudeuro = 1 peseteuro

Há volver o escudo?En medio desta situación está en Portugal o Sr. Nuno con uns aforros de 10.000 euros, 1.000 deles gardados na casa e 9.000 no banco. E en España está a Sra. María tamén con 10.000 euros aforrados, coa mesma distribución que o Sr. Nuno.

E sucede o cambio de moeda.

Posíbel roubo masivo co gallo do abandono do euroE que veu pasar cos aforros do Sr. Nuno e a Sra. María?. Pois que, de súpeto, o Sr. Nuno ten 9.000 escudeuros no banco e 1.000 euros na casa, ou o que é o mesmo pasa a ter 6.300 euros + 1.000 euros = 7.300 euros (10.428,57 escudeuros). E a Sra. María pasa a ter 9.000 peseteuros no banco e 1.000 euros na casa, é dicir 7.200 euros + 1.000 euros = 8.200 euros (10.250 peseteuros). E onde van os 2.700 euros volatilizados do Sr. Nuno e os 1.800 euros da Sra María?. Son parte do rescate do sistema financeiro, e con sorte de que logo a moeda non se deprecie máis.

No entanto, todo isto é demasiado obvio, a reforma monetaria semella ser un roubo organizado e esa, por suposto, non era a intención. Así que supoñamos que o cambio de moeda se fai con todas as consecuencias na relación 1 euro = 1 escudeuro = 1 peseteuro. O Sr. Nuno e a Sr María teñen agora uns aforros que nunha ou outra moeda valen o mesmo, así que euro, peseteuro ou escudeuro, éche o mesmo, así que aínda que agora os cartos no banco pasen a contarse na nova moeda non pasa nada e deciden manter, confiados, a distribución dos aforros como até agora. Máis aínda, converter eses cartos do banco a euros (xa o eran pero co cambio monetario cambia a unidade monetaria de referencia) suporía pagar unha pequena comisión polo que sairían perdendo, así que, como dixen, manteñen o diñeiro no banco.

Máis os mercados financeiros, listos onde os haxa, detectan inmediatamente que ese tipo de cambio é demasiado elevado e que non se corresponde coa realidade económica española ou portuguesa, así que, eles si (os mercados digo, eses entes descoñecidos!), os euros que tiñan en España e Portugal e que por arte de birli birloque se transformaron en peseteuros e escudeuros deciden vendelos e comprar euros, dos que aínda seguen a fiarse un pouco (máis desde que algúns países abandonaron a zona euro) facendo caer a cotización das moedas española e portuguesa, e nesa depreciación os tipos de cambio quedan fixados en 1 escudeuro = 0,7 euros e 1 peseteuro = 0,8 euros.

Como resultado o Sr. Nuno e a Sra. María ficaron por ter uns aforros que perden valor, na mesma proporción que no suposto que fixéramos antes. Iso si, non foi un roubo organizado senón a mao invisíbel do mercado e os seus mercaderes.

E que tería pasado se tiveran todos os cartos na casa?. O Sr. Nuno e a Sra María seguirían cos seus 10.000 euros, que cambiados por escudeuros, logo do cambio de moeda, se convertirían en 14.285,71 escudeuros (na vez dos 10.428,57) ou 12.500 peseteuros (na vez dos 10.250).

Mais isto é un conto, e nada disto ten porque pasar. Ao fin e ao cabo, o euro é forte, a UE é forte, o sistema bancario español é forte…

E que tería pasado se daquela, naquel tempo, España e Portugal seguiran a manter a súa moeda, a súa autonomía en política monetaria… pois que non terían participado no euro, da súa bonanza, da súa sobreapreciación, das decisións do Banco Central Europeo…non habería agora escudeuros e peseteuros. Mais ese é outro conto.

16 thoughts on “Un conto de ficción monetaria

Deixa una resposta a casdeiro Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.